Buscar neste blog

xoves, 20 de agosto de 2020

A limpeza da parcela 219 do monte veciñal de Couso avanza cara á súa fin

O crecemento da biomasa forestal nas proximidades dos núcleos de poboación supón en serio perigo en caso de incendio. A causa dos terribles episodios ocorridos no verán de 2006 ou no outono de 2017, no que o lume cercou ou incluso chegou a queimar algunha vivenda, causando ademais algunha vítima mortal entre os membros das brigadas de extinción, as administracións competentes decidiron tomar mans no asunto para abordar un tema de tanta gravidade. Xeralmente, son os concellos os encargados de enviar unha notificación aos propietarios e propietarias das parcelas que constitúen un risco por estares a escasa distancias das zonas habitadas. Segundo a lei aprobada polo goberno da Xunta de Galicia o 28 de decembro de 2018, as superficies forestais que se atopen a menos de 50 metros de distancia dos núcleos habitados deberán estar rozadas e non poden conter especies pirófitas, é dicir, piñeiros, eucaliptos e acacias. No caso de detectares un caso no que se incumpra esta lei os concellos ou a Consellería de Medio Rural remitirán aos propietarios e propietarias unha notificación cun requerimento onde se lle dá un prazo para acometer estas tarefas. De non haber resposta por parte das persoas propietarias, a administración competente procederá a executar as tarefas de limpeza da parcela, imputándolle os gastos á persoa interesada. E no caso de que o importe destes traballos supere o valor catastral da parcela, poderá iniciarse, se se estima conveniente, a expropiación forzosa. Normalmente a institución municipal actúa de oficio, pero noutras ocasión son os veciños e veciñas que habitan no entorno das parcelas que precisan unha limpeza de biomasa as que avisan ao concello para que envíe as notificacións e inicie o procedemento correspondente. 

A parroquia de A Armenteira non é unha excepción neste sentido. En lugares como o de Couso existe unha problemática particular. Trátase do monte de propiedade veciñal, que ata 1924 pertencía á Dolores Carballa, unha veciña da parroquia de Bordóns, no concello de Sanxenxo, e que ata ese momento obrigaba ás xente de Couso a un pagamento periódico á propietaria polo uso deses terreos. E foi precisamente o 4 de novembro de 1924 cando unha representación veciñal se reuniu con Dolores Carballa para abonarlle a cantidade de 250 pesetas, co cal quedaban liberados das obrigas forais e convertíanse en posuidores de pleno dereito. Curiosamente a persoa que actuou como notario deste acordo, como figura nun documento custodiado en varios domicilios do lugar, foi o que por aquel entón exercía como sacerdote de A Armenteira, Don Antonio Buceta Güimil. Estes terreos, ocupados na súa totalidade por superficie forestal, viñeran sendo explotados polas xentes de Couso durante varios séculos. A historia e o dominio útil exercido ao longo de tanto tempo outorgan a titularidade destas propiedades á comunidade de veciños e veciñas, os cales, como indica a tradición deben ter "casa aberta e con fume" no lugar. Na práctica isto supón que a comunidade veciñal titular do monte pode variar se se incrementa o número de fogares ou se algunhas casas pechan ou quedan abandonadas. Polo tanto, a titularidade destas propiedades é colectiva, non particular, e vai ligada irremisiblemente á condición de veciño ou veciña de Couso. No pasado estas masas forestais foron fundamentais para a subsistencia das familias, pois alí recollían leña, cortaban toxo e estrume, pastoreaban o gando ou incluso sementaban centeo, trigo ou outros produtos. Segundo lles conviña ou segundo precisaban, acudían ao monte veciñal a traballar ou a buscar os recursos básicos para unhas economías baseadas na agricultura e na gandaría de subsistencia en épocas nas que a miseria e a fame eran as notas predominantes. No caso de Couso, ao igual que ocorre en lugares próximos como Gondes, As Pereiras e Cabeza de Boi, o monte veciñal dividiuse en "sortes" ou "quiñóns", pequenas porcións de terreo explotadas cada unha delas por unha familia con casa habitada na aldea, unha división que tamén recolle unha documentación catastral elaborada tras os voos que a aviación militar estadounidense realizou sobre o territorio español durante a época franquista. En concreto, o que maior información nos proporciona é o coñecido como "Vuelo Americano Serie B", que tivo lugar entre 1956 e 1957, e que nos ofrece unha imaxe da superficie da parroquia de A Armenteira e de lugares como o de Couso bastante precisa para os medios existentes naquel momento, pero moi distinta da que podemos observar na actualidade. De feito, moitas das edificacións ou das vías de comunicación non existían ou tiñan un trazado moi distinto ao que teñen nos nosos días.

Para abordar a limpeza desta masa forestal de titularidade veciñal, e atendendo as demandas particulares das xentes de Couso, unha representación do equipo de goberno do Concello de Meis, acompañado de persoal técnico municipal, desprazouse ata o lugar a inicios de setembro de 2019, coa intención de valorar a situación da biomasa destes terreos comunais nas proximidades das vivendas e estudar as posibilidades de actuación. O 3 de outubro dese mesmo ano, na zona de O Souto, tivo lugar unha xuntanza, á que acudiu a propia alcaldesa Marta Giráldez. Na mesma escoitouse aos veciños e veciñas, que formularon as súas propostas, e puideron resolver algunhas dúbidas, e acordouse que cada familia posuidora dun dos quiñóns do monte veciñal que se atopasen a metros de 50 metros dos núcleos habitados comezase coas tarefas de limpeza. A dureza do inverno, no que as choivas foron frecuentes, así como a deixadez de boa parte das persoas posuidoras destas parcelas, fixo que estas tarefas se postergasen, e ante a inminente chegada do verán, o equipo de goberno do Concello volveu convocar unha nova reunión. Esta tivo lugar o 22 de maio, tamén na zona de O Souto, e cunha presenza máis numerosa de veciñas e veciñas ca na anterior ocasión. Alí a alcaldesa deu o coñecer o plan definitivo de actuación. Este consistía en delimitar unha área forestal concreta para limpar, ao ser considerada tanto polos técnicos municipais como por algúns veciños e veciñas próximos a ela como a de maior risco en caso de incendio. Trátase da parcela que na Dirección General de Catastro aparece catalogada co número 219, no polígono 223, e que neste mesmo rexistro é nomeada como Carrasqueira. Como prazo para acometer as tarefas de corta e desbroce púxose un mes, durante o cal as xentes de Couso comezaron a actuar sobre estes terreos. Houbo quen decidiu actuar pola súa propia conta, encargándose personalmente dos traballos, e desenvolveu un desbroce da maleza e unha corta máis ou menos exhaustiva da madeira, e houbo quen decidiu recurrir a unha empresa madeireira para que se encargase destes labores. Foi este o caso da maior parte dos veciños e veciñas que, pasado o período fixado dun mes, xa tiñan acordado con maior ou menor detalle o trato con estas empresas. A delimitación dos marcos que separan os quiñóns, a fixación do prezo da compravenda da madeira, as dificultades de contactar e poñer de acordo a tantos posuidores ou a apretada axenda destes profesionais forestais fixeron que o inicio dos labores de corta e limpeza se retrasasen. Entrementres, o 4 de agosto, un incendio forestal nunhas leiras de propiedade particular situadas na zona da Revolta poñía en vilo á veciñanza de Couso e ás autoridades municipais. Por sorte, a rápida intervención dos medios de extinción aéreos e terrestres, xunto coa existencia nesa zona de especies menos propicias para a propagación do lume, como os carballos, impediron que o suceso tivese maiores consecuencias. Apenas uns días despois, dúas empresas madeireiras, Maderas Villanueva e Hijos e Maderas Castro, ambas as dúas con sede ou raíces na parroquia de A Armenteira, iniciaban as tarefas de corta e limpeza do monte. A profesionalidade e a excelente dotación a nivel de medios cos que contan estas dúas empresas contribuiron a acelerar o desenvolvemento destes traballos, e cando non se cumpren aínda dúas semanas do comezo destas tarefas, practicamente xa deron talado toda a madeira que trataran cos veciños e veciñas posuidoras desas porcións de terreo. Simplemente falta por rematar a tala no curruncho situado máis cara o norte da parcela e por moer as ramas e os restos das cortas de leña, uns traballos de menor duración en comparación cos que se teñen realizado ata o de agora. Como poden comprobar as xentes de Couso e todas aquelas persoas que transitan polo lugar ou pola estrada que conduce de Barrantes ao mosteiro cirterciense de A Armenteira, a limpeza levada a cabo nesa superficie forestal permite divisar tanto a estrada como algunhas zonas do lugar de Couso cunha claridade que non se lembra desde fai décadas. Ademais o risco de incendio nesta parcela diminuíu notablemente e, como moito este podería limitarse á parcelas colindantes, de propiedade particular, poboadas de eucaliptos, acacias ou piñeiros, e que, nalgún caso, poderían aproximarse aos 50 metros de distancia respecto dos núcleos habitados. Pero do que non cabe dúbida é de que a parcela 219, a que se acordou limpar nas sucesivas xuntanzas veciñais, polo menos durante un tempo, vai lucir máis limpa e cun menor risco de incendio do que quizais nunca o estivo.




domingo, 16 de agosto de 2020

O programa TIC Emprendes, unha oportunidade para a mocidade de A Armenteira

Presentado o venres, 14 de agosto, no salón de actos da Casa Consistorial do Concello de Meis, coa presenza da alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, xunto coas e cos representantes do equipo de goberno, ademais do deputado provincial Manuel González, xunto co persoal técnico encargado de dirixir as actividades formativas, o programa TIC Emprendes, promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra e financiado polo Fondo Social Europeo, está orientado a ofrecer novas alternativas laborais para a mocidade que reside no rural, ao tempo que contribúe a asentar poboación nestas áreas. Destinadas a mozas e mozos de entre 16 e 30 anos, as accións formativas que comprende o programa TIC Emprendes centraranse basicamente en dous ámbitos, o sector turístico e as tecnoloxías da información e da comunicación. Sen esixir uns estudos previos, as accións formativas terán lugar no Concello de Meis, así como noutros da contorna como Meaño, Portas, Barro ou A Illa de Arousa, recibindo as persoas participantes unha bolsa de desprazamento para custear a asistencia ás clases. No caso de Meis as actividades de formación versarán sobre Aplicacións Móbiles, en concreto sobre o manexo de estratexias de programación e creación de aplicacións para dispositivos Android e IOS, e tamén sobre Operacións Básicas de pisos en aloxamentos turísticos, na que se formarán en tarefas de limpeza, posta a puntos dos cuartos, zonas nobres e áreas comúns, así como no arranxo da roupa do establecemento e das persoas usuarias. Estas actividades de formación desenvolveranse entre setembro de 2020 e abril de 2021, tendo como obxectivo a inserción laboral das persoas participantes ao remate dos cursos. Aquelas mozas e mozos que teñan interese en anotarse, sempre que cumpran os requisitos, é dicir, ter entre 16 e 30 anos, estar desempregadas e estar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Galego de Colocación, poderán inscribirse nun prazo de quince días hábiles dende o comezo das actividades formativas. 

Nunha parroquia como A Armenteira e nun Concello como o de Meis, o turismo e as novas tecnoloxías e a comunicación son dúas actividades básicas e con enormes posibilidades de futuro, tanto no propio territorio como nos concellos dos arredores, polo que a formación das mozas e mozos nestes ámbitos resulta primordial para favorecer o desenvolvemento económico, e máis en momentos como o que vivimos, nos que os efectos da pandemia global do coronavirus COVID-19 esixen un maior grado de preparación e previsión ante os retos do futuro. Ademais de poder poñer valor os grandes recursos que neste sentido posúen territorios como A Armenteira, o desenvolvemento do sector turístico e das novas tecnoloxías e da comunicación, xunto con outras actividades complementarias e asociadas, como as relacionadas coa agricultura, a gandaría, a industria e outros servizos, permitirán facer fronte a outro dos grandes desafíos de moitos dos concellos de Galicia, como é o do despoboamento. Para elo, a institución que preside Carmela Silva, en colaboración cos concellos de provincia, decidiu pór en marcha proxectos como o TIC Emprendes, no cal as mozas e mozos interesados poderán preinscribirse na páxina web www.depo.gal e no número de teléfono 886217320.





domingo, 2 de agosto de 2020

Ana de Castro, muller, feiticeira e de A Armenteira

Estes días asistimos á exhibición e á proxección por distintos puntos de Galicia de "María Solinha", unha película rodada en Cangas do Morrazo, Redondela, a illa de Toralla e San Martiño de Moaña, que estaba previsto estrear o venres, 15 de maio, no Auditorio Municipal de Cangas, e que, finalmente, a causa da crise provocada pola pandemia do COVID-19 foi estreada o 19 de xuño en Redondela, nun espazo ao aire libre, e ao día seguinte, en Cangas. Dirixida polo ourensano Ignacio Vilar, a película reconstrúe a historia de María Soliña, unha muller canguesa, viúva, que como moitos veciños e veciñas fixo fronte ao ataque dunha escadra de piratas turcos que o 9 de decembro de 1617 atacou a vila, provocando máis dun centenar de mortos, numerosas violacións, incendiando máis de 150 casas e facendo que boa parte da xente do pobo, a que non puido fuxir aos montes próximos, fose capturada para ser vendida nos mercados de escravos. Neste ataque faleceron o marido de María Soliña, o mariñeiro Pedro Barba, e algúns membros máis da súa familia. Como moitas outras persoas de Cangas, este feito  fixo que María tolease, e que cada noite baixase á praia, a escoitar as ondas e pasear  pola area lembrando aos familiares mortos. Por este motivo o Tribunal da Inquisición acusouna de practicar a bruxería, polo que foi capturada e torturada ata que confesou ser bruxa, requisándoselle os seus bens e dereitos, e sendo condenada a levar o hábito penitente, o sambenito, durante seis meses, morrendo pouco despois pobre e soa. A tradición e a lenda converteron a este personaxe nun mito, ao que contribuíu a reforzar Celso Emilio Ferreiro nun dos seus poemas, no que canta á heroína canguesa:

"Polos camiños de Cangas a voz do veto xemía:
ai, que soliña quedache, María Soliña.
Nos areales de Cangas, muros de noite se erguían: 
ai que soliña quedache, María Soliña.
As ondas do mar de Cangas acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache, María Soliña.
As gaivotas sobre Cangas, soños de medo tecían:
ai, que soliña quedache, María Soliña.
Baixo os tellados de Cangas anda un terror de auga fría:
ai, que soliña quedache, María Soliña".


A actuación do Tribunal do Santo Oficio da Inquisición en Galicia foi tardía, case corenta anos despois da súa bula fundacional. Con todo, a súa actividade está documentada en todo o territorio galego, especialmente na zona sur, posiblemente pola proximidade de Portugal e a facilidade de paso dun lado a outro da fronteira. Aínda que este tribunal ten a súa orixe en Francia a finais do século XII en terras hispanas foi instaurado na época de acceso ao trono dos Reis Católicos. Nese momento existían tres grupos relixiosos diferentes, xudeus, musulmáns e cristiáns, rexidos polas súas propias leis, coas súas propias institucións e que pagaban impostos diferentes. Pero todos estes grupos étnicos e relixiosos eran considerados súbditos dos reis e, polo tanto, tiñan dereito á protección. Nunha das primeiras viaxes de Isabel e Fernando polas terras de Estremadura e Andalucía, atopáronse con que moitas persoas que se converteran ao cristianismo seguían practicando o xudaísmo e que, ademais, trataban de xustificar a súa conduta. Entón os reis, petiron ao arcebispo de Sevilla e ao clero que levasen a cabo un intenso labor de evanxelización para tratar de convencer aos conversos para que renunciasen aos ritos xudaicos. Esta campaña, baseada principalmente en predicacións, non tivo efecto e, en 1480, os Reis Católicos nomearon a dos freires dominicos como inquisidores da diocese de Sevilla. Nos anos posteriores este tribunal foise extendendo por todo o territorio español, coa excepción de Navarra e Galicia. Coa intención principal de loitar contra calquera herexía, xulgaba asimesmo cuestións morais, temas relacionados coa bruxería ou calquera outra actuación que, a xuízo da Igrexa, constituíse un mal comportamento. A primeira referencia que se ten do Tribunal da Inquisición en terras galegas data de 1520, cando comezaron a actuar os inquisidores, aínda que de forma pouco constante e escamente continuada, exercendo de xeito ambulante e só ocasionalmente. As súas accións dirixíanse contra os conversos ou cristiáns novos que retornaban aos ritos xudaicos, o que constituía un pecado de herexía, e non así contra os xudeus, que nunca pertenceran ao cristianismo e, polo tanto, quedaban fóra do control do Tribunal da Inquisición e non podían ser procesados nin condenados. Para elo valíanse de acusacións baseadas en indicios relixiosos e culturais, que servían para culpabilizar aos xudaizantes, aínda que en boa parte dos casos estas acusacións eran dificilmente demostrables.

Como indicamos, a Inquisición non se ensañou tan masivamente en Galicia como o fixo noutras partes de Europa entre os séculos XIII e XIX. Un número importante dos procesos foron contra persoas, principalmente mulleres, acusadas de practicar a bruxería. Moitas delas sufriron un duro castigo que incluía crueis torturas e, incluso, a morte na fogueira. A mencionada María Soliño, Lucía Fidalgo, María Rodrigues ou Ana de Castro tiveron que cumprir condenas, sen probas que o demostrasen, por supostamente ter realizado pactos co demo. A comarca de O Salnés non foi allea a estes procesos, sendo Cambados a localidade na que máis actuou o Tribunal da Inquisición. Pero nesta zona hai unha figura que destaca especialmente, Ana de Castro, unha muller que foi obxecto de dous procesos inquisitoriais. O primeiro deles tivo lugar en 1626, cando esta veciña de A Armenteira aínda era unha moza solteira. Iniciado o 1 de xullo de 1626, neste proceso declararon vinteseis testemuñas na súa contra, que aseguraron que esta muller tiña trato co demo e que dixera diante de moitas persoas "que ben podía un que vai confesar, calar calquera pecado e despois confesalo ao pé dun carballo". Unha testemuña declara que fora consultarlle a Ana de Castro o paradoiro de dous leitóns que lle roubaran e que ela tomara un vaso de viño de vidro con viño e auga e, dándolle a volta ao vaso, chamou á persoa que consultaba e mostroulle dentro do vaso un dos leitóns, asegurándolle que aínda estaría vivo. As testemuñas tamén confesaron outros delitos que a presa non chegou a confesar, nin sequera baixo tortura. Do que Ana si se autoinculpou foi de ter curado algunhas persoas invocando a Xesucristo con estas palabras: "Jesucristo fue bautizado en el río Jordán, San Pedro y San Juan lo tuvieron pola man; ansi destos males se jafan pola gracia de Deus e de la Virgen María, Pater noster y Ave María". Declarada "hechicera, embustera y adivinadora", foi condenada o 14 de outubro de 1626 a saír vestida con hábito de penitente de media aspa, a un auto de fe onde se lle leu a sentenza que consistiu en douscentos azotes e ao desterro do couto de A Armenteira e de Santiago de Compostela durante seis anos. A execución da sentenza tivo lugar o 6 de decembro dese mesmo ano nunha misa maior no convento de San Paio de Antealtares, na cidade compostelá. Ana de Castro foi botada ás rúas, media núa e montada nun burro, sendo azoutada mentres percorría as rúas de Santiago de Compostela. 25 anos despois, en 1651, o inquisidor Juan Rojo de Mendiola, cóengo de Tui, de visita en Pontevedra, cidade na que por aquel entón residía Ana, que casara cun home chamado Benito de Graña, ordenou reabrir o caso, devolvendo a esta muller ás temibles prisións dos Tribunais da Inquisición, séndolle ademais expropiadas todas as súas propiedades, condenándoa a recibir outros douscentos azoutes e obrigándoa a un desterro de Galicia durante dez anos. Como base da acusación utilizaron as declaracións de vinte veciños, que volveron acusala de ter tratos co demo, os cales, coma no primeiro proceso, xamais foron comprobados. Esta foi a única noticia que ten de Ana de Castro, unha muller que tivo que andar fuxida toda a súa vida, unicamente por ser o que realmente quería ser, por querer desempeñar o seu oficio, por vivir a súa propia realidade.

Na obra "Meigas: as antigas custodias da menciña popular", a escritora e documentalista catoirense Anxos Sumai cóntanos a historia de Ana de Castro e de outras mulleres vítimas da Inquisición, que sen saber exactamente se eran meigas ou non, caeron nas redes deste cruel tribunal e sufriron vexacións, torturas e que, nalgúns casos, acabaron entre as lapas da fogueira. Detrás das acusacións que as levaron cara esta infame condena estaban a pobreza, a envexa ou a vinganza dos veciños e veciñas. Uns simples indicios servían de fundamento para iniciar uns procesos dos que apenas se teñen testemuñas históricas, máis aló do que nos relata a tradición popular, pois moitas das actas da Inquisición desapareceron, e nas se conservan non figuran todos os detalles que nos poderían axudar a desentrañar a raíz destas condenas. A figura de Ana de Castro, lamentablemente descoñecida por boa parte da poboación da parroquia que a viu nacer, é a dunha muller valente, atrevida, loitadora, que sufriu nas súas carnes a inxustiza dunha época e dun tribunal que, carecendo de garantías legais, se amparaba no fanatismo e na intolerancia para impor unha unidade relixiosa que naquel momento estaba estreitamente vencellada ao reforzamento da unidade e da autoridade política dos monarcas. Unha figura que sería preciso que as institucións e as entidades culturais e sociais lembrasen na súa xusta medida, sobre todo nunha época como a actual na que se reivindica a igualdade de xénero e na que se trata de dar relevancia figuras femininas que o discurrir da historia, sempre baixo o xugo do machismo predominante, acabou silenciando. Unha homenaxe simbólica, unha placa, unha estatua, o bautizo dun espazo público co seu nome ou calquera outro acto contribuirían a lembrar e a honrar a  Ana de Castro, unha das mulleres máis senlleiras e ilustres que deu a parroquia de A Armenteira.