Buscar neste blog

domingo, 2 de agosto de 2020

Ana de Castro, muller, feiticeira e de A Armenteira

Estes días asistimos á exhibición e á proxección por distintos puntos de Galicia de "María Solinha", unha película rodada en Cangas do Morrazo, Redondela, a illa de Toralla e San Martiño de Moaña, que estaba previsto estrear o venres, 15 de maio, no Auditorio Municipal de Cangas, e que, finalmente, a causa da crise provocada pola pandemia do COVID-19 foi estreada o 19 de xuño en Redondela, nun espazo ao aire libre, e ao día seguinte, en Cangas. Dirixida polo ourensano Ignacio Vilar, a película reconstrúe a historia de María Soliña, unha muller canguesa, viúva, que como moitos veciños e veciñas fixo fronte ao ataque dunha escadra de piratas turcos que o 9 de decembro de 1617 atacou a vila, provocando máis dun centenar de mortos, numerosas violacións, incendiando máis de 150 casas e facendo que boa parte da xente do pobo, a que non puido fuxir aos montes próximos, fose capturada para ser vendida nos mercados de escravos. Neste ataque faleceron o marido de María Soliña, o mariñeiro Pedro Barba, e algúns membros máis da súa familia. Como moitas outras persoas de Cangas, este feito  fixo que María tolease, e que cada noite baixase á praia, a escoitar as ondas e pasear  pola area lembrando aos familiares mortos. Por este motivo o Tribunal da Inquisición acusouna de practicar a bruxería, polo que foi capturada e torturada ata que confesou ser bruxa, requisándoselle os seus bens e dereitos, e sendo condenada a levar o hábito penitente, o sambenito, durante seis meses, morrendo pouco despois pobre e soa. A tradición e a lenda converteron a este personaxe nun mito, ao que contribuíu a reforzar Celso Emilio Ferreiro nun dos seus poemas, no que canta á heroína canguesa:

"Polos camiños de Cangas a voz do veto xemía:
ai, que soliña quedache, María Soliña.
Nos areales de Cangas, muros de noite se erguían: 
ai que soliña quedache, María Soliña.
As ondas do mar de Cangas acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache, María Soliña.
As gaivotas sobre Cangas, soños de medo tecían:
ai, que soliña quedache, María Soliña.
Baixo os tellados de Cangas anda un terror de auga fría:
ai, que soliña quedache, María Soliña".


A actuación do Tribunal do Santo Oficio da Inquisición en Galicia foi tardía, case corenta anos despois da súa bula fundacional. Con todo, a súa actividade está documentada en todo o territorio galego, especialmente na zona sur, posiblemente pola proximidade de Portugal e a facilidade de paso dun lado a outro da fronteira. Aínda que este tribunal ten a súa orixe en Francia a finais do século XII en terras hispanas foi instaurado na época de acceso ao trono dos Reis Católicos. Nese momento existían tres grupos relixiosos diferentes, xudeus, musulmáns e cristiáns, rexidos polas súas propias leis, coas súas propias institucións e que pagaban impostos diferentes. Pero todos estes grupos étnicos e relixiosos eran considerados súbditos dos reis e, polo tanto, tiñan dereito á protección. Nunha das primeiras viaxes de Isabel e Fernando polas terras de Estremadura e Andalucía, atopáronse con que moitas persoas que se converteran ao cristianismo seguían practicando o xudaísmo e que, ademais, trataban de xustificar a súa conduta. Entón os reis, petiron ao arcebispo de Sevilla e ao clero que levasen a cabo un intenso labor de evanxelización para tratar de convencer aos conversos para que renunciasen aos ritos xudaicos. Esta campaña, baseada principalmente en predicacións, non tivo efecto e, en 1480, os Reis Católicos nomearon a dos freires dominicos como inquisidores da diocese de Sevilla. Nos anos posteriores este tribunal foise extendendo por todo o territorio español, coa excepción de Navarra e Galicia. Coa intención principal de loitar contra calquera herexía, xulgaba asimesmo cuestións morais, temas relacionados coa bruxería ou calquera outra actuación que, a xuízo da Igrexa, constituíse un mal comportamento. A primeira referencia que se ten do Tribunal da Inquisición en terras galegas data de 1520, cando comezaron a actuar os inquisidores, aínda que de forma pouco constante e escamente continuada, exercendo de xeito ambulante e só ocasionalmente. As súas accións dirixíanse contra os conversos ou cristiáns novos que retornaban aos ritos xudaicos, o que constituía un pecado de herexía, e non así contra os xudeus, que nunca pertenceran ao cristianismo e, polo tanto, quedaban fóra do control do Tribunal da Inquisición e non podían ser procesados nin condenados. Para elo valíanse de acusacións baseadas en indicios relixiosos e culturais, que servían para culpabilizar aos xudaizantes, aínda que en boa parte dos casos estas acusacións eran dificilmente demostrables.

Como indicamos, a Inquisición non se ensañou tan masivamente en Galicia como o fixo noutras partes de Europa entre os séculos XIII e XIX. Un número importante dos procesos foron contra persoas, principalmente mulleres, acusadas de practicar a bruxería. Moitas delas sufriron un duro castigo que incluía crueis torturas e, incluso, a morte na fogueira. A mencionada María Soliño, Lucía Fidalgo, María Rodrigues ou Ana de Castro tiveron que cumprir condenas, sen probas que o demostrasen, por supostamente ter realizado pactos co demo. A comarca de O Salnés non foi allea a estes procesos, sendo Cambados a localidade na que máis actuou o Tribunal da Inquisición. Pero nesta zona hai unha figura que destaca especialmente, Ana de Castro, unha muller que foi obxecto de dous procesos inquisitoriais. O primeiro deles tivo lugar en 1626, cando esta veciña de A Armenteira aínda era unha moza solteira. Iniciado o 1 de xullo de 1626, neste proceso declararon vinteseis testemuñas na súa contra, que aseguraron que esta muller tiña trato co demo e que dixera diante de moitas persoas "que ben podía un que vai confesar, calar calquera pecado e despois confesalo ao pé dun carballo". Unha testemuña declara que fora consultarlle a Ana de Castro o paradoiro de dous leitóns que lle roubaran e que ela tomara un vaso de viño de vidro con viño e auga e, dándolle a volta ao vaso, chamou á persoa que consultaba e mostroulle dentro do vaso un dos leitóns, asegurándolle que aínda estaría vivo. As testemuñas tamén confesaron outros delitos que a presa non chegou a confesar, nin sequera baixo tortura. Do que Ana si se autoinculpou foi de ter curado algunhas persoas invocando a Xesucristo con estas palabras: "Jesucristo fue bautizado en el río Jordán, San Pedro y San Juan lo tuvieron pola man; ansi destos males se jafan pola gracia de Deus e de la Virgen María, Pater noster y Ave María". Declarada "hechicera, embustera y adivinadora", foi condenada o 14 de outubro de 1626 a saír vestida con hábito de penitente de media aspa, a un auto de fe onde se lle leu a sentenza que consistiu en douscentos azotes e ao desterro do couto de A Armenteira e de Santiago de Compostela durante seis anos. A execución da sentenza tivo lugar o 6 de decembro dese mesmo ano nunha misa maior no convento de San Paio de Antealtares, na cidade compostelá. Ana de Castro foi botada ás rúas, media núa e montada nun burro, sendo azoutada mentres percorría as rúas de Santiago de Compostela. 25 anos despois, en 1651, o inquisidor Juan Rojo de Mendiola, cóengo de Tui, de visita en Pontevedra, cidade na que por aquel entón residía Ana, que casara cun home chamado Benito de Graña, ordenou reabrir o caso, devolvendo a esta muller ás temibles prisións dos Tribunais da Inquisición, séndolle ademais expropiadas todas as súas propiedades, condenándoa a recibir outros douscentos azoutes e obrigándoa a un desterro de Galicia durante dez anos. Como base da acusación utilizaron as declaracións de vinte veciños, que volveron acusala de ter tratos co demo, os cales, coma no primeiro proceso, xamais foron comprobados. Esta foi a única noticia que ten de Ana de Castro, unha muller que tivo que andar fuxida toda a súa vida, unicamente por ser o que realmente quería ser, por querer desempeñar o seu oficio, por vivir a súa propia realidade.

Na obra "Meigas: as antigas custodias da menciña popular", a escritora e documentalista catoirense Anxos Sumai cóntanos a historia de Ana de Castro e de outras mulleres vítimas da Inquisición, que sen saber exactamente se eran meigas ou non, caeron nas redes deste cruel tribunal e sufriron vexacións, torturas e que, nalgúns casos, acabaron entre as lapas da fogueira. Detrás das acusacións que as levaron cara esta infame condena estaban a pobreza, a envexa ou a vinganza dos veciños e veciñas. Uns simples indicios servían de fundamento para iniciar uns procesos dos que apenas se teñen testemuñas históricas, máis aló do que nos relata a tradición popular, pois moitas das actas da Inquisición desapareceron, e nas se conservan non figuran todos os detalles que nos poderían axudar a desentrañar a raíz destas condenas. A figura de Ana de Castro, lamentablemente descoñecida por boa parte da poboación da parroquia que a viu nacer, é a dunha muller valente, atrevida, loitadora, que sufriu nas súas carnes a inxustiza dunha época e dun tribunal que, carecendo de garantías legais, se amparaba no fanatismo e na intolerancia para impor unha unidade relixiosa que naquel momento estaba estreitamente vencellada ao reforzamento da unidade e da autoridade política dos monarcas. Unha figura que sería preciso que as institucións e as entidades culturais e sociais lembrasen na súa xusta medida, sobre todo nunha época como a actual na que se reivindica a igualdade de xénero e na que se trata de dar relevancia figuras femininas que o discurrir da historia, sempre baixo o xugo do machismo predominante, acabou silenciando. Unha homenaxe simbólica, unha placa, unha estatua, o bautizo dun espazo público co seu nome ou calquera outro acto contribuirían a lembrar e a honrar a  Ana de Castro, unha das mulleres máis senlleiras e ilustres que deu a parroquia de A Armenteira.






Ningún comentario:

Publicar un comentario