FICHA TÉCNICA
.
O Armenteira Veteranos logrou sumar un punto da súa visita ao campo de As Corticeiras, de Caldas de Reis, onde se mediu ao Godos C.F. Veteranos. O conxunto caldense, que esta temporada cambiou o seu campo parroquial, con superficie de terra, como o de O Leixo, polas renovadas instalacións de As Corticeiras, que nos últimos tempos sufriron un importante lavado de cara que vai desde a substitución do tapete de céspede artificial ata a construción dunhas novas bancadas. Foi nun partido intenso, cun ritmo acelerado e impropio destas categorías de fútbol veterano, no que, aínda que o resultado máis xusto puido ser o empate, calquera dos dous equipos puido levarse o triunfo final. Xa antes de saltar ao terreo de xogo, cando o colexiado Castrelo Dabouza departía amigablemente cos membros de ambos os dous planteis, ao tempo que ía pasando listaxe e incidía nas dificultades de visión que supoñía arbitrar un encontro a unha hora tan tardía como as 20:00 horas, a tensión que se palpaba era evidente. O Godos C.F. tratou de imprimir desde os primeiros minutos un alto ritmo de xogo. Apoiándose nas súas boas condicións físicas, os locais combinaban e buscaban rapidamente penetracións por banda que desaborlaban a unha nerviosa zona defensiva do Armenteira C.F. Un man a man dun dianteiro local no que Sirra evitou o gol local facía prever que ía ser unha noite complicada para os de A Armenteira. Esas sensacións plasmáronse cando Daniel Ospina recibiu un balón en profundidade e, tras gañar as costas á defensa verdinegra, enviaba o coiro ao fondo das mallas visitantes. Custoulle repoñerse ao Armenteira Veteranos, que non lograba tomar o pulso ao partido. Con todo, un feito cambiaría o rumbo do encontro. Unha internada de Richi polo carril esquerdo, na que conseguiu burlar a varios rivais, finalizou cun zapatazo desde máis de vinte metros de distancia do lateral de Valboa, ante o que nada puido facer o meta Diego Pérez. Un auténtico golazo do futbolista oriundo da ourensana comarca de Monterrei e desde fai anos xa plenamente integrado no clube e na vida social de A Armenteira, que deu un soplo de aire ao seu equipo, que tras a reanudación deu outra imaxe sobre As Corticeiras. Con Carlos Muñiz no centro da defensa, perfectamente acompañado por un contundente e expeditivo Carlos Castro, e con José Pérez, dirixindo maxistralmente a zona de creación, o clube de O Leixo foi tomando o dominio do xogo e comezou a achegarse con máis frecuencia polas inmediacións da portería do Godos C.F. Veteranos. Nun deses achegamentos, Suso plantouse cara a cara fronte ao meta local, e o atacante de Couso, resolveu con gran destreza, para poñer por diante ao Armenteira Veteranos. O atacante de Couso, recentemente incorporado á disciplina verdinegra, volveu a ser un dos futbolistas que máis enerxía e efusividade transmitiron de entre os que compareceron sobre o terreo de xogo. Coa vantaxe no marcador o Armenteira Veteranos parecía sentirse máis cómodo e con máis confianza, e incluso puido sentenciar se Suso ou Galiñanes conseguiran materializar as claras ocasións das que dispuxeron. Pero un erro en cadea dos futbolistas verdinegros, no que se sumaron as imprecisións e a falta de intensidade, rematou nun centro á área dos locais que Álvaro Abalo aproveitou para colocar o empate no marcador. Pouca historia tivo a partir de entón o encontro e chegaríase a asubío final cun empate que, a tenor do observado en As Corticeiras, foi considerado como xusto por parte de ambas as dúas escadras. Con este empate o Armenteira Veteranos sitúase na quinta posición na táboa, con catro puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana no campo de O Leixo ao conxunto de Os Raposos, de Noalla, segundo clasificado, con sete puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario