.
O Armenteira
Veteranos regresou de forma triunfal á competición oficial. Desde marzo de 2020
non disputaba un partido de liga o equipo de veteranos de A Armenteira. Fora daquela
no campo de Godos, ante o Godos C.F. Veteranos, xusto antes de que os efectos
da terrible pandemia da COVID-19 se fixesen sentir, e as competicións de
fútbol, ao igual que moitas outras actividades, se viran obrigadas a paralizarse.
Un ano e oito meses despois, e ante o Dorrón C.F. Veteranos, un clube veciño co
que o Armenteira Veteranos sempre tivo unha especial rivalidade, dada a
proximidade entre as dúas parroquias e os escasos quilómetros que separan o
campo de O Leixo do campo de O Cruceiro, este último agora en desuso á espera
de que se fagan realidade as promesas electorais para instalarlle céspede
artificial. Nunhas instalacións deportivas de O Leixo perfectamente acondicionado para recibir de
novo os partidos de competición oficial, o Armenteira Veteranos saiu ao campo
cunha ilusión que fai tempo que non se lembraba nas filas do conxunto
verdinegro. Non hai máis que ver a ampla afluencia de futbolistas. Ata dezanove
tiña na tarde deste sábado dispoñibles a escadra que preside José Luis
Galiñanes. Con todo, as expectativas que espertou o encontro non se acabaron
cumprindo sobre o terreo de xogo. Foi un partido falto de ritmo, con moitas
imprecisións, e no que o Armenteira Veteranos demostrou que áinda debe realizar
moitos axustes tácticos. Os desaxustes na colocación e a descoordinación nos
movementos poderanse ir pulindo co paso dos partidos, así como a integración no
esquema táctico das novas incorporacións para esta nova temporada. Júnior, Bebeto, Suso
e o reincorporado Cacabelos eran as principais novidades que presentaba a formación
verde e negra. Desde o asubío inicial o Armenteira Veteranos asumiu o control
do xogo. Ante un rival moi mermado de efectivos a posesión foi un monopolio
case absoluto dos locais, aínda que este dominio non se plasmaba en ocasións de
gol. Rubén ou Galiñanes dispuxeron de oportunidades para inaugurar o marcador
antes de que Jorge Castro, tras unha perfecta asistencia de Rubén, lograse o
tanto que poñía por diante ao Armenteira Veteranos. Coa tranquilidade que daba
a vantaxe no marcador, o cadro local trataba de realizar un fútbol máis
combinativo, pero sen demasiado éxito. Na segunda metade o dominio local
fíxose máis acusado. Non obstante, os de A Armenteira seguiron demostrando unha máis que
evidente falta de pegada. Dúas accións individuais de Jorge Castro, en ambos
casos tras ser asistido por Rubén, deron a tranquilidade definitiva aos locais.
Co tres a cero no marcador, os minutos finais foron moi cómodos para os
verdinegros, que aínda tiveron tempo para ampliar o marcador cun cuarto e
definitivo tanto. Foi tras un saque de curruncho, magníficamente executado por
Rubén, que Javi González enviou ao fondo das mallas mediante un certeiro
testarazo. Con esta vitoria o Armenteira Veteranos sitúase na quinta posición,
con tres puntos, cun partido menos ca os seus rivais. Na próxima xornada a
escadra verdinegra deberá visitar o campo de Godos, cunha superficie de terra
como a de O Leixo, onde se medirá ao conxunto local do Godos C.F. Veteranos, no
que se rememorará outro encontro que nas últimas temporadas se convertiu nun
dos clásicos da liga de veteranos da delegación de Pontevedra da Real
Federación Galega de Fútbol.
Ningún comentario:
Publicar un comentario