Buscar neste blog

domingo, 15 de xaneiro de 2023

O Armenteira C.F. feminino vence con contundencia no derbi municipal e aúpase ao terceiro posto da táboa

                                                                  FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA C.F.- C.D. MOSTEIRO - 6 - 2
ARMENTEIRA C.F: Lola; Ana Pintado, Rocío; Sara Rey, Dini, Luci; e Cris. Tamén xogou Anabel.

GOLES: 1-0. Minuto 2. Cris. 2-0. Minuto 7. Emerly. 3-0. Minuto 21. Dini. 3-1. Minuto 22. Emerly. 4-1. Minuto 25. Cris. 5-1. Minuto 47. Cris. 5-2. Minuto 50. Cris. 6-2. Minuto 52. Cris.

ÁRBITRO: Caeiro Mariño. Non mostrou cartóns amarelos ás xogadoras de ningún dos dous equipos.

INCIDENCIAS: Partido da décima xornada da Liga Feminina de Fútbol-7 que organiza a delegación de Pontevedra-Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo de O Leixo, ante uns corenta espectadores, nunha tarde fresca e lixeiramente chuviosa por momentos, e sobre un terreo de xogo cunha superficie de terra nunhas condicións algo esvaradizas debido ás intensas choivas caídas ao longo das últimas semanas.

  CRÓNICA

O equipo feminino do Armenteira C.F. continúa na loita por ocupar os postos máis altos da táboa clasificatoria. Para confirmalo, fíxo realidade os pronósticos e venceu con claridade ao C.D. Mosteiro no derbi municipal entre os dous conxuntos de categoría feminina do municipio de Meis. Ao igual que ocorrera no encontro da primeira volta, as mozas do cadro que dirixe Marcial Prado superaron con contundencia ao rival, aínda que neste caso a superioridade foi moito máis abafante, xa que, de non ser pola atinada actuación da cancerbeira Caetana Rodríguez e a falta de puntería das atacantes locais, que estrelaron o coiro contra os paus nunhas dez ocasións e enviaron por fóra dos tres paus ducias de lanzamentos, o resultado podería ter sido moito máis abultado.

Desde o inicio púxose de manifesto a clara superioridade verdinegra. As combinacións entre Cris e Dini, que volveron mostrar o seu enorme repertorio de recursos, desarbolaban unha e outra vez á defensa dun C.D. Mosteiro que non era quen de saír do seu campo. Unha acción combinativa entre as dúas irmás facía chegar o balón a Cris que, xa no minuto 2, non perdoaba e colocaba ao Armenteira C.F. por diante. Pouco despois era Dini quen recibía e, tras desfacerse de varias zagueiras visitantes, situaba o dous a cero. No terceiro tanto Cris fixo gala do súa gran potencia de disparo e, desde a zona dereita do ataque, empalmou unha potente volea ante a que nada puido facer a meta Caetana Rodríguez, que puxo as mans, pero veu como os dedos se doblaban ante a forza que traía o balón. Na primeira dos tres lanzamentos a portería que realizou o C.D. Mosteiro, nun saque de curruncho, Cristina Abal cabeceaba o esférico cara ao fondo da portería defendida por Lola. Pero pouco despois, nunha acción combinativa de novo do Armenteira C.F., Luci conseguía abrir oco polo centro da defensa adversia e cruzaba suavemente o coiro ante a saída da gardamallas das de O Mosteiro.

Co resultado de 4-1 foise ao descanso e, tras a reanudación, a tónica do encontro non variou. O Armenteira C.F. sólido e ordenado atrás, confiaba a súa estratexia de ataque na inspiración do dúo Cris-Dini. E as xemelgas, unha vez máis, non decepcionaron. Como no primeiro período, produciron un inmenso caudal de xogadas de ataque, con continuos disparos con dirección á portería do C.D. Mosteiro. O longueiro repelía varios destes envíos, e a maior parte deles ían a escasos centímetros dos tres paus da portería visitante. Dini poñía nunha acción combinativa, adornada cos seus detalles técnicos habituais, o cinco a un. Novamente nun saque de curruncho, que aproveitou a relativa relaxación que a vantaxe no marcador provocaba nas futbolistas locais, Lucía Casas, libre de marcaxe, recurtaba distancias colocando o cinco a dous. Pouco despois, Cris, tras recibir unha asistencia na zona esquerda do ataque, batía a Caetana Rodríguez e situaba o seis a dous que resultaría definitivo. Nos últimos minutos, no que os espazos se ampliaron e nos que o C.D. Mosteiro realizou un terceiro disparo a portería, un balón elevado que se atopou coa acertada intervención de Lola, houbo ocasións para que a vantaxe das verdinegras aumentase, pero a puntería tampouco acompañou nestes intres finais ás mozas do clube da parroquia cisterciense.

Con este resultado, froito dun gran traballo e compromiso colectivo, e da calidade e inspiración de dúas futbolistas absolutamente diferenciais, como é o caso de Cris e Dini, e ante un rival máis ca digno, e que se comportou cunha total deportividade, o Armenteira C.F. aúpase á terceira praza da clasificación, con dezaoito puntos, unha situación nos postos de honra que tratará de refrendar a próxima fin de semana na súa visita ao campo Álvarez Durán-2 de Tui para medirse ao Tyde F.C., sexto clasificado, con catorce puntos.








Ningún comentario:

Publicar un comentario