Que A Armenteira está de moda é un feito indiscutible. Son varias as persoas de relevancia nos distintos eidos as que elixen a nosa parroquia para realizar a súa voda, para pasear pola Ruta da Pedra e da Auga e polos distintos enclaves do territorio, para practicar deporte en contacto coa natureza ou simplemente para visitar o patrimonio histórico-artístico e degustar unha tapa acompañada dun viño ou un refresco nun dos locais de hostalaría da parroquia. Neste caso foi a coñecida socialité Tamara Falcó a que escolleu A Armenteira para o seu próximo proxecto. A coñecida colaboradora televisiva protagonizará un spot que terá como escenario algún dos puntos máis emblemáticos deste territorio. A Ruta da Pedra e da Auga, o campo de golf de Silván, os cruceiros que se extenden ao longo dos lugares da parroquia, as terrazas dos locais de hostalaría e, por suposto, o mosteiro cisterciense, serán os lugares nos rodará un anuncio publicitario dunha coñecida firma de moda española e que mostrará a través da figura de Tamará Falcó a beleza deste lugar nas ladeiras do Monte Castrove.
A marquesa de Griñón, que cursou estudos en materia de Comunicación no Lake Forest College, de Massachusetts, é unha experta non só no mundo dos medios de comunicación, senón no mundo da moda. Realizou as súas prácticas de deseño de moda en Zara e completou a súa formación neste campo no Instituto Marangoni de Milán. Actualmente é coñecida principalmente pola súa participación nalgúns dos programas de máis éxito do panorama televisivo, como Master Chef Celebrity ou El Hormiguero no que colabora nos parladoiros sobre temas de actualidade. O seu dominio nos ámbitos da comunicación, da moda e da gastronomía foron avais máis ca suficientes para que a axencia publicitaria encargada da rodaxe decidise apostar pola VI Marquesa de Griñón como protagonista do anuncio. Tras preseleccionar varios lugares da xeografía española, a axencia, asesorada por un comité de expertos, decidiuse finalmente por A Armenteira, unha decisión na que resultou clave a opinión da propia Tamara Falcó, que se decantou por esta parroquia de O Salnés porque probablemente sexa o escenario elixido para o enlace co empresario de ascendencia galega Hugo Arévalo, parella sentimental da marquesa tras a súa tormentosa ruptura con Íñígo Onieva.
No anuncio participarán ademais rostros coñecidos da vida social de A
Armenteira. Persoas relevantes do mundo relixioso, cultural, empresarial ou
político ou deportivo da parroquia aparecerán en forma de cameos nun anuncio
que non durará máis de tres minutos. De feito, a propia Tamara Falcó desprazouse
recentemente a estas terras do municipio de Meis para supervisar os diferentes
lugares nas que se desenvolverá a rodaxe. Tras consultar a dispoñibilidade da
igrexa do mosteiro cisterciense para os seus plans nupciais, a marquesa de
Griñón visitou persoalmente algúns dos lugares que os profesionais en materia
audiovisual da axencia escolleron polo seu maior potencial visual para un
anuncio no que se presentarán os modelos máis chamativos da temporada de
primavera dunha das firmas de moda española máis recoñecidas a nivel
internacional. Aínda que o protagonismo principal do spot correrá a cargo da
filla de Isabel Preysler, a axencia publicitaria iniciará unha selección de
figurantes que servirán para ambientar as paisaxes do anuncio. Por elo, todas
aquelas persoas interesadas en participar na rodaxe e, ao tempo, en coñecer en
persoa e fotografiarse xunto a un dos personaxes máis coñecidos do mundo
mediático, poderán formular a súa petición a partir deste mércores, 28 de
decembro. A través das oficinas municipais do Concello de Meis, da Comisión de
Festas Santa María de Armenteira, do Armenteira Club de Fútbol ou nos locais de
hostalaría da parroquia será posible anotarse para formar parte do elenco de actores
ou actrices que xunto con Tamara Falcó, promocionen a moda da temporada de
primavera e os valores artísticos, culturais e paisaxísticos de A Armenteira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario