Buscar neste blog

sábado, 26 de novembro de 2022

O Armenteira Veteranos continúa coa crise de fútbol e resultados e cede tres puntos en O Leixo ante o Campañó Veteranos

                                                                  FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - CAMPAÑÓ VETERANOS - 1 - 2

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Jorge Dávila, Óscar Barreiro, Javi, Richi; Víctor, Martín, Júnior, Marcial; Rubén e Jorge Castro. Tamén xogaron Fernando, Suso e Carlos Muñiz.

GOLES: 0-1. Minuto 1. Armando Sabarís. 1-1. Minuto 18. Jorge Castro, de penalti.  1-2. Minuto 44. Macelino López. 

ÁRBITRO: Corredera Blanco. Non mostrou ningún cartón neste partido.

INCIDENCIAS: Partido da oitava xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos, da delegación de Pontevedra disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante vinte espectadores, nunha tarde soleada e temperada, e sobre un terreo de xogo de terra nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos continúa coa súa mala xeira de fútbol e resultados. Desde o 22 de outubro, cando lograra vencer en O Leixo ao Noalla Veteranos Portaredonda, o cadro verde e negro non sabe o que é unha vitoria, e non só iso, senón que nin sequera logrou puntuar durante todo ese tempo. As importantes baixas, sobre todo na liña defensiva, unidas a unha evidente falta de confianza e de autoestima en relacións coas súas posibilidades futbolísticas están afectando gravemente a un equipo que se mostra impreciso, falto de fluidez e que comete erros que non eran habituais nos seus futbolistas, e que ademais está saíndolle moi caros os de O Leixo. No encontro deste sábado, 26 de novembro, ante o Campañó Veteranos, se ben é certo que non tiveron unha actuación demasiado brillante os futbolistas verdinegros, a derrota tampouco pareceu xusta a tenor do observado sobre a superficie de terra do campo do lugar de O Busto. Especialmente no segundo período, os locais mereceron máis e, de existir a xustiza no mundo do fútbol, polo menos deberían ter rescatado un punto.

Todo comezou en contra do Armenteira Veteranos. Nada máis iniciarse o encontro, no minuto 1, un fallo nun despexe na zona defensiva, deu lugar a unha rápida acción polo costado dereito dos de Campañó, que centraron á área para que Armando Sabarís, pillando desprevenidos a uns defensores verdinegros que aínda viñan de aterrar no partido, enviou o coiro ao fondo da rede diante case sobre a liña de gol. Trataron de reaccionar os de A Armenteira que, pese á falta de creatividade e fluidez no seu fútbol, conseguían cercar a meta visitante e pechar ao adversario no seu campo. A base de impulsos, o traballo de Jorge Castro en ataque, e os desbordes e os lanzamentos de media distancia de Rubén facían crer que era posible darlle a volta a un resultado ante un rival que ademais demostraba non ter argumentos superiores aos do Armenteira Veteranos. Nunha xogada individual de Jorge Castro, o dianteiro de Vilar era claramente derrubado na área por un defensor do conxunto de Campañó. O propio Jorge Castro encargaría de transformar a pena máxima e de colocar a igualada no marcador. A partir de entón o partido foi entrando nunha especie de zozobra no que as imprecisións e a falta de intensidade foron a nota dominante. A falta de xogadas de certa brillantez, a situación era favorable para quen menos erros cometese. Nunha falta lateral executada polo Campañó Veteranos e posta sobre o centro da área local, Marcelino López recolle un rexeitamento desde o pau dereito da meta local para enviar o balón ao fondo da portería. Restaba soamente un minuto para o descanso e, ao igual que ocorría co tanto anotado no primeiro minuto, pódese considerar como un gol dos que denominan como psicolóxicos, e máis para un equipo de moral fráxil como está demostrando ser ultimamente o Armenteira Veteranos. 

Tras a conxura do descanso, e á chamada á reacción en base á intensidade e a unha maior motivación, os futbolistas verdinegros saíron dispostos a remontar. Con Carlos Muñiz agora no centro da defensa e Javi liderando a liña de creación, o Armenteira Veteranos mudou a súa faciana na segunda metade. Fíxose dono do xogo, súas foron as ocasións máis claras e unicamente sufría con contragolpes que os de Campañó trataban de armar con envíos en diagonal para intentar gañar as costas aos zagueiros locais. A pelexa constante de Jorge Castro, que volveu ser o principal recurso ofensivo dos de A Armenteira, non era suficiente. A solidez exhibida polos defensores de Campañó, unida á falta de inspiración dos atacantes verdinegros chocaban coas ansias renovadas dos locais neste segundo período. Algunha ocasión errada por Jorge Castro e, sobre todo, un excepcional lanzamento dun golpe franco por parte de Rubén, que se atopou coas luvas do gardamallas Pedro José Pérez, foron as opcións máis claras dos locatarios para amarrar polo menos un punto. De nada valeu emborcarse cara a meta visitante nos últimos minutos e o encontro chegaría ao seu fin cos tres puntos no casilleiro do conxunto da parroquia no municipio de Pontevedra, no que curiosamente milita Valentín Sartal, o que fora o adestrador do equipo sénior do Armenteira C.F. na súa primeira singladura pola Terceira Autonómica, aló pola temporada 2005/2006, e que anos despois formaría parte tamén do plantel do Armenteira Veteranos.

Con esta derrota a formación verde e negra descende ata a décima posición, con seis puntos. Na próxima fin de semana o Armenteira Veteranos repite partido como local e recibe en O Leixo ao Carballo da Portela A.C.D., undécimo clasificado, con catro puntos. Co desexo de poder recuperar efectivos, os de A Armenteira tratarán de retomar o bo rumbo co que comezaran a temporada e tratarán de ir escalando puntos na clasificación para situarse en posicións máis acorde co potencial e coas expectativas coas que partía o Armenteira Veteranos nesta campaña.



Ningún comentario:

Publicar un comentario