FICHA TÉCNICA
O Armenteira Veteranos volveu puntuar varias semanas despois. Non o facía desde o pasado 3 de decembro, cando empataba a tres tantos co Carballo da Portela A.C.D. Aínda que o punto conseguido tras a igualada deste sábado, 28 de xaneiro, fronte ao Dorrón C.F. Veteranos supoña un paso adiante en relación cos resultados adversos das últimas xornadas, certamente soubo a pouco aos verdinegros, que confiaban en repetir o triunfo que lograran no encontro da primeira volta, cando superaban con claridade aos de Dorrón no campo de O Revel. Nesta ocasión, a situación variou notablemente, xa que, mentres que o Armenteira Veteranos vén un sufrindo unha notable merma de efectivos, principalmente pola ausencia por lesión da súa gran referencia en ataque, Jorge Castro, o Dorrón C.F. Veteranos presentábase en O Leixo cun plantel amplo e reforzado, cun nivel bastante superior ao mostrado naquel partido inicial da liga 2022/2023.
O deste sábado foi un partido igualado, con alternativas por parte de ambos bandos, pero sen ocasións de gran claridade nin para ningún dos dous conxuntos. O berro nos vestiarios co que os futbolistas do cadro sanxenxino trataban de animarse xusto antes de dar comezo o encontro xa servía de anuncio ao que ía ocorrer nos primeiros minutos. Apretando na presión e tratando de imprimirlle un ritmo veloz ao seu xogo, os de Dorrón querían deixar claro que eran un equipo distinto ao da primeira volta e que viñan a O Leixo a polos tres puntos. Un Armenteira Veteranos desconcertado e perdido no campo, sucumbía ante os arrebatos ofensivos do rival. Pero a estas ráfagas de ataque do Dorrón C.F. Veteranos faltábanlle puntería, e os primeiros lanzamentos que realizaron non foron quen de dirixilos entre os tres paus da meta defendida por Sirra. Co paso dos minutos, o Armenteira Veteranos foi calmando a efervescencia do adversario e foi tomando o control do partido. A entrada de Carlos Muñiz no centro da defensa, achegouse colocación, serenidade e calidade na saída do balón aos locais, aínda que o seus intentos de buscar a portería rival pecaban de precipitación e baseábanse nun uso abusivo nos pelotazos en longo. As carreiras de Rubén, o estilete ofensivo do Armenteira Veteranos no partido deste sábado, resultaban infrutuosas ante a imposibilidade de alcanzar eses envíos en profundidade. Foi nunha falta cometida sobre o propio Rubén, na que o futbolista de Caroi, nunha das súas principais especialidade, colocaba ao seu equipo por diante. O lanzamento falta, desde lo borde esquerdo da área defendida polo Dorrón C.F. Veteranos, levaba tal potencia que dobrou as mans do gardamallas José María Brañas e o balón colábase cara ao fondo das redes pegado ao pau esquerdo da meta visitante. Restaba un minuto para o descanso, o resultado parecía dar unha relativa tranquilidade aos verdinegros para afrontar o segundo período.
Tras a reanudación, o Armenteira Veteranos temía unha saída intensa dos visitantes, como sucedera na primeira parte. Pese a que a intensidade dos granates foi maior cá da parte final da primeira metade, a reacción dos de Dorrón non parecía a agardada. Pero tampouco os locais eran quen de tomar o control do encontro e, coma sempre, os despistes defensivos ían ser a súa condea. Unha perda de balón no inicio dunha xogada desde a defensa, obrigaba a derrubar a un dianteiro adversario sobre a media lúa da área. O lanzamento de falta, suave e bastante preciso, superaba o obstáculo dunha barreira que semellaba que non estaba demasiado ben situada. O empate provocou uns intres de desconcerto nos locais, que adoecen dunha moral fráxil esta temporada e acusan en exceso as adversidades que se lle van presentando ao longo dos partidos. Cando parecía que o encontro se encamiñaba cara unha igualada final, de novo unha xogada saída dos pés de Rubén, tras varios rexeitamentos, acababa co coiro en poder de Fernando que, incorporado ao ataque, resolvía cunha certeira vaselina que superaba ao meta José María Brañas. Contaban xa os de A Armenteira con levarse os tres puntos e, tras un susto por un esvaecemento do gardamallas Sirra despois dun saque de curruncho, do que afortunadamente puido recuperarse e continuar o encontro, nunha das últimas acometidas do rival chegaría o empate. Un saque de banda desde o costado dereito do ataque do Dorrón C.F., no que o balón non puido ser repelido polos defensores verdinegros, provocaba unha internada por banda e un centro que, Daniel Durante, libre de marca na área pequena, non desaproveitaba para situar o dous a dous no marcador. O tanto do empate deu un maior impulso aos visitantes, que vían incluso en condicións de lograr un terceiro tanto que lles dese a vitoria, pero, nos tres minutos de tempo engadido que anunciara o colexiado Cacabelos Iglesias, o Armenteira Veteranos gozou da que quizais foi a ocasión máis clara do partido. Un envío en longo remataba co coiro nos pés de Galiñanes que, man a man co meta visitante, non era quen de resolver, e tras recoller o rexeitamento Martín, o envío do mediocampista de Vilar era detido polo cancerbeiro visitante coas mans fóra da área, evitando o posible gol dos de A Armenteira. Ante a sorpresa dos locais, e fuxindo da toma dunha decisión comprometida, como podería ser a expulsión do meta do Dorrón C.F. Veteranos, o colexiado decidiu decretar a fin do partido cando aínda non se cumpriran os tres minutos que anunciara que ía engadir.
Con este punto, o Armenteira Veteranos colócase na décima posición, con oito puntos. A próxima xornada, será de descanso para o cadro verdinegro, que non volverá ter competición ata o 11 de febreiro, cando reciba no campo de O Leixo ao Newport Cats F.C., un conxunto reforzado nas últimas xornadas e que de seguro exhibirá un potencial superior ao do duelo da primeira volta, na que venceran pola mínima a un Armenteira Veteranos que acudira ao campo de Baltar de Arriba tremendamente mermado.