FICHA TÉCNICA
O Armenteira Veteranos non puido saír da crise de fútbol e resultados na que leva inmerso ao longo dos últimos meses. Pero nesta ocasión non foi unicamente debido aos problemas de índole futbolística que leva arrastrando partido tras partido, senón que foi por unha causa de forza maior. A lesión do colexiado Gómez Blanco, cando esta a piques de chegarse ao ecuador do encontro obrigou a suspender un partido que ata ese momento se caracterizaba polo equilibrio entre ambos os dous conxuntos, aínda que con vantaxe de cero a un para os visitantes, que souberon aproveitar o seu maior acerto cara a portería contraria fronte a un Armenteira Veteranos cheo de dúbidas e cunha falta non só de fútbol, senón principalmente de confianza, que impedía demostrar o potencial dun equipo que, pese a que non anda sobrado de recursos, pode dar un rendemento bastante superior ao mostrado durante boa parte do se leva disputado de liga.
Comezou dominando o conxunto local, fronte a un Salud S.D. Veteranos ordenado, que agardaba no seu campo para saír xogando desde atrás, tratando de dar bo tratamento ao balón, pero buscando rapidamente desde a liña de creación do mediocampo a velocidade dos seus xogadores de banda. Con dous extremos pegados case á liña de cal, os de Valga intentaban facer dano a unha defensa do Armenteira Veteranos que volveu amosar unha notable endeblezA. Con todo, o dominio local permitiu que os verdinegros gozasen das primeiras ocasións do encontro. Algunha internada de Marcial, que nesta ocasión que colocou polo costado esquerdo, e sobre todo, unha acción na que Manuel recibiu en velocidade e se plantou ante o meta rival, foron as oportunidades máis claras dos de A Armenteira, que seguen acusando a ausencia do seu goleador e gran referencia en ataque, Jorge Castro, lesionado de relativa gravidade no partido que tivera lugar no campo de As Corticeiras, en Caldas de Reis, que continúa co seu proceso de recuperación. E se á falta de contundencia en ataque se lle suma a fraxilidade defensiva, o que lle agarda a calquera equipo é sufrir. Tras algún leve aviso, nun saque de curruncho, no que o atacante do Salud S.D. Veteranos recibe, libre de marca, no segundo pau un envío a media altura, os visitantes conseguiron tomar vantaxe. Non se disiparon as dúbidas do Armenteira Veteranos coa reacción ao tanto en contra, pero si conseguiron armas algunha ocasión de perigo, con lanzamentos forzados de Javi, Martín ou Galiñanes, e sobre todo, nunha acción na que un defensor rival entregou o coiro a Manuel, pero o futbolista de San Salvador, case a portería baleira, non logrou imprimirlle a forza suficiente ao seu disparo, e a ocasión acabou sendo repelida pola zaga visitante. Mentres o Armenteira Veteranos se debatía no seu querer pero non poder, e quedaban escasos minutos para alcanzar o descanso, nun intento de ataque do cadro valgués polo costado esquerdo no que o balón acabaría indo pola liña de banda, o colexiado Gómez Blanco se fose ao chan, aqueixado dunha forte dor no norcello do pé esquerdo.
Tras estar tendido uns minutos sobre o terreo de xogo, sendo atendido polos futbolistas de ambos os dous equipos, o árbitro logrou poñerse en pé, pero, véndose incapaz de continuar dirixindo o encontro, foise cara aos vestiarios, e púxose en contacto co Colexio de Árbitros para comunicarlle o acontecido. Durante case media hora, os futbolistas do Armenteira Veteranos e do Salud S.D. Veteranos, estiveron agardando unha resolución. Ante a imposibilidade de enviar un colexiado que substituíse a Gómez Blanco e continuase coa arbitraxe do partido, este deuse por finalizado, á espera do que determine o Comité de Competición da delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol. Se a entidade federativa o estima oportuno, dacordo coa normativa oficial, o encontro debería reanudarse no minuto no que tivo que ser paralizado, o que obrigaría tanto ao Armenteira Veteranos como ao Salud S.D. Veteranos a acordar unha data para disputar os minutos que restan para o final.
Como curiosidade, cabe destacar que a lesión sufrida por Gómez Blanco non é a primeira que se produce no campo de O Leixo e que afecta ao entorno familiar deste xoven árbitro, pois fai varios anos, un familiar próximo deste xoven árbitro, concretamente un tío seu, viu como se lle fracturaba un dedo dunha man ao quedarlle enganchando á rede dunha das porterías que estaba revisando antes do comezo dun partido da liga de veteranos. A familia Gómez conforma saga familiar estreitamente vencellada ao mundo do fútbol e en particular ao da arbitraxe, pero a fortuna non parece acompañalos cando visitan as instalacións deportivas de A Armenteira, aínda que neste caso o incidente parece non revestir especial gravidade, polo que se agarda que poida retomar o asubío nas próximas semanas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario