Buscar neste blog

domingo, 26 de marzo de 2023

O Armenteira C.F. lanza a súa propia colección de cromos dixitais

 

Por antiga que parece, a colección de cromos é unha costume que se resiste a pasar de moda. Desde fai décadas, a rapazada tivo esta afección entre as preferidas. Nos patios dos colexios, nos parques, nas rúas ou nos domicilios os nenos e nenas pegaban nos seus álbumes cromos que adquirían nos quioscos e librarías ou que se agochaban nos envases dos diversos tipos de chucherías que tanto gustan á mocidade. As negociacións volvíanse complicadas cando se trataba de intercambiar aqueles cromos que estaban repetidos e a competitividade era máxima por encher e completar os álbumes e por adquirir aqueles cromos que se retrasaban en saír á circulación. Hai quen afirma que a historia dos cromos remóntase á Francia do século XVIII, cando Luis XIV, o monarca absolutista coñecido como o Rei Sol, puxo de moda na corte de Versalles coleccionar gravados de personaxes populares da época. Pero non sería ata o século XIX cando se comezaron a comercializar. Eran unha especie de estampas en branco e negro, que os nenos e nenas mercaban para colorear. Coa chegada da técnica da cromolitografía ao mundo da imprenta a produción de cromos experimentou unha revolución. De fabricalos de forma artesanal pasaron a ser fabricados de forma mecánica, o que se traduciu nun aumento da produción e no abaramento dos custos e, polo tanto, tamén do seu prezo. Esta moda non chegaría ao fútbol ata 1961, cando Giuseppe Panini e os seus irmáns fundaron en Módena a súa mítica compañía, a través da que lanzaron unha colección de cromos baseada no campionato italiano de fútbol. Houbo que agardar ata 1970, co motivo da celebración da Mundial de México, para que a moda dos cromos de fútbol acadara unha dimensión internacional.

Seguindo a estela de Panini e da variedade de empresas, clubes ou colectivos que se dedican a poñer á disposición do público estas imaxes ilustradas, o Armenteira C.F. decidiu lanzar a partir deste mes de marzo a súa propia colección de cromos. Trátase neste caso dunha colección en formato dixital, elaborada en base ás fotografías tomadas durante os partidos do equipo feminino da entidade verdinegra e do Armenteira Veteranos. Día tras día, a través dos perfís das redes sociais do clube de A Armenteira, iranse publicando estas particulares estampas que terán como protagonistas os e as futbolistas de ambas os dous equipos. Cunha información básica, entre a que está o nome deportivo, a posición, o equipo e a temporada, desfilarán pola pasarela das redes sociais compoñentes dos planteis verdinegros. Todo elo estará aderezado con música e cunha breve descrición das cualidades e do papel e relevancia no equipo e no clube de cada futbolista. Unha iniciativa que aposta pola creatividade e a innovación e que, dependendo da aceptación que teña por parte do público, podería ampliarse co lanzamento de futuras coleccións, como por exemplo con cromos vintage con fotografías dos xogadores e xogadoras que militaron no Armenteira C.F. e no Armenteira Veteranos desde que en 1995 o fútbol de competición oficial desembarca na parroquia cisterciense. Pero para comezar, a partir deste luns, 27 de marzo, os e as amantes do balompé, e os seguidores e seguidoras dos clubes de fútbol e de todo o relacionado coa parroquia de A Armenteira, xa poderán gozar desta colección de cromos dixitais.





domingo, 12 de marzo de 2023

O Armenteira C.F. feminino vence ao C. Juventud Cambados nun duelo no que o ataque primou sobre a defensa

  FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA C.F.- C. JUVENTUD CAMBADOS - 6 - 4

ARMENTEIRA C.F: Lola; Rocío, Anabel; Dini, Uxía, Luci; e Cris. Tamén xogou Sara Rey, Ana Pintado e Antía.

GOLES: 1-0. Minuto 5. Luci. 2-0. Minuto 7. Cris. 3-0. Minuto 10. Cris. 4-0. Minuto 19. Cris. 4-1. Minuto 23. Mirian Señoráns. 4-2. Minuto 33. Mirian Señoráns. 4-3. Minuto 40. Alba Rodiño. 5-3. Minuto 44. Uxía. 6-3. Minuto 46. Cris. 6-4. Minuto 60. Andrea Hermida.

ÁRBITRO: Barreiro Viñas. Non mostrou cartóns amarelos ás xogadoras de ningún dos dous equipos.

INCIDENCIAS: Partido da décimo séptima xornada da Liga Feminina de Fútbol-7 que organiza a delegación de Pontevedra-Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, disputado no campo de O Leixo, ante uns trinta espectadores, nunha tarde soleada e temperada, e sobre un terreo de xogo cunha superficie de terra nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O equipo feminino do Armenteira C.F. retomou a senda da vitoria. E foi tras vencer no duelo de rivalidade ante o C. Juventud Cambados, nun partido con moitos goles, cun resultado máis propio dun set de tenis, no que o ataque primou sobre a defensa. Tratouse dun encontro con tres fases ben diferenciadas: unha primeira fase de contundencia en ataque do Armenteira C.F. que case parecía sentenciar; unha segunda de intento de remontada do C. Juventud Cambados; e unha terceira fase de reafirmación do triunfo das verdinegras.

O partido iniciouse cun Armenteira C.F. sólido e ordenado en defensa e contundente en ataque. Apenas sufrían en defensa as locais e mostraban unha tremenda efectividade en ataque. Con Lola baixo paus, con Rocío e Anabel como na liña de centrais, con Uxía dirixindo na sala de máquinas, e con Dini e Luci nos costados, ambas as dúas a pé cambiado, e con Cris en posicións máis avanzadas, o cadro verdinegro parecía encauzar desde os primeiros minutos a que sería unha vitoria cómoda. Nunha acción individual de Luci, na que a de Poio se internou na área pola banda esquerda, para recurtar á defensora e axustar o lanzamento pegado ao poste esquerdo da meta cambadesa, as de A Armenteira tomaban xa vantaxe nada máis iniciarse o encontro. Pouco despois, Cris rompendo polo centro da defensa rival, plantábase soa ante a xoven gardamallas Sofía Losada, e situaba o dous a cero. De novo, Cris, facendo gala da súa calidade na definición, era a autora do terceiro e do cuarto gol das locais. O catro a cero facía supoñer que o que podería ser o triunfo máis plácido das locais no que vai de temporada. Pero non foi así. Non se viñeron abaixo as de Cambados, e comezaron a combinar e a trenzar algunha xogada que lles permitiu achegarse sobre as proximidades da meta defendida por Lola. Despois de algún aviso, Mirian Señoráns, sen dúbida a futbolista diferencial do C. Juventud Cambados, aproveitaba a relativa relaxación defensiva das verdinegras e anotaba o primeiro tanto para o seu equipo.

Na segunda metade mantívose a tónica dos minutos finais do primeiro período. As locais seguiron cunha intensidade menor, e iso, unido á fraxilidade defensiva que por momentos mostraron na tarde deste domingo, deu certas facilidades ás da vila do albariño. Mirian Señoráns colocaba o catro a dous e Alba Rodiño, unha futbolista que fai uns anos a piques estivo de incorporarse ao Armenteira C.F. durante a pretemporada, levándose unha serie de rexeitamentos, empalmaba unha volea desde dentro da área para situar o catro a tres. Por uns intres cundiu o nerviosismo na parroquia local. A remontada parecía posible. Pero as futbolistas verdinegras, exhibindo unha capacidade de control do xogo e unha veteranía moi útil para enfrontarse ás situacións de maior dificultade que adoitan aparecer ao longo dos partidos, subiron unha marcha na intensidade do seu fútbol e disiparon as dúbidas que podían poñer en cuestión que os tres puntos se quedasen en O Leixo. Uxía tras recibir unha asistencia de Cris desde a liña de fondo, empalmaba unha preciosa volea para fixar o cinco a tres, e Cris, tras desfacerse da presión das defensoras rivais batía a Sofía Losada para sentenciar co seis a tres. A partir de entón, a remontada cambadesa xa semellaba inviable. As visitantes acusaban o cansanzo e non eran quen de inquedar a meta de loca como o fixeran nos minutos anteriores. Puido incluso ampliar vantaxe o Armenteira C.F., pero nin Cris, nin Dini, nin Uxía acertaron cos seus lanzamentos a portería. Xa sobre o asubío final, Andrea Hermida, unha das xogadoras máis novas das amarelas, recibía unha asistencia que se colocou polo medio dunha liña defensiva local excesivamente relaxada, e remachaba a gol coa portería baldeira. O seis a catro final reflectía a superioridade das verdinegras, cimentada sobre todo nun dominio dos tempos do xogo e nunha contundencia na finalización que resulta determinante nun partido clave para a clasificación final na liga, como o era a cita deste domingo entre dous dos equipos da comarca de O Salnés que compiten na liga feminina de fútbol-7.

Con este triunfo, o Armenteira C.F. feminino sitúase na quinta posición, con vintesete puntos. Na próxima fin de semana, a escadra verdinegra deberá visitar as intalacións deportivas de A Lagoa para medirse ao Mondariz C.F. F.F., un conxunto que nesta xornada asegurou a segunda posición na táboa clasificatoria, e que será un duro rival no obxectivo da entidade verdinegra de rematar a liga entre as catro primeiras prazas.







sábado, 11 de marzo de 2023

O Armenteira Veteranos vese claramente superado polo C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego e sucumbe no Municipal de Meis

 FICHA TÉCNICA

C.D. MOSTEIRO-A BARBERÍA DE DIEGO - ARMENTEIRA VETERANOS - 4 - 0

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Carlos Castro, Óscar Muñiz, Richi; Junior, Carlos Muñiz, Martín, Javi, Marcial; e Rubén. Tamén xogaron Óscar Barreiro, Víctor e Suso.

GOLES: 1-0. Minuto 17. Adrián Oubiña. 2-0. Minuto 23. Adrián Oubiña. 3-0. Minuto 57. Adrián Oubiña. 4-0. Minuto 65. Victorino Martínez.

ÁRBITRO: Leirós Brea. Mostrou cartón amarelo a Suso por parte do Armenteira Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da décimo novena xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da da delegación de Pontevedra disputado no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro, ante uns dez espectadores, nunha tarde nubrada e temperada, con brétema, e sobre un terreo de xogo de céspede artificial nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos viuse claramente superado polo C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego no partido disputado na tarde deste sábado, 11 de marzo, no campo Municipal de Meis. Bastante mermado de efectivos, o conxunto de O Leixo non puido apenas facer fronte a un rival cun plantel amplo, que exhibiu uns recursos futbolísticos bastante superiores aos dun Armenteira Veteranos que tratou de manter o tipo, pero pouco puido facer para contrarrestar as accións do adversario.

Desde o inicio, parecía evidente cal ía ser a tónica do encontro. O C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego asumía a posesión do coiro e o control do xogo en base a un fútbol combinativo. Pola contra, o Armenteira Veteranos, agazapado no seu campo, intentaba manter a orde táctica e artellar algunha acción de contragolpe ou algún envío en longo cara a Rubén, o seu único home en ataque este sábado, para sorprender á defensa local. Tras unhas primeiras tímidas aproximacións do conxunto de O Mosteiro, o Armenteira Veteranos, que non era quen de ter presenza ofensiva, dispuxo da súa primeira ocasión nunha xogada ben trenzada, que culminou cun disparo de Junior desde fóra da área, que obrigou a estirarse ao gardamallas José Luis Piñeiro, para enviar o esférico a córner. Pero a partir de aquí as opcións de vitoria dos visitantes foron esfumándose. As combinación e as entradas por banda do C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego descubrían as debilidades defensivas dos verdinegros, que ademais non se daban acostumado ao tacto co balón, difícil de dominar e que custaba controlar sobre unha superficie de céspede articial máis rápida do normal a causa das chuvias dos últimos días e da humidade do ambiente. Unha acción de ataque dos locais iniciada pola banda dereita e que se trasladou ao costado esquerdo, sen que os futbolistas do Armenteira Veteranos foran quen de contrarrestala, rematou cun pase preciso ás costas da defensa, que Adrián Oubiña recibiu e aproveitou para superar a Sirra cun toque sutil. Apenas uns minutos despois, de novo Adrián Oubiña, recibía unha asistencia no lado esquerdo do ataque do seu equipo, e desde dentro da área, batía a Sirra cun disparo a media altura. Aínda que o intentou, non puido reaccionar o Armenteira Veteranos. Falto de empuxe, sen cabeza e tampouco sen moito corazón, a formación verdinegra, recurría aos envíos en profundidade desde a liña defensiva cara a Rubén, pero o atacante de Caroi, moi só na dianteira, víase con escasa marxe de maniobra ante a gran cantidade de defensores entre os que se movía. Non foi o día máis inspirado para Rubén, como tampouco para a maioría dos seus compañeiros, excesivamente imprecisos no toque e sen a intensidade necesaria na recuperación. 

No segundo período, pareceu tomar algo de aire o Armenteira Veteranos, que conseguía ter máis a posesión do balón e vía como a zona do mediocampo, desaparecida na primeira metade, era quen de crear algo de xogo. Pero non era suficiente, pois as ocasións non chegaban. Adrián Oubiña, o goleador dos locais e "pichichi" destacado do grupo, que estivera descansando desde aproximadamente a media hora de partido, nada máis regresar ao campo, no primeiro balón que toca, tras recibir unha asistencia desde o costado esquerdo do ataque, colocaba, cun lanzamento preciso desde o interior da área, o tres a cero. Outro mazazo para o Armenteira Veteranos, que non atopaba argumentos para, polo menos, maquillar o resultado. Nunha acción na que novamente os verdinegros pecaron de falta de contundencia defensiva, un disparo de Victorino Martínez, que en primeira instancia detivo Sirra, acaba colándose cara ao fondo da rede. Cun catro a cero en contra, e con varios futbolistas aqueixados de molestias físicas, ao Armenteira Veteranos unicamente lle quedaba sobrevivir. Carlos Castro tivo que abandonar o campo cunha lesión no norcello, Óscar Muñiz, con problemas nas costas, corría o mesmo destino, Víctor tras un golpe tamén nas costas, viuse obrigado a pedir o campo, e finalmente, Martín, nos estertores do encontro, tivo que ser relevado, xa que os problemas musculares que ven sufrindo ao longo das últimas semanas lle impedían continuar no terreo de xogo. Un disparo impreciso de Rubén, que non atopou portería e un par de saques de curruncho, con Sirra incorporado ao remate nos minutos finais, foron as aproximacións máis perigosas dun Armenteira Veteranos notablemente inoperante ao longo dos noventa minutos. Leirós Brea, un colexiado aferrado á rixidez do regulamento, que se afana en repetir unha e outra vez as normas ante as recriminacións dos futbolistas, decidiu poñer fin a un partido, no que o único cartón amarelo o recibiu Suso na primeira metade, nunha entrada a Pablo Nine, na que aparatosa caída do xogador local induciu ao árbitro a sancionar ao dianteiro de Couso, ao que lle custou aceptar unha sanción que a todas luces consideraba inxusta.

Con esta derrota, o Armenteira Veteranos queda na décima posición, con doce puntos. Na próxima fin de semana o cadro verde e negro deberá recibir no campo de O Leixo ao Moraña C.F., líder destacado do grupo, con corenta e un puntos, e gran favorito a alzarse co título de campión de liga, que no partido da primeira volta xa vencera con contundencia a un Armenteira Veteranos, que agora máis mermado polas baixas, tratará de asumir o difícil reto de plantar cara ao rival a priori máis poderoso do grupo 2 de Terceira de Veteranos da delegación de Pontevedra da Terceira Galicia de Veteranos.

sábado, 4 de marzo de 2023

Armenteira Veteranos e S.D. Puentearnelas exhiben a súá escasa pegada e reparten puntos en O Leixo

FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - S.D. PUENTEARNELAS - 0 - 0

ARMENTEIRA VETERANOS: Sirra; Moncho, Martín, Carlos Muñiz, Richi; Óscar Muñiz, Javi, Junior, Marcial; Rubén e Galiñanes. Tamén xogaron Óscar Barreiro, Víctor, Manuel, Suso e Carlos Castro.

GOLES: Non houbo goles no partido.

ÁRBITRO: Arís Arribas. Non mostrou cartóns a ningún xogador do Armenteira Veteranos nin da S.D. Puentearnelas.

INCIDENCIAS: Partido da undécima xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da da delegación de Pontevedra disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante quince espectadores, nunha tarde soleada e temperada, e sobre un terreo de xogo de terra nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

Armenteira Veteranos e S.D. Puentearnelas fixeron táboas no partido da tarde deste sábado, 4 de marzo, no campo de O Leixo. O encontro, que debía terse disputado o pasado 17 de decembro, pero que, debido ás numerosas baixas que tería esa fin de semana o conxunto verdinegro, fora aprazado e trasladado para esta xornada, na que curiosamente coincidía quenda de descanso tanto para os de A Armenteira como para os de Pontearnelas. Foi nun duelo de rivalidade, entre dúas formacións que se coñecen sobradamente, e no que tanto uns como outros exhibiron unha notable falta de pegada, que explica, xunto a outras carencias, a súa situación na clasificación. Se na primeira metade predominou o dominio e as ocasións locais, na segunda, o partido abriuse, e as ocasións repartíronse entre ambos os dous bandos.

O equilibrio entre os dous conxuntos mostrouse desde o inicio. Comezou o Armenteira Veteranos coa intención de asumir o control do xogo. Con Martín e Carlos Muñiz no centro da zaga, para potenciar a creación do xogo desde a liña defensiva, os de A Armenteira trataban de apostar por un fútbol máis combinativo có que adoita figurar no seu libro de estilo. Javi, na posición de mediocentro único, era a pedra angular nun plantexamento que, pese ao seu maior apego ao toque, recurría aos balóns en longo buscando a velocidade de Rubén unha vez que o coiro chegaba á zona de mediocampo. E foron eses envíos en longo cara a Rubén a prrincipal fonte de perigo dos verdinegros nestes primeiros corenta e cinco minutos. Ata tres veces se plantou diante do gardamallas Julio Cores o atacante de Caroi, que non tiña excesivas dificultades en superar en velocidade aos defensores adversarios, pero que non tiña a mesma fortuna á hora de definir ante a saída do cancerbeiro. Un remate de Javi, recibindo libre de marca no segundo pau, foi a outra gran oportunidade de gol dos locais neste período inicial, pero o mediocampista de Couso non imprimiu a forza necesaria ao lanzamento, facilitando a intervención do meta Julio Cores. Pola contra, Sirra apenas tivo que intervir nesta primeira metade.

Tras a reanudación, a situación variou minimante. O maior dominio local decaeu, e comezaron a abrirse espazos. O cansanzo e os desaxustes tácticos provocaron unha separación entre liñas, o cal permitiu que tanto o Armenteira Veteranos como a S.D. Puentearnelas puidesen achegarse con menor impedimentos á área rival. De todos xeitos, tampouco houbo oportunidades de gol demasiado claras, e as que se produciron, foron debidas máis ben a erros na zona defensiva. Unha cesión cara a Sirra que case se escapa cara o fondo da rede e un intento de despexe que tamén colleu dirección cara a portería defendida polo gardamallas de Couso, fixeron cundir o pánico entre a afección local. Tras estes minutos de nerviosismo, o Armenteira Veteranos tratou de recompoñerse buscando a súa arma máis efectiva en ataque na tarde deste sábado. A velocidade e a capacidade de desborde de Rubén, embocado ao costado dereito, eran o principal argumento ofensivo dos locais. Pero non era suficiente. Faltáballe acompañamento a Rubén en ataque, e nos casos nos que algúen lograba asociarse con el, a xogada finalizaba sen éxito. Un disparo de Javi que rexeitou a zaga do Arnelas, unha cabalgada de Óscar Muñiz ou un lanzamento de falta executado por Junior foron quizais as oportunidades de certo perigo máis destacables do Armenteira Veteranos neste segundo período. Os visitantes, tamén se deixaron ver nalgunha ocasión polas inmediacións da meta de Sirra, pero a serenidade defensiva dos verdinegros e o desacerto dos envíos a portería dos de Pontearnelas, impediron que o marcador se movese. Mención especial merece a presenza na S.D. Puentearnelas de Rafa Fernández, un dos futbolistas de maior idade das ligas de veteranos, e que fai máis dunha década militou no Armenteira Veteranos, e que temporada tras temporada continúa en activo e deixando destellos dunha calidade que lograr resistir ao paso dos anos.

Co punto sumado na xornada deste sábado, o Armenteira Veteranos colócase na novena posición da táboa, con doce puntos. Na próxima fin de semana, a escadra verde e negra deberá rendir visita ao campo Municipal de Meis para medirse ao C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego, no que será un novo derbi municipal na categoría de veteranos. Os da capital do municipio, terceiros na clasificación, con vintenove puntos, parecen partir como claros favoritos, aínda que os de A Armenteira, acostumados a asumir retos difíciles e coa motivación que supón este novo duelo de rivalidade, non renuncian a poder dar a sorpresa.