FICHA TÉCNICA
ATLÉTICO COMBARRO - ARMENTEIRA VETERANOS- 3 - 2
O Armenteira C.F. Veteranos sufriu este sábado, 21 de outubro, a primeira derrota do que vai de temporada. Foi tras un encontro intenso e emocionante, que se decidiu nos dez minutos finais, xa que, no o cadro verdinegro xogaba dunha vantaxe de un gol a dous no minuto 81, despois de remontar o gol inicial dos de Combarro, e na recta final viu como os locais eran quen de darlle a volta ao marcador ata alcanzar o tres a dous co que finalizou o partido.
Coa ría de Pontevedra e a illa de Tambo ao fondo, e sobre un terreo de xogo de céspede artificial cunha abundante presenza de partículas de caucho, precisamente na semana na que se deu a coñecer a noticia pola que a Unión Europea prohibe para o horizonte de 2030 este tipo de material polo alto grao de contaminación que provoca, o encontro tivo, xa desde o inicio, unha gran intensidade. O alto ritmo de xogo que trataban de imprimir os locais sorprendeu a un Armenteira Veteranos ao que lle está custando entrar nos partidos esta temporada. Facendo circular o coiro con rapidez, actuando con enorme mobilidade e cunha presión elevada, o Atlético Combarro era claramente o dono da situación na primeira parte do duelo. Os visitantes non atopaban o seu plan de xogo, e nin o mediocampo, que contaba novamente coa presenza de José Castro na zona de creación tras unha temporada alonxado dos terreos de xogo, e tampouco a defensa, desarbolada unha e outra vez tanto polos costados como pola parcela central, eran quen de impoñerse ante as acometidas do adversario. Despois dalgún aviso dos locais, nunha acción dos de Combarro pola banda dereita, o centro é rexeitado polos defensores verdinegro, pero Adrían Jorge, o futbolista máis incisivo dos de Poio este sábado, desde a frontal da área empalma un zurdazo ante o que nada puido facer un Sirra que volvía situarse baixo paus tras recuperarse da doenza que arrastraba desde o último partido da pretemporada. Alcanzada a vantaxe no marcador, o Atlético Combarro foi reducindo pouco a pouco o ritmo de xogo, aínda se mantivo como claro dominador ante un conxunto visitante que non daba atopado a maneira de poñer en apuros a defensa dos poienses. Un lanzamento de falta de Rubén, o especialista dos de A Armenteira neste tipo de accións, foi o único disparo a porta dos verdinegros neste primeiro período.
Tras a reanudación, a situación comezou a variar. Aínda que os locais dispuxeron dalgunha acción coa que ampliar vantaxe, a medida que avanzaban os minutos o Armenteira Veteranos ía atopándose máis cómodo. Xa non sufría tanto en defensa e Carlos Muñiz e José Pérez non só resultaban vencedores na maioría das disputas na zona central do mediocampo, senón que ademais lograban conectar con Rubén e Jorge Castro na zona de ataque. No carril esquerdo, Bambán, que facía o seu debut coa elástica verdinegra, gañando os balóns divididos e combinando cos seus compañeiros, comezaba a protagonizar algunha internada pola súa banda. Nunha desas accións, Jorge Castro recibe o coiro no medio da defensa local, e tras desembarazarse de varios defensores e supera ao meta do Atlético Combarro cun disparo liso pegado ao pau dereito da portería. O tanto deu máis folgos aos visitantes, que estaban no mellor momento do encontro e víanse capaces incluso de alcanzar a remontada. E así foi. Novamente Jorge Castro, e novamente nunha acción individual na que impuxo a súa condicións física e as súas virtudes técnicas fronte aos zagueiros do conxunto poiense. o dianteiro de Vilar enviaba un balón a altura da escadra dereita da meta rival para colocar o un a dous no marcador. O resultado en contra axitou ao Atlético Combarro, que adiantou liñas e acumulou efectivos en ataque, ao tempo que aumentaba o ritmo e a intensidade do xogo. Non se caracterizaba o duelo por unha especial dureza nas disputas, pero ante os numerosos choques e lances habituais dun partido intenso como era este, a resposta do colexiado Vilariño García era unha e outra vez a sanción con cartón amarelo. Ata trece cartolinas amarelas mostrou o trencilla na tarde deste sábado en A Reiboa. Cando o Armenteira Veteranos xa soñaba cunha nova vitoria que o consolidase no liderato, nos últimos minutos o encontro deu un xiro substancial. Tras unha xogada na que os locais trataron de penetrar polo costado esquerdo, o balón chegou a pés de Adrián Jorge que, desde o borde da área, colacaba co pé esquerdo o esférico no fondo das mallas defendidas por Sirra. Non se conformaban coa igualada os de Combarro e, fronte a un Armenteira Veteranos afectado polo tanto do empate, foron a polo triunfo. Un saque de curruncho que no que os futbolistas verdinegros estiveron escasamente contundentes no despexe e nas marcaxes, Ángel García recibía o balón no segundo pau, con tempo para mirar a portería e colocar con precisión o coiro no interior da meta verdinegra. Apenas quedaba marxe de reacción para o Armenteira Veteranos, que aínda así, co partido a piques de finalizar, dispuxo dunha clara ocasión para salvar polo menos un punto tras un lanzamento de córner de Rubén que Galiñanes cabezou no segundo pau. O testarazo, que a simple vista deu a impresión de entrar, desviouse por centímetros da meta local, acabando coas esperanzas dos verdinegros, que viron ademais como as opcións se esfumaban definitivamente cando Carlos Castro recibía o segundo cartón amarelo nunha xogada na que interceptou un ataque rival curtando de forma expeditiva o coiro, e na que o colexiado decidiu castigar a violencia do impacto posterior contra o atacante dos de Combarro.
Con esta derrota, o Armenteira Veteranos sitúase na terceira posición, con seis puntos. Na próxima xornada, os verdinegros deberán recibir en O Leixo á S.D. Puentearnelas, quinto clasificado, tamén con seis puntos, no que reeditará un duelo de rivalidade entre dous clubes veciños que se vén repetindo temporada tras temporada na liga de veteranos. Curiosamente, fai menos dun mes, no último partido de pretemporada, Armenteira Veteranos e S.D. Puentearnelas víronse as caras nunha cita de preparación que nesa ocasión deparou unha vitoria do conxunto vermello. Agora, os de A Armenteira, máis rodados e reforzados, e co aval que normalmente supón o campo de O Leixo, tratarán de reter os puntos para manterse na loita por ocupar os postos máis altos da táboa.