Buscar neste blog

domingo, 8 de outubro de 2023

O Armenteira Veteranos inicia a liga cun triunfo tras unha remontada nunha recta final trepidante

                                                              FICHA TÉCNICA

XOCAS S.D. - ARMENTEIRA VETERANOS - 1 - 2


ARMENTEIRA VETERANOS: Óscar Muñiz; Jorge Dávila, Carlos Castro, Carlos Muñiz, Moncho; Galiñanes, Javi, Martín, Marcial; Rubén e Suso. Tamén xogou Jorge Castro.

GOLES: 1-0. Minuto 32. Fernando Acebedo. 1-1. Minuto 90. José Ramón Meléndez p.p. 1-2. Minuto 90. Javi. 

ÁRBITRO: Padín Ordóñez. Mostrou cartón amarelo a Sergio Falcón parte do Xocas S.D. e a Óscar Muñiz por parte do Armenteira Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da primeira xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra disputado no campo de Berdón, ante uns vinte espectadores, nunha tarde soleada e calorosa, e sobre un terreo de xogo de céspede artificial nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira C.F. Veteranos comeza a liga 2023/2024 da mellor maneira. Nun campo no que nunca lograra vencer, como é o campo de Berdón, o conxunto verde e negro consiguiu arrincar os tres puntos tras unha recta final apoteósica. Foi tras un encontro con dúas partes ben diferenciadas. No primeiro período o dominio correspondeu aos locais, mentres que no segundo, o Armenteira Veteranos fíxose coas control do xogo e soubo levarse o triunfo con dous tantos nos intres finais. Na memoria dos xogadores verdinegros estaban experiencias nas que o equipo verdinegro acostumaba ver como lle remontaban e se lle escapaban puntos nos últimos minutos pero, nesta ocasión, a situación foi totalmente distinta, e foron os de A Armenteira os que foron quen de arrebarlle os tres puntos ao adversario.

Tratou de asumir o dominio o Xocas S.D. desde o inicio. Mediante un fútbol combinativo desde la liña defensiva e intentando imprimirlle velocidade á circulación do coiro, o cadro vilagarcián quería deixar claro que se presenta nesta categoría coa intención de recuperar o posto na Segunda Galicia de Veteranos perdido na pasada temporada. Mentres, o Armenteira Veteranos, agardaba no seu campo, con orde e intensidade defensiva, e intentaba de vez en cando buscar a profundidade e o desborde que sempre ofrece Rubén en ataque. Non pasaba demasiados apuros a zaga do Armenteira Veteranos, que incluso puido sorprender aos de Vilagarcía a través dun disparo de Rubén que saiu desviado unha dunha acción por banda de Marcial, que acabou rematando contra o lateral da rede. Pero, ao fío da media hora de xogo, nunha acción de posible fóra de xogo, Fernando Acebedo recibiu unha pase que se colou polo medio da defensa verdinegra, e superou co seu disparo a Óscar Muñiz, meta accidental na xornada deste sábado. Parecía que con este tanto se abría camiño cara unha clara vitoria local, aínda que, mantendo a intensidade en defensa e as liñas xuntas, o Armenteira Veteranos ía recuperando a confianza nas súas opcións para traer un resultado positivo de Berdón.

O cambio definitivo deuse no segundo período, cando Jorge Castro puido incorporarse ao encontro. Co dianteiro de Vilar sobre o terreo de xogo, e co reforzo das boas sensacións da primeira metade, o equipo verde e negro foi tomando o control do xogo. A seguridade que transmitían no centro da zaga Carlos Castro e Carlos Muñiz, con Javi dirixindo o xogo desde a zona de creación, perfectamente acompañado por Martín, e, sobre todo, coa sociedade que forman en ataque Jorge Castro e Rubén, o conxunto de A Armenteira foi pouco a pouco cercando a meta rival. Con todo, ese dominio non se traducía en claras ocasións de gol e as que tiveron os atacantes verdinegros, demasiado forzadas, non tiveron o éxito agardado. Incluso tiveron a oportunidade de aumentar vantaxe os locais, a través dalgunha acción de contraataque, e, especialmente, nun lanzamento de falta que atallou Óscar Muñiz, O futbolista de Fofán, que tivo que poñerse as luvas para suplir a un Sirra que arrastra unha lesión desde o partido amigable da pasada fin de semana en Ponte Arnelas, mostrou unha notable solvencia baixo paus e resolveu con acerto as contadas ocasións nas que o Xocas S.D. o puxo a proba. Cando parecía que os tres puntos se ían quedar en terras vilagarcianas, nunha acción combinativa na que o Armenteira Veteranos conseguiu levar o balón ata a área pequena do equipo rival, José Ramón Meléndez, intentando interceptar un pase de gol, acabou introducindo o coiro na súa propia portería. O resultado poñía xustiza ao observado sobre o terreo de xogo, pero a historia non finalizara aínda e, nun saque de curruncho efectou por Rubén coa súa habitual precisión, Javi empalmaba un certeiro testarazo no segundo pau, que colocaba o un a dous no marcador e enchía de euforia aos xogadores visitantes e á escasa afección que os acompañou.

Con esta vitoria, o Armenteira Veteranos sitúase na quinta posición, con tres puntos. Na próxima xornada, a disputar o sábado, 14 de outubro, o cadro verde e negro recibirá a visita do Castrelo C.F. Veteranos, o cal tamén logrou vencer no primeiro encontro de liga, no seu caso ante o Vilagarcía Bar Madia Leva. Será o regreso da competición oficial ao campo de O Leixo tras cinco meses sen recibir un partido de liga, polo que se agarda que a expectación sexa máxima.





Ningún comentario:

Publicar un comentario