FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - CASTRELO C.F. VETERANOS- 7 - 2
O Armenteira C.F. Veteranos estreábase este sábado, 14 de outubro, como local na liga 2023/2034. Nun campo de O Leixo que presentaba unha escasa afluencia o cadro verdinegro afrontaba un duelo de rivalidade ante un clube veciño e amigo, como o Castrelo C.F. Veteranos. Todo un clásico das ligas de veteranos, entre os dous únicos equipos da comarca que disputan os seus partidos como locatarios sobre un terreo de xogo cunha superficie de terra. Os enfrontamentos entre meisinos e cambadeses adoitan ser equilibrados e igualadas, e así se presumía que sería na tarde deste sábado, pero neste caso as previsións erraron e a vitoria cae de forma clara e contundente do lado verdinegro. Foi nun encontro no que os locais compareceron unicamente con once futbolistas, sen ningún recambio no banco de suplentes, pero no que souberon remontar o gol inicial dos de Castrelo e encarrilar unha cómoda vitoria que os sitúa no liderato da clasificación cando se levan disputadas dúas xornadas de liga.
Parecía que desde o inicio o Castrelo C.F. Veteranos quería tomar as rendas do encontro. O conxunto da parroquia do municipio de Cambados apostaba por un fútbol combinativo, que fluía basicamente das botas de Emilio Barrio desde a zona de mediocentros. Un envío en longo cara o centro da defensa verdinegra acabo dando lugar a un saque de curruncho no que, ante a relaxación na marcaxe da defensa local, José Ramón Señoráns remataba coa testa no segundo pau cara o fondo da rede da meta defendida por segunda xornada consecutiva por Óscar Muñiz. Negros augurios parecían extendense sobre as mentes dos futbolistas do Armenteira Veteranos, que contemplaban con resignación como o marcador se lle poñía en contra nada máis comezar o encontro. Pero non tardaron en reaccionar os verde e negros. Rubén, posiblemente o futbolista en mellor estado de forma da escadra de A Armenteira, volveu exhibir a que é unha das súas principais virtudes, o xogo a balón parado. Nesta volta postrado no lateral esquerdo, ante as numerosas ausencias no conxunto local, o futbolista de Caroi non quixo deixar de manifestar a súa faceta goleadora. Nun golpe franco desde aproximadamente vinte metros de distancia, Rubén empalmaba un pelotazo que sorprendeu ao meta Dimitar Nedyalkov e igualaba o marcador. O tanto do empate permitiu que o Armenteira Veteranos recobrase confianza no seu xogo e pouco a pouco comezou a deixarse ver con máis frecuencia polas inmediacións da área visitante. Aínda que as acometidas dos de Castrelo non cesaban, o fútbol de corte directo e transicións rápidas do equipo verdinegro ía dando resultado e as ocasións dos locais ían chegando co paso dos minutos. Pero sería de novo Rubén, e novamente nun lanzamento a balón parado, o que se encargaría de anotar o tanto do Armenteira Veteranos. Tal foi a potencia que lle imprimiu ao balón, que Dimitar Nedyalkov, que nesta ocasión se viu obrigado a exercer de gardamallas accidental, foi quen de repeler o coiro cos brazos, pero este continuou a súa traxectoria cara o fondo da rede. Coa situación encauzada, o Armenteira Veteranos trataba de contemporizar e asegurar a parcela defensiva, que se vía amenazada sobre todo polas entradas do Castrelo C.F. Veteranos polo carril dereito.
Tras o descanso, os locais saíron coa mesmo reto dos últimos minutos do período inicial, manter a seguridade e a intensidade en defensa e buscar con transicións rápidas a presenza de Jorge Castro en ataque. E esta táctica pareceu dar resultado. Un lanzameto de falta lateral de Jorge Castro era enviado no intento de despexe por José Ramón Señoráns cara a súa propia portería. Este tanto marcou un punto e aparte no encontro, xa que a partir de aquí o Armenteira Veteranos incrementou a cofianza en si mesmo e comezou a crer máis nas posibilidades de vitoria, ao tempo que os de Castrelo foron cedendo e entrando nunha progresiva crise de xogo. Foise creando o ambiente propicio para as delicadezas e as florituras e así, tras unha asistencia en profundidade de Javi mediante unha rabona, Jorge Castro internábase polo costado esquerdo e o seu centro acababa adentrándose no interior da meta rival. Escasos minutos despois, un envío en longo de Rubén desde o centro da liña defensiva, no que Suso, de costas á portería realiza unha apertura de pernas para deixar pasar o esférico, despistando aos zagueiros adversarios, Jorge Castro, só ante o cancerbeiro do Castrelo C.F. Veteranos, coloca o que sería o cinco a un. Non se rendiron os xogadores visitantes e nunha internada de Juanfran Somoza pola banda esquerda, o seu centro impactaba nas luvas de Óscar Muñiz e acaba no fondo das mallas verdinegras. O partido estaba xa sentenciado, pero o Armenteira Veteranos aínda tivo tempo para ampliar vantaxe. Unha cabezada de Jorge Castro era sacada de dentro da liña de gol polo meta rival, decretando gol o colexiado e, nos intres finais, unha acción na que o propio Jorge Castro se plantaba nun cara a cara co gardamallas de Castrelo, o dianteiro de Vilar era derrubado cando polo cancerbeiro cando se dispoñía a driblalo. A pena máxima, transformada por Jorge Castro, servía para pechar unha vitoria abultada, na que o Armenteira Veteranos demostrou máis pegada ca fútbol, pero na que volveu demostrar que a compenetración e o espíritu de equipo, xunto coa capacidade de desequilibrio de futbolistas como Rubén ou Jorge Castro son as principais bazas de cara a esta temporada. Despois dunha xogada na que Dimitar Nedyalkov, nesta ocasión como xogador de campo, resultaba lesionado, Otero Otero asubiaba o final do partido e os xogadores encamiñábanse en dirección aos vestiarios ante o xúbilo da escasa afección que se congregou este sábado en O Leixo.
Con este triunfo, o Armenteira Veteranos sitúase á fronte da clasificación, un liderato que pode resultar anecdótico, dado que só se levan disputadas dúas xornadas de liga, pero demostran a fortaleza dun plantel moi limitado en canto a número de efectivos, pero que nesta temporada parece recobrar a confianza e a fe nas súas posibilidades que os diversos avatares da pasada temporada lle fixeron perder. Queda moita liga por diante, e moito traballo e moito esforzo por realizar para corroborar estas expectativas. Pero para elo, na próxima xornada deberá superar con éxito outro novo reto, neste caso ante o Atlético Combarro, un equipo incorporado esta temporada á liga de veteranos, que pon de manifesto o auxe do balompé na parroquia poiense, e que de momento non logrou sumar ningún punto no que se leva de liga, pero que de seguro suporá outro duro obstáculo no camiño do Armenteira Veteranos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario