Buscar neste blog

sábado, 11 de novembro de 2023

Un Armenteira Veteranos falto de pegada cae en Zacande ante un Godos C.F. Veteranos máis contundente nas áreas

 FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS - GODOS C.F. VETERANOS- 0 - 2


ARMENTEIRA VETERANOS: Marcos; Moncho, Fernando, Carlos Castro, Óscar Barreiro; Óscar Muñiz, Carlos Muñiz, José Pérez, Marcial; Bambán e Rubén. Tamén xogaron Javi, Jorge Dávila, Richi, Galiñanes e Suso.

GOLES: 0-1. Minuto 10. Manuel Portas. 0-2. Minuto 48. Álvaro Abalo. 

ÁRBITRO: Caeiro Abalo. Mostrou cartón amarelo a Álvaro Abalo por parte do Godos C.F. Veteranos e a Fernando por parte do Armenteira Veteranos.

INCIDENCIAS: Partido da sexta xornada do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos da delegación de Pontevedra disputado no campo Municipal de Zacande, ante uns vinte espectadores, nunha tarde cuberta e chuviosa, e sobre un terreo de xogo cun superficie de céspede artificial nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos continúa coa súa mala xeira de xogo e resultados. Tampouco o traslado do partido ao campo Municipal de Zacande serviu para cambiar a deriva negativa do cadro verdinegro nas últimas xornadas. A disputa dunha xornada da Liga Atlántica de Billarda, correspondente á Conferencia Rías Baixas, no campo de O Leixo, obrigou a variar o escenario do partido. Aínda que finalmente as malas condicións meteorolóxicas impediron que o torneo de billarda se celebrase en O Leixo, mudando este escenario por un espazo a resgardo das choivas como o Pavillón Municipal de O Mosteiro, o encontro da Terceira Galicia de Veteranos, que desde o pasado luns estaba fixado en Zacande, desenvolveuse no lugar que estaba previsto. O deste sábado foi un duelo no que o cadro que a priori partía como favorito, dada a súa situación na táboa clasificatoria, impuxo a súa lei. Moito máis contundente e efectivo nas dúas áreas, o Godos C.F. Veteranos levouse os tres puntos nun partido equilibrado en canto a xogo, pero con superioridade visitante en canto a contundencia e efectividade en ambas as dúas áreas.

Comezou o encontro cun Armenteira Veteranos dubitativo, ao que, como acostuma ocorrer nas últimas xornadas, lle custa entrar nos partidos. O Godos C.F. facíase coa posesión do esférico e os de A Armenteira mostraban fisuras e unha debilidade na presión e na liña defensiva que facilitaban as primeiras ocasións por parte dos caldenses. Nunha desas aproximacións, un centro de Manuel Portas desde o costado dereito, acabaría colándose dentro das mallas defendidas nesta xornada por Marcos, sen que o intento de despexe de Moncho puidese evitalo. Co resultado en contra, o Armenteira Veteranos buscou a reacción. Comandados por José Pérez na zona de mediocentros, os verdinegros foron pouco a pouco equilibrando o dominio do xogo. Con todo, os locais non eran quen de achegarse con perigo á área visitante. A dificultade para combinar e trazar xogadas en ataque e a practicamente nula profundidade por banda, limitaban as accións ofensivas dos verdinegros a balóns longos en busca dun Rubén rodeado dunha maraña de defensores ou a regates e conducións que acababan empotándrose co entramado defensivo dos de Godos. Tampouco estivo afortunado o Armenteira Veteranos nas escasas xogadas a balón parado das que dispuxo.

No segundo período, no que a copiosa choiva que caera nos primeiros corenta e cinco minutos se detivo, a situación non variou en exceso. Partia o Armenteira Veteranos coa intención de pelexar pola remontada, pero os seus obxectivos axiña se truncaron. Un centro coa perna dereita do lateral esquerdo do conxunto visitante, era cabeceado ao fondo da rede verdinegra, por Álvaro Abalo, principal referencia en ataque do Godos C.F. Veteranos que, pese a estar lastrado por unhas molestias físicas, foi a principal ameaza para a zaga local ao longo dos noventa minutos. Con dous goles de desvantaxe, os de A Armenteira non cesaron no seu intento. Comezaba a mostrar certa endebleza defensiva o Godos C.F. Veteranos, que sufría nos balóns colgados á área polos de  A Armenteira, pero a falta de contundencia e de pegada dos verdinegros, que case non eran quen de enviar o balón entre os tres paus da meta visitante, anulaban o éxito das acometidas ofensivas. Javi, Carlos Muñiz ou Galiñanes tiveron nos seus pés o coiro dentro da área visitante, sen lograr artellar disparos que puxesen a proba ao gardamallas José Ferro. Incluso puido ampliar vantaxe a escadra visitante ao aproveitar os ocos que deixaba un Armenteira Veteranos que notaba desgaste físico, pero o desacerto dos atacantes rivais e as atinadas intervencións do cancerbeiro Marcos fixeron que o resultado non se alterase.

Con esta derrota, o Armenteira Veteranos baixa ata a oitava posición, con seis puntos. Na próxima xornada, o equipo verdinegro deberá visitar ao Noalla Veteranos Portaredonda, décimo terceiro clasificado con tan só un punto. Previsiblemente de novo coa ausencia de Jorge Castro, a gran referencia ofensiva dos verdinegros, o cadro de A Armenteira tratará de retomar no campo de A Lanzada o bo rumbo co que inicio a temporada.







Ningún comentario:

Publicar un comentario