FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - C.D. MOSTEIRO-A BARBERÍA DE DIEGO- 2 - 2
O Armenteira Veteranos logrou por fin deter a mala xeira de resultados das últimas xornadas. Tras vencer nas dúas primeiras xornadas, e cadro verde e negro levaba encadeadas cinco derrotas nos últimos cinco encontros de liga. Foron derrotas de distinto tipo, unhas en partidos máis igualados e competidos e outras excesivamente abultadas, pero todas elas contribuiron a minar a moral dun equipo que ten un dos principais sustentos no ánimo e na motivación dos seus xogadores. A ausencia de Jorge Castro ao longo do último mes resultou letal para un Armenteira Veteranos que basea boa parte da sùa estratexia ofensiva nas manobras do atacante de Vilar. E foi precisamente no momento no que regresou Jorge Castro no que os verdinegros lograron encauzar en certa maneira ese rumbo tan negativo. Cos tantos dos irmans Castro, Jorge e Carlos, os de Armenteira lograron igualar un partido con dúas partes ben diferenciadas: a primeira con claro dominio visitante e a segunda con maior dominio por parte dos locais.
Nada máis empezar o encontro, os visitantes deixaron claro cal ía ser o seu plantexamento. As combinacións e o control da zona do mediocampo, xunto cos envíos en profundidade cara aos extremos foron a estratexia a seguir polos de O Mosteiro. Pese a que a posesion correspondia aos visitantes, nun golpe franco desde o borde da área, Jorge Castro, colocaba o coiro no segundo pau, longo do alcalce de Eugenio Fernández, que unha vez máis volveu a exercer de gardamallas de circunstancias do C.D. Mosteiro. O gol, que podería axudar a que os de A Armenteira conseguirse asentarse mellor sobre o terreo de xogo e que puidesen librarse do dominio visitante, non tivo o efecto desexado polos locais. O conxunto da capital do municipio seguiu combinando e buscando as costas da zona lateral da defensa verdinegra, principal debilidade do Armenteira Veteranos este sábado. Os balóns filtrados desde o mediocentro e a velocidade e profundidade dos homes de banda do C.D. Mosteiro poñían continuamente a proba o sistema defensivo local. Nunha desas accións, Adrian Novelle chegou á liña de fondo e, desde o costado esquerdo, colocou unha asistencia cara o interior da área, onde se presentou Antonio Collazo para remachar ao fondo da rede. Co marcador igualado, os visitantes continuaron co dominio do xogo, e os avisos cara a portería defendida por Sirra repetíanse cada pouco tempo. De novo nunha xogada forxada na banda esquerda do ataque do C.D. Mosteiro-A Barbería de Diego, Adrián Novelle, despois de recibir de costas e xirarse, conectou cos seus compañeiro e iniciou unha carreira cara a portería que os defensores locais non foron quen de parar. Man a man con Sirra Adrián Novella non perdoaba e poñía aos seus en vantaxe. Intentou reaccionar o Armenteira Veteranos, impulsado fundamentalmente polo empuxe de Javi e José Pérez na liña medular e pola insistencia de Martín e Marcial polas bandas, pero a seguridade do entramado defensivo dos de O Mosteiro impedían que estas acometidas ofensivas atopasen a Jorge Castro e tivesen a fin agardada.
No segundo período a situación cambiou. O Armenteira Veteranos armouse mellor en defensa e a partir de aí, tratou de tomar o control do xogo. Aínda que os locais seguiron esforzándose por manter a posesión e por desenvolver o seu fútbol máis combinativo, a escadra local sentíase relativamente cómodo no campo. O Armenteira Veteranos comezaba a ver posible a posibilidade de empatar ou incluso de remontar, pero había un problema. Eran capaces de dominar, eran capacer de presentarse nas proximidades da meta defendida por Eugenio Fernández, pero novamente, como pasaba nos partidos anteriores, faltaba pegada. Non lograban enviar o coiro entre os tres paus. A puntería dos locais parecía cambiar, cando, nunha aproximación á área adversaria, despois dunha accion a balón parado, o coiro caía nos pés de Carlos Castro, e o central, incorporado nese lance ao ataque, enganchaba de tesoiras unha volea que acabou no fondo da rede rival. Con todo, houbo unha xogada que resultou determinante neste segundo período. Nunha internada de Marcial polo carril esquerdo, na que o balón chegou a pés de Jorge Castro dentro da área, o colexiado Torres Castro, para sorpresa dos presentes, decidiu deter o xogo para mostrar cartón vermello directo a Jesús Bouzón, defensor do C.D. Mosteiro. Foi un comentario despectivo cara o árbitro o que motivo esta decisión tan repentina e inesperada. Cun futbolista máis sobre o terreo de xogo, o Armenteira Veteranos acentou o seu dominio, pero as ocasións máis claras das que dispuxo, principalmente con Jorge Castro como protagonista, non tiveron o acerto esperado. Parecía pasar factura ao dianteiro de Vilar o mes de inactividade. A pesar da inferioridade numérica o C.D. Mosteiro non se resistía a buscar a vitoria e en ocasions deixábase ver cerca da porteria de Sirra, aínda que a ocasión de maior claridade produciuse no último instante do partido, xusto antes de que o colexiado asubiase o final. Tras unha acción con varios despexes por parte dos defensores visitantes, un centro desde a banda esquerda remataba cun testarazo de José Pérez que impactaba no pau longueiro e íase por enriba da portería.
Co punto sumado este sábado, o Armenteira Veteranos queda na undécima posicion, con sete puntos. Na próxima xornada, o conxunto verde e negro deberá visitar ao Dorrón C.F. Veteranos, duodécimo clasificado, cun punto menos que os de A Armenteira. Será unha nova edición dun duelo de rivalidade entre dous clubes veciños pertencentes a dúas parroquias colindantes, na que o Armenteira Veteranos tratará de confimar as mellores sensacións exhibidas no partidos desta fin de semana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario