Buscar neste blog

sábado, 10 de outubro de 2015

O Armenteira Veteranos consigue en Barro a súa terceira vitoria da temporada

O Armenteira Veteranos logrou na tarde deste sábado a súa terceira vitoria da temporada no grupo 4A da liga da zona de Pontevedra, na que milita. Foi unha traballada vitoria por cero goles a un ante un Carballo da Portela que se mostrou como un aguerrido rival e que puxo en moitos apuros ao conxunto visitante que, despois de varias temporadas, volvía a lucir a súas tradicionais cores verdes e negras. O gol de Marcial ao inicio do segundo período xunto coa gran actuación do meta Joserra serviron para que o equipo meisino sume xa dez puntos no seu casilleiro e se sitúe na zona media-alta da táboa.


venres, 9 de outubro de 2015

O Armenteira Veteranos visita ao Carballo da Portela, último clasificado da liga

O Armenteira Veteranos visita este sábado a partires das 16 horas o campo de Chan dos Santos, na localidade veciña de Barro, para enfrontarse ao Carballo da Portela, un conxunto que ocupa transitoriamente o último lugar na clasificación, pero que se presenta como un rival compricado para o grupo que capitanea José Luís Galiñanes, que agarda conseguir novos puntos no seu casilleiro para considarse na zona media. O equipo meisino estreará nesta xornada a súa nova equipación, que supón unha volta ás orixes, xa que o verde e o negro volven a ser as cores de referencia.


Nova oportunidade de puntuar para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na terceira xornada de liga

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen esta fin de semana unha nova oportunidade de dar un paso adiante e puntuar nas súas respectivas ligas. O primeiro en disfrutar desta posibilidade é o equipo alevín, que se enfronta na mañá do sábado, a partires das 11:30 horas, ao Meaño F.C. O equipo que dirixe Jonathan Crespo está realizando un excelente comezo de campaña e ocupa o terceiro posto na clasificación, pero con quere confiarse ante un rival que ocupa o décimoterceiro posto e que aínda non puntuou. As boas relacións existentes entre ambos clubes non serán impedimento para o enfrontamento sexa intenso e cheo de rivalidade.

O domingo pola mañá disputa o seu encontro o equipo infantil, que se despraza ao campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, para enfrontarse a partires das 10 horas ao A.D. Arousa Fútbol-7. Será un partido emotivo para Martín Casais, que na pasada temporada dirixiu á escadra amarela, e que confía en que nesta ocasión as boas sensacións que pouco a pouco están a dar os seus pupilos se confirmen e poidan por fin acadar os primeiros puntos da temporada.

O que tamén se despraza a terras vilagarcianas é o conxunto cadete. Os rapaces que adestra Marcial Prado enfróntase ao San Martín C.F. Será a partires das 10 horas no campo Municipal de Vilaxoán. O equipo vermello ocupa o sexto posto na táboa con tres puntos e presúmese como un duro rival para o equipo verdinegro, que ocupa o noveno lugar cun único punto.

O último en comparecer será o equipo benxamín. O grupo que dirixe Valentín Estévez tivo que trasladar o seu partido ao domingo, cando a partires das 13 horas recibe no seu campo ao Portonovo S.D. un esixente rival, que sempre destacou polo potencial dos seus equipos de fútbol base e que, de seguro plantexará moitos problemas ao equipo de O Leixo. Os rapaces do clube verdinegro mantéñense firmes na súa ilusión e agardan que o bo traballo de formación que se está a levar a cabo quede reflectido no terreo de xogo.


domingo, 4 de outubro de 2015

Unha vitoria, un empate e dúas derrotas para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A segunda xornada de liga trouxo un balance desigual para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. O equipo benxamín, o primeiro en disputar o seu encontro, caiu derrotado por catorce goles a cero ante o Umia C.F., un resultado que reflicte a diferenza que a nivel de recursos e condicións existe hoxe en día entre estas dúas escadras. Sen embargo, o equipo que dirixe Valentín Estévez mantense firme no seu traballo e agarda que os resultados non tarden en chegar.

O que si conseguiu o seu obxectivo foi o equipo alevín. O conxunto que comanda Jonathan Pérez venceu con comodidade ao C. Xuventude Cambados, ao que superou por catro tantos a dous, con goles obra de Zubo, Íñigo, Hugo e Rubén, aínda que a relaxación do equipo nos últimos cinco minutos fixo que os cambadeses puidesen maquillar o resultado. Este triunfo afianza a este equipo na parte alta da clasificación, compartindo liderato co C. Xuventú Sanxenxo e co Portonovo S.D.

O equipo cadete volveu a deixar escapar os puntos nesta xornada. Neste caso foi cun empate a un goles ante o Atlético Cuntis, no que, tras adiantarse no primeiro período por mediación co capitán Mathias, veu como o conxunto termal igualaba o marcador na segunda metade. A escaseza do plantel que dirixe Marcial Prado fai que o cansanzo faga mella nos xogadores a medida que avanza o partido.

Finalmente, o último dos equipos do Armenteira C.F. en saír a escena, foi o conxunto de categoría infantil, que tamén sufriu unha severa derrota ante o Umia C.F., no segundo dos enfrontamentos que houbo esta xornada entre os equipos da parroquia meisina e os da vila do tinto. Foi nun partido disputado no campo de O Pombal, en Cambados, onde está a realizar os adestramentos e a disputar os seus partidos este conxunto, no que foi derrotado por cero goles a dezazéis. Á falta de rodaxe, acoplamento e experiencia dos xogadores de Martín Casais hai que engadir as baixas de importancia coas que contaba nesta fin de semana, pero estas adversidades non son motivo para que o corpo técnico e o grupo de xogadores deixe de crer na labor de formación que consideran a base do proxecto iniciado nesta categoría esta temporada.


sábado, 3 de outubro de 2015

Vitoria sufrida do Armenteira Veteranos ante o Centro Cultural Villalonga

O Armenteira Veteranos acadou na tarde do pasado sábado a segunda vitoria da temporada, e foi nun partido no que pasou por bastantes apuros ante un Centro Cultural Villalonga que vendeu cara a derrota e fixo que os celestes visen perigar por momentos o que foi o seu primeiro triunfo como locais nesta campaña. Os goles de Rafa e Galiñanes serven para que o equipo de O Leixo se sitúe no undécimo posto e comece a consolidarse da táboa. O próximo sábado, o equipo do Armenteira Veteranos rendirá visita á localidade veciña de Barro para enfrontarse ao Carballo da Portela, clube que ocupa o último posto na clasificación.

venres, 2 de outubro de 2015

Xornada esixente para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen esta fin de semana unha xornada esixente, xa que lles toca enfrontarse a rivais que, a priori, van a plantexar moitas dificultades aos rapaces do clube verdinegro.

O primeiro equipo en iniciar a xornada será o equipo benxamín, que se despraza ata o campo de A Bouza, en Barrantes, para enfrontarse o sábado a partires das 10 horas ao Umia C.F., no que será un encontro de rivalidade, ante un equipo que caeu derrotado a pasada xornada por dous goles a cero ante o Meaño F.C. e que ocupa o undécimo posto na clasificación, pero que será un duro escollo para os pupilos de Valentín Estévez.

A continuación será a quenda do equipo alevín. O equipo que adestra Jonathan Crespo recibirá a partires das 11 horas, no campo de O Leixo, ao C. Xuventude Cambados, un duro rival que na pasada xornada venceu por catro goles a un ao Arosa S.C. e que ocupa o cuarto chanzo da clasificación, un por enriba do conxunto verdinegro, polo que se prevé un duelo intenso entre dúas escadras que aspiran a estar na parte alta da táboa.

Nada máis finalizar este encontro, no mesmo escenario, a partires das 12 horas, dará comezo o partido de categoría cadete entre o Armenteira C.F. e o Atlético Cuntis, un conxunto que ocupa o quinto lugar da clasificación tras vencer na primeira xornada por catro goles a un ao C.D. Bamio. Os xogadores que dirixe Marcial Prado intentarán quitarse o mal sabor de boca da primeira xornada, onde foron derrotados polo Moraña C.F. no último minuto, despois de ter unha vantaxe dous goles.

Finalmente, o domingo a partires das 12 horas sairá a escena o equipo infantil do Armenteira C.F. Será no campo de O Pombal, en Cambados, xa que, en virtude do acordo asinado entre o clube verdinegro e o C. Xuventude Cambados, o equipo desta categoría realizará os adestramentos e disputará os partidos como local na vila do albariño. O bloque que está ás ordes de Martín Casais recibe a  visita dun equipo veciño, o Umia C.F., que na pasada xornada perdeu por dous goles a tres ante o Vilagarcía S.D. e que ocupa o undécimo lugar na táboa clasificatoria. O equipo verdinegro agarda confirmar as boas sensacións que amosou por momentos no último encontro e agradar aos afeccionados que se desprazarán ata Cambados para darlles o seu apoio.


O Armenteira Veteranos recibe a visita do Centro Cultural Villalonga

A quinta xornada do grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra depara para o Armenteira Veteranos a visita do Centro Cultural Villalonga, un equipo que se atopa no décimosexto posto da clasificación e que ven de caír derrotado por tres goles a catro ante o Peña Rácing. O conxunto celeste agarda sumar a segunda vitoria consecutiva nesta temporada para poder consolidarse na zona media da táboa, aínda que para elo deberá superar a un rival que de seguro ofrecerá moita resistencia. O encontro disputarase este sábado, no campo de O Leixo, a partires das 17 horas.