Buscar neste blog

venres, 2 de outubro de 2015

Xornada esixente para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen esta fin de semana unha xornada esixente, xa que lles toca enfrontarse a rivais que, a priori, van a plantexar moitas dificultades aos rapaces do clube verdinegro.

O primeiro equipo en iniciar a xornada será o equipo benxamín, que se despraza ata o campo de A Bouza, en Barrantes, para enfrontarse o sábado a partires das 10 horas ao Umia C.F., no que será un encontro de rivalidade, ante un equipo que caeu derrotado a pasada xornada por dous goles a cero ante o Meaño F.C. e que ocupa o undécimo posto na clasificación, pero que será un duro escollo para os pupilos de Valentín Estévez.

A continuación será a quenda do equipo alevín. O equipo que adestra Jonathan Crespo recibirá a partires das 11 horas, no campo de O Leixo, ao C. Xuventude Cambados, un duro rival que na pasada xornada venceu por catro goles a un ao Arosa S.C. e que ocupa o cuarto chanzo da clasificación, un por enriba do conxunto verdinegro, polo que se prevé un duelo intenso entre dúas escadras que aspiran a estar na parte alta da táboa.

Nada máis finalizar este encontro, no mesmo escenario, a partires das 12 horas, dará comezo o partido de categoría cadete entre o Armenteira C.F. e o Atlético Cuntis, un conxunto que ocupa o quinto lugar da clasificación tras vencer na primeira xornada por catro goles a un ao C.D. Bamio. Os xogadores que dirixe Marcial Prado intentarán quitarse o mal sabor de boca da primeira xornada, onde foron derrotados polo Moraña C.F. no último minuto, despois de ter unha vantaxe dous goles.

Finalmente, o domingo a partires das 12 horas sairá a escena o equipo infantil do Armenteira C.F. Será no campo de O Pombal, en Cambados, xa que, en virtude do acordo asinado entre o clube verdinegro e o C. Xuventude Cambados, o equipo desta categoría realizará os adestramentos e disputará os partidos como local na vila do albariño. O bloque que está ás ordes de Martín Casais recibe a  visita dun equipo veciño, o Umia C.F., que na pasada xornada perdeu por dous goles a tres ante o Vilagarcía S.D. e que ocupa o undécimo lugar na táboa clasificatoria. O equipo verdinegro agarda confirmar as boas sensacións que amosou por momentos no último encontro e agradar aos afeccionados que se desprazarán ata Cambados para darlles o seu apoio.


Ningún comentario:

Publicar un comentario