Buscar neste blog

domingo, 4 de outubro de 2015

Unha vitoria, un empate e dúas derrotas para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A segunda xornada de liga trouxo un balance desigual para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. O equipo benxamín, o primeiro en disputar o seu encontro, caiu derrotado por catorce goles a cero ante o Umia C.F., un resultado que reflicte a diferenza que a nivel de recursos e condicións existe hoxe en día entre estas dúas escadras. Sen embargo, o equipo que dirixe Valentín Estévez mantense firme no seu traballo e agarda que os resultados non tarden en chegar.

O que si conseguiu o seu obxectivo foi o equipo alevín. O conxunto que comanda Jonathan Pérez venceu con comodidade ao C. Xuventude Cambados, ao que superou por catro tantos a dous, con goles obra de Zubo, Íñigo, Hugo e Rubén, aínda que a relaxación do equipo nos últimos cinco minutos fixo que os cambadeses puidesen maquillar o resultado. Este triunfo afianza a este equipo na parte alta da clasificación, compartindo liderato co C. Xuventú Sanxenxo e co Portonovo S.D.

O equipo cadete volveu a deixar escapar os puntos nesta xornada. Neste caso foi cun empate a un goles ante o Atlético Cuntis, no que, tras adiantarse no primeiro período por mediación co capitán Mathias, veu como o conxunto termal igualaba o marcador na segunda metade. A escaseza do plantel que dirixe Marcial Prado fai que o cansanzo faga mella nos xogadores a medida que avanza o partido.

Finalmente, o último dos equipos do Armenteira C.F. en saír a escena, foi o conxunto de categoría infantil, que tamén sufriu unha severa derrota ante o Umia C.F., no segundo dos enfrontamentos que houbo esta xornada entre os equipos da parroquia meisina e os da vila do tinto. Foi nun partido disputado no campo de O Pombal, en Cambados, onde está a realizar os adestramentos e a disputar os seus partidos este conxunto, no que foi derrotado por cero goles a dezazéis. Á falta de rodaxe, acoplamento e experiencia dos xogadores de Martín Casais hai que engadir as baixas de importancia coas que contaba nesta fin de semana, pero estas adversidades non son motivo para que o corpo técnico e o grupo de xogadores deixe de crer na labor de formación que consideran a base do proxecto iniciado nesta categoría esta temporada.


Ningún comentario:

Publicar un comentario