O Armenteira C.F. abre estes días o prazo de inscrición nos seus equipos de cara a temporada 2016/2016. Para elo acaban de presentar un vistoso cartel co que pretenden atraer a máis xogadores e xogadoras para o seu plantel. Recordan que poden anotarse todos aqueles rapaces nacidos entre os anos 1998 e 2012, e poñen especial incidencia na gratuidade total da inscrición. Segundo afirman é o único clube da contorna que non cobra ningún tipo de taxas por inscribirse nin tampouco cotas mensuais, algo que sempre o distinguiu dos demais e forma parte da política da entidade, que o ven aplicando dende a súa fundanción, pero que supón un esforzo moi importante para os seus dirixentes. Indican que, a pesares das dificultades que esta política implica para a financiación dos numerosos gastos da temporada, compensa e facilita a práctica do deporte en momentos tan delicados como o que vivimos actualmente cunha crise económica e cuns elevados niveis de desemprego que afectan con gran crudeza a moitas familias. O clube de O Leixo ademais proporciona a equipación completa sen ter que abonar ningún tipo de cota, conta con monitores titulados con ampla experiencia no fútbol base e dispón dun ambiente idóneo para que os nenos e nenas se formen no mundo do deporte. O carácter familiar do Armenteira C.F. sempre foi un dos seus puntos fortes, que fai que normalmente aquelas persoas que se integran nas súas filas non queiran despois abandonala. A posta en marcha da nova campaña de maneira oficial terá lugar o luns 15 de agosto ás 11:30 horas, acto ao que convidan a todas aquelas persoas da parroquia e dos arredores interesadas en coñecer as novidades da que será a vixésimo segunda temporada da historia do clube de A Armenteira.
Buscar neste blog
mércores, 13 de xullo de 2016
Primeiro incendio do verán en A Armenteira
O lugar de Vilar rexistrou na tarde deste mércores o primeiro incendio no que vai de verán. O lume iniciouse pouco despois do mediodía e provocou a alarma entre os veciños e veciñas, que vían como as chamas se achegaban ás proximidades das casas, adentrádose incluso nalgunha eira. O susto fixo que eles mesmos fosen en primeiros en actuar para sufocar o lume ata que a intervención das brigadas de extinción de incendios conseguiu que se apagase definitivamente. Unha dotación de catro camións de bombeiros, unha do SEPRONA e outra da Policía Nacional configuraron o amplio dispositivo que se despregou na zona máis elevada do lugar de Vilar. A calor e a sequedade do verán, xunto coa maleza que ocupa boa parte dos montes e leiras da parroquia fan que o risco de incendio vaia en aumento durante esta época estival, co que a desconfianza e a intranquilidade estanse extendendo entre unha veciñanza que ve como as súas casas, os seus bens ou as súas vidas poderían correr perigo.
luns, 11 de xullo de 2016
O equipo xuvenil do Armenteira C.F para a temporada 2016/2017 comeza a dar os primeiros pasos
O proxecto de creación dun equipo de categoría xuvenil por parte do Armenteira C.F. comezou a dar os primeiros pasos. Na tarde deste luns representantes do corpo técnico e da Xunta Directiva do clube reuníronse nas instalacións do campo de O Leixo con algúns dos xogadores que van formar parte deste plantel para deseñar as liñas básicas de cara a posta en marcha do equipo. O proxecto integrará á práctica totalidade dos compoñentes do conxunto de categoría cadete da pasada temporada, e prevé incorporar algún reforzo, entre os cales se rumorea con algún soado regreso ás filas do cadro verdinegro. As ambiciosas ideas da Xunta Directiva pretenden desembocar na creación dun equipo de categoría senior nun horizonte de tres anos, e para elo pretenden darlle un carácter municipal ao proxecto e teñen a intención de incluír no mesmo a outras entidades deportivas para poder darlle a oportunidade de participar nesta iniciativa a todos aqueles mozos do concello e doutros lugares da contorna que o desexen. Recordan que o prazo de incrición está aberto e que nos próximos días vanse colocar uns vistosos carteis informativos para que os que estean interesados poidan comezar a anotarse tanto no equipo desta categoría, como en calquera das outras nas que o clube de O Leixo vai competir.
sábado, 9 de xullo de 2016
Respaldo unánime ás propostas da nova Xunta Rectora de Chan da Fonte
A nova Xunta Rectora da Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan da Fonte, de A Armenteira, recibiu un respaldo unánime ás propostas presentadas na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada este sábado ás 20 horas na Casa de Cultura da parroquia. O equipo directivo que se fixo co control da entidade tras vencer nas eleccións que tiveron lugar no pasado mes de abril, co novo presidente Serafín Melón á cabeza, fixo a súa presentación de maneira oficial ante os comuneiros e comuneiras, e explicoulles os novos proxectos que van levar a cabo, entre os que destacan unha importante plantación de castiñeiros, financiada en parte mediante unha subvención, o convenio coa empresa ENCE para realizar unha plantación de eucaliptos, así como as negociación que van establecer para ampliar as instalación nas que se sitúa a canceira CAAN, creada e impulsada pola Deputación de Pontevedra e que presta servizo a 50 municipios da provincia. Esta Xunta Rectora, formada por xente que destaca pola súa xuventude, pretende darlle un aire renovador á Comunidade de Montes e convertila nun importante xerador de riqueza para A Armenteira, preservando ao mesmo tempo o elevado valor natural e patrimonial que agochan as máis de 500 hectáreas de terreo que administra.
xoves, 7 de xullo de 2016
A presenza de serpes atemoriza á poboación de A Armenteira
A aparición de maneira cada vez máis habitual de serpes nas vías públicas de A Armenteira está atemorizando á poboación. Son varios os veciños e veciñas que aseguran ter visto estes animais no medio da calzada ou nas proximidades de parques ou vivendas particulares, polo que fan un chamamento ás autoridades do concello de Meis para que traten de dar unha solución a este problema. A falta de limpeza do borde das vías públicas e dalgunhas leiras particulares, totalmente anegadas pola maleza, xunto coa calor propia destas datas está provocando a proliferación destas especies de animais, polo xeral inofensivas, pero que poden resultar perigosas para a poboación, especialmente nos lugares que soen ser frecuentados por nenos e nenas e por persoas maiores.
mércores, 6 de xullo de 2016
Chan da Fonte convoca aos seus membros a unha Asemblea Xeral
A Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan da Fonte, de A Armenteira, convoca aos comuneiros e comuneiras a unha Asemblea Xeral que se vai celebrar o próximo sábado día 9 de xullo ás 20 horas en primeira convocatoria e ás 20:30 na segunda. Na orde do día figuran a lectura e aprobación das actas anteriores, a presentación da nova Xunta Rectora, a presentación do estado das contas ao inicio do mandato desta nova Xunta Rectora, a comunicación dos novos proxectos que teñen previsto levar a cabo e o correspondente apartado de rogos e preguntas. O novo equipo directivo, presidido Serafín Melón, que se fixo co poder nas eleccións celebradas o pasado 9 de abril, quere darlle un novo aire á xestión que se viña realizando nos próximos anos e, para elo, xa estableceu contactos con algunhas importantes empresas ligadas ao sector forestal para levar a cabo algúns ambiciosos proxectos. Cabe recordar que esta Comunidade de Montes administra unha superficie de máis de 500 hectáreas, entre as que se inclúen instalacións tan representativas como o campo de fútbol de O Leixo ou o centro CAAN, a canceira impulsada pola Deputación de Pontevedra e que presta servizo a 50 municipios da provincia. A Asemblea Xeral terá lugar na Casa de Cultura, un edificio construído nos terreos adquiridos no seu día por esta entidade veciñal para o uso e disfrute das xentes de A Armenteira, e que ultimamente está sendo obxecto dunha agria polémica debido ás dificultades ou mesmo impedimento da utilización deste local coas que se atopa a veciñanza da parroquia.
luns, 4 de xullo de 2016
A maleza ameaza a seguridade vial en A Armenteira
A maleza que ocupa os bordes das estradas que unen os distintos lugares da parroquia de A Armenteira está a convertirse nun problema para a seguridade da circulación nunhas vías que xa de por sí destacan pola súa escasa anchura. Este feito fai que o malestar veciñal vaia en aumento e que urxan aos responsables do concello de Meis a que poñan os medios necesarios para dar solución a esta deficiencia. Ademais do evidente perigo que supón o estado no que se atopan estas pistas, nas que as silvas, os fentos e outras herbas chegan a alcanzar o centro da calzada, sinalan que esta situación dana a imaxe dunha parroquia que nestes meses de verán recibe un importante número de visitantes que se achegan sobre todo ata os arredores do mosteiro cirterciense a través da Ruta da Pedra e da Auga, pero que tamén en moitos casos, tanto en coche, como en bicicleta ou a pé, deciden perderse polas aldeas da parroquia para disfrutar da enorme riqueza natural e cultural que agochan.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)










