O Armenteira C.F. abre estes días o prazo de inscrición nos seus equipos de cara a temporada 2016/2016. Para elo acaban de presentar un vistoso cartel co que pretenden atraer a máis xogadores e xogadoras para o seu plantel. Recordan que poden anotarse todos aqueles rapaces nacidos entre os anos 1998 e 2012, e poñen especial incidencia na gratuidade total da inscrición. Segundo afirman é o único clube da contorna que non cobra ningún tipo de taxas por inscribirse nin tampouco cotas mensuais, algo que sempre o distinguiu dos demais e forma parte da política da entidade, que o ven aplicando dende a súa fundanción, pero que supón un esforzo moi importante para os seus dirixentes. Indican que, a pesares das dificultades que esta política implica para a financiación dos numerosos gastos da temporada, compensa e facilita a práctica do deporte en momentos tan delicados como o que vivimos actualmente cunha crise económica e cuns elevados niveis de desemprego que afectan con gran crudeza a moitas familias. O clube de O Leixo ademais proporciona a equipación completa sen ter que abonar ningún tipo de cota, conta con monitores titulados con ampla experiencia no fútbol base e dispón dun ambiente idóneo para que os nenos e nenas se formen no mundo do deporte. O carácter familiar do Armenteira C.F. sempre foi un dos seus puntos fortes, que fai que normalmente aquelas persoas que se integran nas súas filas non queiran despois abandonala. A posta en marcha da nova campaña de maneira oficial terá lugar o luns 15 de agosto ás 11:30 horas, acto ao que convidan a todas aquelas persoas da parroquia e dos arredores interesadas en coñecer as novidades da que será a vixésimo segunda temporada da historia do clube de A Armenteira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario