A Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan da Fonte, de A Armenteira, convoca aos comuneiros e comuneiras a unha Asemblea Xeral que se vai celebrar o próximo sábado día 9 de xullo ás 20 horas en primeira convocatoria e ás 20:30 na segunda. Na orde do día figuran a lectura e aprobación das actas anteriores, a presentación da nova Xunta Rectora, a presentación do estado das contas ao inicio do mandato desta nova Xunta Rectora, a comunicación dos novos proxectos que teñen previsto levar a cabo e o correspondente apartado de rogos e preguntas. O novo equipo directivo, presidido Serafín Melón, que se fixo co poder nas eleccións celebradas o pasado 9 de abril, quere darlle un novo aire á xestión que se viña realizando nos próximos anos e, para elo, xa estableceu contactos con algunhas importantes empresas ligadas ao sector forestal para levar a cabo algúns ambiciosos proxectos. Cabe recordar que esta Comunidade de Montes administra unha superficie de máis de 500 hectáreas, entre as que se inclúen instalacións tan representativas como o campo de fútbol de O Leixo ou o centro CAAN, a canceira impulsada pola Deputación de Pontevedra e que presta servizo a 50 municipios da provincia. A Asemblea Xeral terá lugar na Casa de Cultura, un edificio construído nos terreos adquiridos no seu día por esta entidade veciñal para o uso e disfrute das xentes de A Armenteira, e que ultimamente está sendo obxecto dunha agria polémica debido ás dificultades ou mesmo impedimento da utilización deste local coas que se atopa a veciñanza da parroquia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario