A iniciativa levada a cabo pola ANPA "O Loureiro" que permitiu traer a A Armenteira o pasado 22 de decembro o tren turístico que percorre a vila de Cambados, e que ese día trasladou polos distintos lugares da parroquia a Papá Noel, xunto con cortexo de paxes e nenos e nenas, serviu de inspiración para que as autoridades municipais decidisen pór en marcha unha idea que vén a responder a unha demanda histórica da veciñanza da zona: a de establecer un servizo de transporte local. Grupos políticos con representación na Corporación Municipal do Concello de Meis levaron a pleno en numerosas ocasións a proposta de instaurar un sistema de transporte que vertebrase os núcleos de poboación do Concello e que facilitase o desprazamento dos veciñas e veciñas que non dispoñen de vehículo propio para desta maneira puidesen desenvolver actividades tan cotiás como ir a consulta médica, facer as compras, realizar trámites nas oficinas municipais ou simplemente tomar un café nas terrazas dos bares e cafetarías. As xestións ante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia non deron os seus froitos e todo indicaba que habería que agardar ata a campaña das próximas eleccións municipais, previstas para 2023, para que as autoridades tomasen en serio a idea. Pero o éxito da iniciativa da ANPA "O Loureiro" deu un impulso inesperado ao proxecto. A comezos de 2021, nunha data aínda por determinar, un tren similar ao da vila de Cambados iniciará o seu percorrido polos distintos lugares de A Armenteira. Inicialmente durante as fins de semana, pero coa opción de incrementar a frecuencia das viaxes, o tren desprazarase polos viais da parroquia para levar ás xentes que o precisen a tomar o café, aos oficios relixiosos, aos partidos de fútbol ou a visitar a familiares e amigos e amigas. Incluso cabe a posibilidade, se acaba contando cos preceptivos permisos da Consellería de Educación, de o transporte escolar sexa realizado por este vehículo ao contar nun sistema de ventilación máis efectivo e ao adecuarse mellor aos protocolos de prevención de contaxios do coronavirus COVID-19. Deste xeito, os nenos e nenas de A Armenteira, que tanto disfrutaron na viaxe do día 22, poderán desprazarse diariamente ao colexio nun medio tan singular. Unha potente máquina, altamente contaminante, pero adaptada ás pendentes características dun territorio como A Armenteira, tirará do que sería un transporte que os e as escolares compartirán persoas adultas, veciños e veciñas ou turistas, e que, para maior comodidade dos e das pasaxeiras contará cun servizo de cafetería, asitencia médica en caso de mareo ou, cando se trate de tarifas VIP, de actuacións musicais ou de números de humor a bordo da que se encargarían renomeados artistas locais. A modo experimental, o vehículo fará un traxecto os días 28 e 29 de decembro, en horario de mañá e tarde, para que os nenos e nenas poidan desprazarse a depositar as cartas ás Súas Maxestades de Oriente no Buzón Real que se ubicará na entrada do Local Social de Vilar, a coñecida como Casa de Cultura, e que en caso de mellorar o tempo se trasladará á Praza de Vilar, a que sea atopa á entrada do adro ao mosteiro cisterciense, un punto que se convertirá nunha parada obrigatoria, pois alí estarán agardando o concelleiro Martín Casais e outros representantes da política local, ataviados con vestimentas acordes coa época de Nadal, para repartir caramelos e chuches entre a rapazada.
Buscar neste blog
domingo, 27 de decembro de 2020
INOCENTADA 2020: As tarefas de sementado do céspede de O Leixo inícianse a bo ritmo
martes, 22 de decembro de 2020
O tren de Nadal da ANPA O Loureiro leva a ilusión polas aldeas de A Armenteira
A rapazada de A Armenteira disfrutou este martes, 22 de decembro, da ilusión e da maxia das datas de Nadal grazas a unha excepcional idea da Xunta Directiva da ANPA "O Loureiro" do CEIP de Armenteira. As limitacións impostas polas medidas de contención da expansión da pandemia do COVID-19 obrigaron a que a asociación de pais e nais do centro educativo de A Armenteira renunciase á celebración do festival que tradicionalmente tiña lugar antes do comezo das vacacións de Nadal. Á decepción que este feito podía provocar entre os nenos e nenas, engadiuse que este ano tampouco puideron disfrutar do percorrido que realizaban polos diversos lugares da parroquia para entonar os Cantares de Reis, as tamén coñecidas como "xaneiras", unha costume que se foi perdendo co paso do tempo e que o equipo docente trata de ir recuperando nas novas xeracións, e que nesta situación tamén foi imposible levar a cabo. Para compensar a cancelación destas actividades as dirixentes da ANPA "O Loureiro" tiraron de imaxinación e botaron man dos seus contactos para traer A Armenteira o famoso tren turístico que percorre a vila de Cambados. Convenientemente adornado con globos, cintas, guirnaldas e outros enseres navideños, e escoltado por un vehículo do Concello de Meis, o convoi partiu do lugar de A Lomba, no límite coas parroquias de Barrantes e San Martiño, e foi pasando polos diversos lugares de A Armenteira e ou de parroquias próximas, como San Salvador. Cabeza de Boi, Couso, O Batán, Silván, Vilar, Valboa, O Busto, Vacariza, Castiñeira, San Amedio, ata rematar nas inmediacións do colexio, formaron parte da singladura do Pavitrén. Nel, unha comitiva formada polas representantes da ANPA, ataviadas co uniforme de paxes, e por un grupo de nenos e nenas, que aumentaba a medida que ían transitando polos núcleos de poboación, acompañaban a un Papá Noel que, micro en man, e sobre un fondo musical, animaba ás xentes que efusivamente saían a recibilos. O momento máis emocionante producíase cando o tren detiña a súa marcha e Santa Claus apeábase do vagón para dar un agasallo aos nenos e nenas que agardaban nas paradas ou se asomaban ás ventás. Para poñer o colofón ao traxecto, ao final do percorrido, a tripulación infantil que acompañou a Papá Noel ao longo do percorrido recibiu un obsequio que o propio mago de Laponia entregou a cada un e cada unha deles cando abandonaban os vagóns. O saco quedou baleiro, pero as facianas dos nenos e nenas quedou repleta de emoción e alegría tras comprobar que a maxia do Nadal, nin sequera en tempos de pandemia, se esqueceu de A Armenteira, e todo elo grazas ao extraordinario labor e ás dilixentes xestións das representantes da ANPA "O Loureiro".
sábado, 5 de decembro de 2020
A Armenteira acende as luces do Nadal´2020
Nun ano marcado polas terribles consecuencias da pandemia da COVID-19 as institucións públicas, os centros educativos, os locais comerciais ou moitos dos fogares non queren perder a ilusión e esfórzanse por manter o espírito navideño. Os decorados de Nadal inundan non só os escaparates ou o interior dos locais, senón que prazas e rúas locen alumeados e creacións que nos lembran que nunha situación de grave crise sanitaria e económica tamén debe haber oco para a maxia desta época do ano. Foron moitos os Concellos que inauguraron ao longo destes días o seu alumeado de Nadal. Con maior ou menor publicidade, con maior ou menor creativididade ou con maior ou menor investimento os escenarios de Nadal ao aire libre están xa en marcha nada máis iniciarse decembro. Foi o caso do Concello de Meis, que este sábado, 5 de decembro, acendeu o seu alumeado de Nadal. Como non podería ser doutro xeito, a parroquia de A Armenteira é unha das que exhibe con máis esplendor as luces navideñas. O executivo que preside Marta Giráldez decidiu nesta ocasión facer un reparto equilibrado e ao mesmo tempo completo entre os distintos lugares da parroquia. Con arcos luminosos na entrada á parroquia a través das principais vías de comunicación, en Cabeza de Boi, Fofán, Silván e O Busto, e prestando especial atención ao entorno do mosteiro cisterciense, cun arco luminoso na Ponte Xoán e outro na estrada que baixa cara ao colexio, as luces abranguen as zonas de paso polas que habitualmente transitan os veciños e vecinas de A Armenteira. Pero se hai un lugar especialmente mimado, polo seu valor histórico, artístico e turístico, ese é a denominada Praza de Vilar, a que se atopa entre o Café Bar O´Comercio e o Bar Restaurante A´Fonte, e a entrada ao adro do mosteiro. Alí levouse á práctica unha idea que xa se propuxera en anos anteriores, a de situar unha árbore luminosa sobre a pasarela de madeira, acompañada por unha cinta de luces percorrendo os muros da praza e doutra cinta que enmarca o arco da entrada cara ao adro. Esta medida, coa que se pretende manter os ánimos e reforzar o espírito navideño nunhas circunstancias tan difíciles como as que vivimos, súmase á campaña de promoción do comercio local que repartirá vales entre as persoas que consuman nos establecementos comerciais, de servizos e de hostalaría, que deu comezo tamén este 5 de decembro e que se estenderá ata o 10 de xaneiro, e na que participarán varias empresas e establecementos de A Armenteira, como asimesmo o farán no concurso de escaparates de Nadal, que tamén vén de iniciarse. Deste xeito, e a pesar das restricións para frear a expansión da pandemia, que previsiblemente serán aliviadas nos próximos días, trátase de contribuír a paliar os efectos que a COVID está provocando tanto entre os negocios como entre a poboación local.

















