O liderato do grupo 1 da Segunda Autonómica de Veteranos da zona de Pontevedra ponse en xogo na tarde deste sábado no encontro que, a partires das 18:45, disputarán o Soho Cambados e o conxunto local do Armenteira Veteranos. Ámbolos dous conxuntos contan os tres partidos de liga xogados por vitorias e sitúanse no máis alto da táboa, con dous puntos de vantaxe sobre o Bar Santiaguiño, terceiro clasificado. As tarefas de vendima, que xa se aproximan á finalizar, volverán a deixar mella no cadro que capitanea José Luis Galiñanes, que non poderá contar unha semana máis con todos os seus efectivos. A esixencia do rival, que conta con xogadores de gran nivel, formados na súa maioría na canteira do C. Xuventude Cambados, co que chegaron a competir en categorías de ámbito autonómico e provincial, fai que os locais non baixen a garda para tratar de continuar co alto nivel competitivo mostrado ata o momento, que os mantén invictos nos partidos disputados dende o inicio da pretemporada. O excelente estado de forma da parella atacante composta por Jorge Castro e Manueliño é un dos máis firmes avais para lograr o cuarto triunfo consecuentivo e situarse no liderato en solitario.
Buscar neste blog
venres, 30 de setembro de 2016
Umia C.F. e Armenteira C.F. mídense nun intenso duelo de rivalidade en O Leixo
O campo de O Leixo vivirá este sábado, a partires das 17 horas, un intenso duelo de rivalidade entre os equipos de categoría infantil do Umia C.F. e o Armenteira C.F. As obrigas laborais do técnico local, Valentín Estévez "Tilín", obrigaron a trasladar o encontro á tarde do sábado, aínda que previsiblemente este cambio non afecte á asistencia de público ás bancadas do campo do lugar de O Busto, que se prevé numerosa, dada a proximidade e a rivalidade lóxica entre dous conxuntos de dous clubes de localidades tan estreitamente ligadas como son Barrantes e A Armenteira. "Tilín" non poderá volver contar nin con Xoán nin con Anabel, que aínda se atopan recuperándose das súas respectivas lesións, polo que se terá que recompoñer de novo a liña defensiva, como xa tivo que facer a pasada fin de semana no primeiro partido de liga ante o Céltiga F.C. As boas sensacións deixadas polo conxunto verdinegro neste primeiro envite, no que lograron un empate a tres goles, con dous tantos do incisivo dianteiro Piñeiro, fan que as esperanzas da afección se manteñan á alza e permitan soñar cun triunfo ante un rival que parte entre os favoritos para ocupar os postos altos da táboa, como quedou demostrado a pasada fin de semana, cando os de Barrantes venceron ao Catoira S.D. por nove goles a cero.
A U.D. San Miguel de Deiro visita ao equipo benxamín do Armenteira C.F.
O equipo benxamín do Armenteira C.F. recibe este sábado a partires das 12 horas, no campo de O Leixo, á U.D. San Miguel de Deiro. O cadro que dirixen Luis e Alba Barral afronta a última proba antes do inicio dunha temporada que se prevé que dea comezo na fin de semana do 8 e 9 de outubro. A falta de experiencia e a xuventude do conxunto, que conta no seu plantel con catro xogadores de categoría prebenxamín, tratará de ser suplida pola ilusión e as gañas de aprender dun grupo de rapaces e rapazas que día a día van dando mostras da súa progresión. No encontro da pasada fin de semana, disputado no campo de As Lampáns ante a S.D. Amanecer, o equipo benxamín caiu derrotado por sete goles a un nun partido no que o resultado é anecdótico, e no que a aceptable actuación destes nenos e nenas, con detalles entre os que destaca o gol anotado por Brais Charlín ao culminar unha xogada de contragolpe, permite ver con esperanza o inicio da competición de liga.
domingo, 25 de setembro de 2016
Feijóo tamén logra unha ampla maioría en A Armenteira
Os resultados das eleccións autonómicas celebradas este domingo 25 de setembro tamén depararon un resultado favorable para a candidatura encabezada por Alberto Núñez Feijóo. A marca Feijóo, que tanto se afanou en promocionar a dirección da campaña electoral do Partido Popular, relegando incluso a un segundo plano as siglas da propia formación política tivo un amplo respaldo entre os votantes que se achegaron ata a mesa electoral instalada na Casa de Cultura da parroquia. A listaxe encabezada polo político de Os Peares recibiu 283 papeletas, fronte ás 54 que decidiron apostar pola candidatura Partido dos Socialistas de Galicia. No terceiro posto en número de apoio situouse En Marea, mentres que as listaxes do Bloque Nacionalista Galego e a de Ciudadanos recibiron ámbalas dúas catorce votos. A xornada desenvolveuse con absoluta normalidade, coa única salvedade de que os membros da mesa electoral e os electores que ata alí se desprazaron tiveron que compartir unha vez máis o exercicio do voto co descanso dos peregrinos que albergan unhas instalacións nas que conviven os usos veciñais co aloxamento dos numerosos camiñantes que percorren a Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela.
sábado, 24 de setembro de 2016
O campo Municipal de Loxo recibe a primeira visita do Armenteira C.F. feminino
O equipo feminino do Armenteira C.F. desprázase este domingo ata o Concello de Touro para disputar a partires das 18 horas o segundo partido de temporada da Segunda Autonómica Feminina, grupo 2. As rapazas que adestra Marcial Prado buscarán seguir dando mostras da progresión que día a día están mostrando. As numerosas baixas e o potencial do rival da pasada xornada, o Victoria F.C. "B", impediron ter un resultado favorable no histórico debut ligueiro en O Leixo. Para esta ocasión o técnico de San Salvador poderá contar con Alessandra, Nerea e coa recentemente incorporada Jessi, pero, pola contra, deberá facer fronte á ausencia da gardamallas Uxía, que se une a Alba, Aida e Diana, que continúan co seu proceso de recuperación. O rival, o Touro S.D., caiu derrotado por dous goles a cero ante a S.D. Villestro na primeira xornada, pero de seguro que será un duro opoñente para un cadro verdinegro ao que aínda lle custa superar as dificultades derivadas do escaso tempo de preparación e da inexperiencia no mundo do fútbol de gran parte das compoñentes do plantel. Para este histórico e trascendental acontemento para o Armenteira C.F. a Xunta Directiva e a coordinadora deste equipo decidiron organizar unha expedición que partirá ás 15 horas dos arredores do mosteiro que fará posible que un número importante de afeccionados e afeccionadas poidan acompañar e animar a este grupo de xogadoras.
S.D. Amanecer e Armenteira C.F. citan aos seus equipos alevín e benxamín en As Lampáns
O campo de As Lampáns, na parroquia grovense de San Vicente, vivirá un duelo por partida doble entre a S.D. Amanecer e o Armenteira C.F. Trátanse duns partidos amigables que acordaron as coordinacións deportivas de ámbalas dúas entidades, e que decidiron organizar de cara a continuar coa preparación para unha temporada que dará comezo o 9 de outubro. Os primeiros en saltar ao terreo de xogo serán os conxuntos alevíns, a partires das 11 horas. Os rapaces e rapazas que esta temporada adestra Luis Barral, un clásico dos banquillos da comarca que este ano se uniu ao proxecto do Armenteira C.F., tratarán de seguir coa racha positiva que os mantén invictos esta temporada. O técnico de Barrantes poderá ter á súa disposición a totalidade do plantel que co que leva traballando no último mes, e que na pasada fin de semana se impuxo con claridade ao C. Xuventude Cambados, ao que venceu por cinco goles a un en O Leixo, con tantos de Javi, Adri, Manu Meixús e Íñigo en dúas ocasións. Ao finalizar este encontro, sobre as 12 horas, chegará o turno do cadro benxamín. Os nenos e nenas que tamén dirixe Luis Barral buscarán seguir co seu proceso de formación e asimilando conceptos futbolísticos que, para moitos deles, recén iniciados no mundo do balompé, resultan novidosos. Con catro xogadores de categoría prebenxamín, este grupo de xóvenes e inexpertos futbolistas benxamíns de seguro que farán disfrutar a todas aquelas persoas que na mañá do domingo se despracen ata a península de O Grove para presenciar a súa actuación.
O Céltiga F.C. recibe ao equipo infantil do Armenteira C.F. no primeiro partido de liga
O campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, será este domingo a partires das 10 horas o escenario do estreno en liga para a temporada 2016/2016 do equipo infantil do Armenteira C.F. O cadro adestrado por Valentín Estévez "Tilín", que tan boas sensación deu durante a pretemporada, mídese a un rival que parte con aspiracións de ocupar os postos altos da táboa. A vitoria da pasada fin de semana por cero goles a dous ante a S.D. Pontearnelas, con tantos de Piñeiro e Jose Otero, que se suma ao triunfo no Torneo Triangular Divina Pastora 2016, son unha clara mostra da melloría experimentada polos nenos e nenas que dirixe Tilín. O bo traballo realizado polo técnico cambadés estase a reflectir sobre o terreo de xogo e coloca a este equipo en condicións de competir con calquera rival co que se vaia atopando durante o campionato. A seguridade defensiva nunha zaga liderada pola solvencia de Sebas e a garra de Migui, o poderío de Álex Ruel no mediocampo, a sutileza de Carlos Pérez, a velocidade por banda de Jose Otero, a contundencia de Piñeiro en ataque e, sobre todo a orde táctica e o espírito de traballo colectivo fan que as esperanzas que a afección verdinegra ten postas neste conxunto vaian en aumento día a día. A baixa de última hora de Xoán, que se prevé que sexa prolongada, supón un importante contratempo e obrigará a Tilín a reestruturar unha liña defensiva na que tampouco poderá contar con Anabel.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)






