Buscar neste blog
venres, 30 de setembro de 2016
Umia C.F. e Armenteira C.F. mídense nun intenso duelo de rivalidade en O Leixo
O campo de O Leixo vivirá este sábado, a partires das 17 horas, un intenso duelo de rivalidade entre os equipos de categoría infantil do Umia C.F. e o Armenteira C.F. As obrigas laborais do técnico local, Valentín Estévez "Tilín", obrigaron a trasladar o encontro á tarde do sábado, aínda que previsiblemente este cambio non afecte á asistencia de público ás bancadas do campo do lugar de O Busto, que se prevé numerosa, dada a proximidade e a rivalidade lóxica entre dous conxuntos de dous clubes de localidades tan estreitamente ligadas como son Barrantes e A Armenteira. "Tilín" non poderá volver contar nin con Xoán nin con Anabel, que aínda se atopan recuperándose das súas respectivas lesións, polo que se terá que recompoñer de novo a liña defensiva, como xa tivo que facer a pasada fin de semana no primeiro partido de liga ante o Céltiga F.C. As boas sensacións deixadas polo conxunto verdinegro neste primeiro envite, no que lograron un empate a tres goles, con dous tantos do incisivo dianteiro Piñeiro, fan que as esperanzas da afección se manteñan á alza e permitan soñar cun triunfo ante un rival que parte entre os favoritos para ocupar os postos altos da táboa, como quedou demostrado a pasada fin de semana, cando os de Barrantes venceron ao Catoira S.D. por nove goles a cero.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario