O equipo feminino do Armenteira C.F. desprázase este domingo ata o Concello de Touro para disputar a partires das 18 horas o segundo partido de temporada da Segunda Autonómica Feminina, grupo 2. As rapazas que adestra Marcial Prado buscarán seguir dando mostras da progresión que día a día están mostrando. As numerosas baixas e o potencial do rival da pasada xornada, o Victoria F.C. "B", impediron ter un resultado favorable no histórico debut ligueiro en O Leixo. Para esta ocasión o técnico de San Salvador poderá contar con Alessandra, Nerea e coa recentemente incorporada Jessi, pero, pola contra, deberá facer fronte á ausencia da gardamallas Uxía, que se une a Alba, Aida e Diana, que continúan co seu proceso de recuperación. O rival, o Touro S.D., caiu derrotado por dous goles a cero ante a S.D. Villestro na primeira xornada, pero de seguro que será un duro opoñente para un cadro verdinegro ao que aínda lle custa superar as dificultades derivadas do escaso tempo de preparación e da inexperiencia no mundo do fútbol de gran parte das compoñentes do plantel. Para este histórico e trascendental acontemento para o Armenteira C.F. a Xunta Directiva e a coordinadora deste equipo decidiron organizar unha expedición que partirá ás 15 horas dos arredores do mosteiro que fará posible que un número importante de afeccionados e afeccionadas poidan acompañar e animar a este grupo de xogadoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario