Buscar neste blog

domingo, 31 de marzo de 2019

Undécima vitoria consecutiva do Armenteira C.F. infantil tras superar con claridade ao Villalonga F.C.

ARMENTEIRA C.F.- VILLALONGA F.C. - 8 - 3
ARMENTEIRA C.F. Sergio; Carlos, Víctor, Álex, Irene; Andrés, Mateo; David, Ramón, Júnior; e Manu Meixús. Tamén xogaron Fran, Íñigo, Javi, Irene Varela e Villar.
GOLES:0-1. Minuto 6. Nicolás Fontán. 1-1. Minuto 34. Íñigo. 2-1. Minuto 43. Alejandro Piñeiro, en propia meta. 3-1. Minuto 46. Iñigo. 4-1. Minuto 52. Manu Meixús. 5-1. Minuto 61. Manu Meixús. 6-1. Minuto 65. Íñigo. 7-1. Minuto 70. Íñigo. 8-1. Minuto 75. Júnior. 8-2. Minuto 78. Ángel Méndez. 8-3. Minuto 80. David Bouzada.
ÁRBITRO: Entenza Salomón. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da novena xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 62, disputado no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro, ante uns oitenta espectadores, nunha mañá soleada e primaveral, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. continúa coa súa xeira triunfal. Nada máis e nada menos que once vitorias consecutivas son as que acumula o conxunto que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez. Trátase dunha traxectoria verdadeiramente meritoria para un equipo que este verán pasou por graves problemas, que puxeron en perigo a súa continuidade, obrigándoo a reinventarse e a iniciar un proceso de reconstrución que dende entón se caracterizou por unha progresión casi ininterrompida. A fe e a paixón polas cores verdes e negras da Xunta Directiva e o compromiso e a entrega dalgúns pais, nais, xogadores e xogadoras permitiu que a bandeira do Armenteira C.F. seguise ondeando nas categorías de fútbol base. Ás previsibles derrotas dos primeiros encontros axiña sucederon os primeiros éxitos, que co tempo foron en aumento, ata dar como resultado unha racha triunfal absolutamente envexable. Representando o nome dunha parroquia que non acada os 800 habitantes, o equipo infantil do Armenteira C.F. non só compite senón que destaca nunha competición no que figuran conxuntos de localidades como Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Cangas do Morrazo, Moaña, Caldas de Reis ou Marín, todas elas moito máis poboadas e cunha dispoñibilidade de recursos e apoios tremendamente superior aos que pode optar un clube da modestia do verde e negro. Partindo dunha planificación deportiva que alterna adestramentos e partidos en terreo de xogo de terra e de céspede artificial, os resultados son favorables independentemente da superficie na que se disputen os partidos. Sen lugar a dúbidas unha fórmula de éxito, que combina escenarios e integra territorios nun termo municipal tan disperso como o de Meis, nun proxecto de colaboración entre as dúas entidades con equipos de formación do Concello, o C.D. Mosteiro e o Armenteira C.F., plasmado nunha alianza a partes iguais que senta as bases para un futuro no que non cabe outra solución que o acordo e a cooperación mutua, e sempre baixo a tutela institucional. O encontro deste domingo repitiu a historia de semanas pasadas. O corpo técnico que compoñen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez decidiu reservar de inicio a xogadores con notable peso no equipo como Íñigo, Javi ou Fran, coa intención de fortalecer a dinámica de grupo e para distribuír de forma máis equitativa o reparto de minutos. E volveulle a funcionar a estratexia ao tándem do banco verdinegro. Comezou dominando o Armenteira C.F., pero tras un saque de curruncho no que a defensa dos de A Armenteira estivo escasamente contundente Nicolás Fontán poñía por diante ao Villalonga F.C. O gol causou un relativo desconcerto no cadro local, que chegou a perder o control do xogo por momentos e vía como os de Vilalonga poñían cerco á meta defendida por Sergio. Con todo, o acerto do meta de Vilariño e os problemas de definición dos visitantes permitiron que o Armenteira C.F. superase este momento crítico e puidese cimentar a reacción. Coa entrada de Fran, Íñigo e Javi no terreo de xogo parecían darse os primeiros pasos para a remontada. O dominio verdinegro pouco a pouco ía en aumento, aínda que non acababa de reproducirse no marcador. Ocasións erradas, fóras de xogo, despexes dos defensores ou intervencións afortunadas dunha excelente gardamallas como Noa Camiña impedían que o fútbol fixese xustiza. Houbo que agardar a un testarazo de Íñigo tras un saque de curruncho perfectamente executado por Manu Meixús para ver a ansiada igualada. E foi xa na segunda metade cando o conxunto local volteou definitivamente a situación. Dúas cabezadas de Íñigo en dous saques de córner valeron para marcar distancias e para que o seu equipo vivise con tranquilidade o resto do encontro. O que viría a continuación sería un recital de goles, combinacións e internadas por banda que evidenciaron a clara superioridade da escadra verdinegra, que finalizaría anotando oito tantos, repartidos entre Íñigo, autor de catro deles, Manu Meixús, autor de dous, e Júnior, ademais doutro que o colexiado adxudicou en propia meta a un defensor de Vilalonga no que impactou unha cabezada de Íñigo. Só a relaxación dos últimos minutos, co partido sentenciado, deu a oportunidade ao equipo visitante de lograr dous tantos para maquillar minimamente o resultado. Foi unha vitoria clara e merecida, que ademais se celebrou con fervor nas bancadas do Municipal de Meis, que contaba entre o público cun grupo de rapaces e rapazas da localidade francesa de Cruas, que están realizando un intercambio escolar co alumnado do C.P.I. de Mosteiro, entre o que se atopan varios dos futbolistas do Armenteira C.F. Este triunfo consolida ao equipo de O Leixo na segunda posición, a un punto do Barro C.F., o cal leva disputado un partido de liga máis, e co que o cadro verdinegro mantén unha loita titánica polo liderato que terá un novo capítulo a próxima fin de semana cando visite o campo de Berdón para medirse á A.D. Arousa F-7, que ocupa a sexta posición, con doce puntos, pero que vencera ao Armenteira C.F. por dous goles a un no partido da primeira fase da competición.




sábado, 30 de marzo de 2019

Empate do Armenteira C.F. feminino tras xogar en inferioridade durante boa parte do encontro

 FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - S.D. JUVENIL RODOSA - 0 - 0
ARMENTEIRA C.F.:Sara Rey; Sara Torres, Lara; Banesa, Rocío, Fátima; e Paula.
ÁRBITRO: Tesouro Couso. Non mostrou cartóns amarelos a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da quinta xornada da segunda fase do grupo B DA Liga Feminina de fútbol-7, que se disputou no campo de O Leixo, ante uns quince espectadores, nunha mañá soleada e bastante calorosa e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables.

CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. logrou resistir nunhas condicións nada favorables ante a S.D. Juvenil Rodosa. Foi nun encontro que veu precedido polo minuto de silenzo que se gardou polo falecemento o pasado venres do pai de Suso Rodríguez, delegado do equipo. As de Ponteareas, que acudían ao Leixo ocupando o liderado, trataron de impoñer o seu xogo combinativo. Con todo nin as visitantes nin o Armenteira C.F. dispuxeron de ocasións de gran claridade. Algunha arrincada de Lara e Paula constituíron as aproximacións de maior perigo das verdinegras, mentres que as chegadas da S.D. Juvenil Rodosa ou ben eran desbaratadas pola contundencia que mostraron as defensoras locais este sábado ou ben remataron nas mans de Sara Rey, improvisada gardamallas pola ausencia por enfermidade de Anabel, e que tivo unha máis ca notable actuación. A lesión de Fátima cando restaban máis de cinco minutos para rematar a primeira metade, que obrigou á centrocampista de Cobas a abandonar o partido, deixou en inferioridade numérica ao cadro que dirixe Marcial Prado durante boa parte do encontro. O aumento de ritmo de xogo impuxeron as visitantes na recta final foi contrarrestado pola entrega das futbolistas do conxunto de O Leixo, que incluso en situación de inferioridade puideron armar algún contraataque que ben puido finalizar en gol. Este empate mantén ao Armenteira C.F. na sexta posición, á espera de recibir a próxima fin de semana no campo de O Leixo ao equipo vigués do Colegio Apóstol, pechacancelas do grupo e que unicamente foi quen de acadar un punto nesta segunda fase da liga. Pero non será unha cita fácil para as rapazas que adestra Marcial Prado, xa que á baixa de Fátima, que a causa da súa lesión estará máis dun mes lonxe dos terreos de xogo, se unen as doutras xogadoras por diversos motivos.



Un gol de Manolo válelle ao Armenteira Veteranos para derrotar ao Barro C.F.-Bocatería Don Pincho

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - BARRO C.F.-BOCATERÍA DON PINCHO - 1 - 0
ARMENTEIRA VETERANOS: Jose Outón; Óscar Barreiro, Óscar Muñiz, Sirra, Richi; Marcial, Carlos, Cacabelos, José Pérez; Manueliño e Javi. Tamén xogaron Marcos, Martín, Galiñanes, Martín e Manolo.
GOLES: 1-0. Minuto 63. Manolo.
ÁRBITRO: Suárez Méndez. Mostrou cartóns amarelos a Óscar Barreiro por parte do Armenteira Veteranos e a José Manuel Ferrín por parte do Barro C.F.-Bocatería Don Pincho.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo sexta xornada da Segunda Galicia de Veteranos. Grupo 1, disputado no campo de O Leixo, ante uns quince espectadores, nunha tarde soleada e temperada, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos volveu a atoparse coa vitoria no partido que disputou este sábado, 30 de marzo, no campo de O Leixo, ante o Barro C.F.-Bocatería Don Pincho. Non vencía o cadro que preside José Luis Galiñanes dende o 26 de xaneiro, cando daquela superara, tamén no campo de O Leixo, ao Poio Bar Monterrei. Neste caso foi nun encontro no que os locais foron lixeiramente superiores, e no que só a falta de puntería fixo que o equipo verdinegro non lograse un triunfo máis amplo. Puideron tomar vantaxe os de A Armenteira nos primeiros minutos. A relaxación defensiva do Barro C.F.-Bocatería Don Pincho, especialmente na saída dende atrás do balón, provocou Manueliño e, sobre todo Javi dispuxesen de claras ocasións nas que non foron que de bater ao meta José Manuel Ferrín. A pesares do dominio verdinegro ben puideron poñerse por diante os visitantes, tras unha xogada na que o coiro se lle escapou das mans ao gardamallas Jose Outón, pero na que o atacante de Barro acabou lanzando o balón por enriba dos vestiarios. Na segunda metade mantívose a tónica do período inicial, cun Armenteira Veteranos superiores, que levaba a iniciativa, aínda que sen xerar oportunidades claras. Non sería ata o minuto 63 cando unha cabalgada de Manolo Quintáns polo centro da defensa rival era culminada polo propio extremo ribadumiense para situar o un a cero que terminaría sendo definitivo. Un resultado que fixo xustiza e que outourgou tres puntos máis a un conxunto local que desta vez se presentou cun plantel practicamente completo, un feito que se repetiu en raras ocasións ao longo da temporada. Soamente coas ausencias dos lesionados Portas e Rubén, e de Pellejo, o Armenteira Veteranos logrou unha vitoria que resulta insuficiente para saír dos postos de descenso. A próxima fin de semana a escadra verde e negra deberá visitar o campo Municipal de Meis, en O Mosteiro, onde se medirá a Os Amigos-Pavi, décimo terceiro clasificado con vintetrés puntos.





luns, 25 de marzo de 2019

A ANPA convoca unha reunión polo futuro do colexio

A ANPA do CEIP de Armenteira convoca para este martes, 26 de marzo, unha reunión á que convida non só aos pais e nais socios da entidade, senón tamén a todos aqueles veciños e veciñas que poidan estar interesados na situación na que se atopa o centro educativo. O acto terá lugar ás 20:30 horas na Casa de Cultura, e segundo se indica na nota informativa que emitiron trataranse "diversos asuntos". Asimesmo, recalcan que a asistencia á xuntanza é "moi importante", dada a relevancia dos temas que alí se abordarán e a que está confirmada a presenza de José Luis Pérez Estévez, alcalde do Concello de Meis. Fai tempo que dende a A.N.P.A O´Loureiro e dende a dirección do centro se veñen reclamando unha serie de melloras nas instalacións. A situación do teito, das cornixas, dalgunhas portas e ventás ou dos baños, propias dunha construción que conta con case trinta e cinco anos de historia, precisan unha atención, para o cal non son suficientes as obras de mantemento que periodicamente realiza o persoal municipal. Ademais, resulta imprescindible incentivar a matriculación de nenos e nenas para facer fronte ás ameazas de peche ou aos recurtes que se poden aplicar dende a Consellería de Educación. Por elo, fan un chamamento á veciñanza para que acuda este martes á Casa de Cultura en defensa duns dos principais emblemas de A Armenteira, no que están depositados o futuro e garantía de progreso nos seus múltiples sentidos dunha parroquia cun elevado índice de avellentamento e cunha evolución demográfica extremadamente negativa, feitos fronte aos que os distintos colectivos veciñais reivindican medidas urxentes.

Armenteira tamén esgota a lexislatura

En plena carreira cara as urnas, a apenas un mes da celebración das eleccións xerais e a dous meses das municipais, a Casa Consistorial do Concello de Meis acolle hoxe a que será a última sesión plenaria ordinaria da lexislatura. Dende o 28 de xaneiro non tiña lugar unha sesión deste tipo. Naquel momento as agrupacións políticas comezaban a trazar o camiño electoral, pero eran moitos os aspectos que faltaban por concretar. Curiosamente, ao que igual que este luns, 25 xaneiro, o día anterior viña de celebrarse un acto de homenaxe ao ex-alcalde Jorge Casal Pintos, a inauguración dunha rúa co seu nome no núcleo urbano de O Mosteiro. Este domingo o que se conmemorou foi unha comida de confraternidade que o Partido Popular organizou na honra do ex-rexedor, un acto que serviu tamén para dar a coñecer algunha das novidades da candidatura que encabezará por sexta vez consecutiva José Luis Pérez Estévez. Fronte a el confirmaron a participación na cita electoral Marta Giráldez polo PSdeG-PSOE, Xoán Manuel Vázquez Sevillano polo BNG e Serafín Melón, veciño de A Armenteira, como cabeza de lista de Independentes por Meis. Do resto dos compoñentes das candidaturas pouco se sabe. De momento o que soan son rumores máis ou menos fundamentados, e só haberá que agardar uns días para que a composición das listas sexa anunciada oficialmente. Mentres tanto a vida democrática segue o seu curso e este luns a Corporación volve reunirse para tratar algúns dos asuntos que máis preocupan á veciñanza. A partires das 20:30 horas o salón de plenos do edificio municipal será o escenario no que se desenvolva un acto que ten como puntos de maior relevancia a proposta de elección do xuíz de paz titular do Concello e unha serie de cuestións relativas á evolución dos pagamentos e do orzamento da institución. A elo engadiranse as mocións e as preguntas que presenten as distintas agrupacións. Partido Popular, PSdeG-PSOE e BNG tomarán o protagonismo nunha sesión no que A Armenteira e os asuntos relativos a esta parroquia de seguro que teñen de novo un papel destacado. A situación do proceso de concentración parcelaria, a construción da rede de saneamento ou a presenza de cabalos mostrencos nas leiras de cultivo e nas vías públicas, tan de actualidade nos nosos días, figuran entre os temas problablemente sexan abordados nun pleno dun Concello e dunha parroquia que pouco a pouco vai esgotando os días da súa lexislatura.

domingo, 24 de marzo de 2019

Tres puntos máis para o Armenteira C.F. infantil, que suma en Pontecaldelas a décima vitoria consecutiva

S.C.D. PONTE CALDELAS "B"- ARMENTEIRA C.F.- 3 - 5
ARMENTEIRA C.F. Sergio; David, Víctor, Álex, Carlos; Andrés, Mateo; Ramón, Júnior, Irene Varela; e Manu Meixús. Tamén xogaron Íñigo, Irene Pesqueira, Villar e Fran.
GOLES:1-0. Minuto 2. Alejandro Vidal. 1-1. Minuto 11. Manu Meixús. 2-1. Minuto 23. Abel Franco. 2-2. Minuto 41. Iñigo. 2-3. Minuto 47. Manu Meixús. 2-4. Minuto 56. Íñigo. 2-5. Minuto 72. Íñigo. 3-5. Minuto 76. Alejandro Vidal.
ÁRBITRO: Franco Echeverri. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da oitava xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 62, disputado no campo de Chan da Barcia, en Pontecaldelas, ante uns sesenta espectadores, nunha mañá soleada e primaveral, e sobre un terreo de xogo cunha superficie de céspede artificial notablemente gastada.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. suma e segue. Dez vitorias consecutivas son as que acumula o cadro que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez, unha bagaxe notoria que o converte no único conxunto do seu grupo da Segunda autónomica infantil que conta por triunfos os partidos disputados. Con todo, continúa a un punto do Barro C.F., xa que aos do concello veciño aínda non pasaron pola xornada de descanso á que obriga o número impar de equipos que compoñen o grupo. No encontro encontro deste domingo o Armenteira C.F. saiu excesivamente relaxado. A situación na táboa do rival, que ocupaba a última posición, permitía afrontar a cita con relativa confianza. Con bastantes variacións no once inicial a formación verdinegra axiña se viu sorprendida. Alejandro Vidal, un corpulento e potente extremo culminaba unha xogada individual polo costado dereito e poñía por diante aos locais. Reaccionaron os de A Armenteira, pero mostrando unha das principais eivas deste partido: a falta de puntería. Dúas ocasións claras erradas polo equipo de Jorge Gómez antecederon ao tanto de Manu Meixús. O atacante de Couso lograba colar o coiro por enriba do gardamallas Bieti Durán tras un lanzamento de falta. Non houbo tempo para acomodarse e, despois dunha serie de rexeitamento da zaga verdinegra, Abel Franco colocaba o dous a un. Intentaron ralentizar o xogo os de Pontecaldelas, recurrindo a frecuentes perdas de tempo, e non sería ata a segunda metade cando chegou a agardada remontada do Armenteira C.F. Un centro de Manu Meixús era rematado por Íñigo na área pequena para situar de novo a igualada. Nunha xogada rápida de transición Manu Meixús superaba a Bieti Durán, e dous tantos máis de Íñigo, facendo valer a súa superioridade física e técnico sobre os rivais, deixaban practicamente sentenciado o encontro. Xa nos intres finais, unha arrincada de Alejandro Vidal, índose en velocidade dos centrais verdinegros, era finalizada polo propio futbolista do equipo das terras do Verdugo para colocar o resultado definitivo de tres goles a cinco. Catro disparos a portería bastáronlle á S.C.D. Ponte Caldelas "B" para anotar tres tantos, fronte ás innumerables ocasións das que dispuxo o Armenteira C.F., que ben non acertaba a enviala entre os tres paus ou ben se atopaba unha e outra vez coa envergadura do meta Bieti Durán. Con este triunfo o cadro verdinegro continúa na segunda posición, con vinteún puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana, previsiblemente no campo Municipal de Meis, en O Mosteiro, ao Villalonga F.C., co que xa se viron as caras na primeira fase da liga, nun partido no que ambos os dous conxuntos ofreceran un espectáculo de goles, finalizando cun empate a cinco tantos.




xoves, 21 de marzo de 2019

Unha labor vital no funcionamento da parroquia

Nos tres anos de historia que contemplan á Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira son moitos os méritos que se lle poden atribuír. A nivel mediático é un indiscutiblemente a celebración da festa do San Xoán a que vén acadando maior repercusión, pero existen moitas outras actividades e xestións non tan recoñecidas e non por elo de menor valía. Na asemblea que se celebrará este sábado, 23 de marzo, a partires das 20:30 horas, na Casa de Cultura da parroquia, farase balance do traballo realizado pola entidade ao longo do último ano. A organización da tradicional fogueira do San Xoán, na noite do 23 ao 24 de xullo terá un papel protagonista, como tamén o terán outras celebracións, moitos menos multitudinarias como a do magosto. No ámbito festivo falarase ademais da maratón de xogos populares desenvolvida durante as festas de verán, así como do parque infantil con inchables instalado pola asociación na denominada Praza de Vilar e no campo da festa nesas mesmas datas. As expedicións organizadas ao Plató 1.000 en Montouto, no concello de Teo, para asistir ás gravacións dos programas da CRTVG Land Rober Tunai Show e Bamboleo, en colaboración co Armenteira C.F., serán outro dos puntos do balance. Pendente queda a expedición ao veterano programa Luar, para a cal a asociación fai tempo que iniciou xestións. No apartado formativo a labor durante este exercicio foi igualmente intensa. Destacan neste senso a horta ecolóxica comunitaria, que agarda pola posta en marcha de forma definitiva, o curso de pilates ou o obradoiro de trampeo de vespa velutina, xunto a outras desenvolvidas de forma conxunta con outras entidades como é o caso da A.N.P.A. O´Loureiro, do C.E.I.P. de Armenteira, entre as que sobresaen as actividades en disciplinas como a zumba ou o judo. De vital importancia tamén é o traballo da sociedade veciñal como voceira das principais preocupacións das xentes da parroquia. A denuncia dos actos vandálicos sufridos polo invernadoiro e por outras dependencias do colexio durante as festas de Semana Santa permitiron dar a coñeñer un atentado contra o patrimonio común co obxectivo de concienciar á sociedade e de instar ás autoridades para que tomen medidas de cara a anos vindeiros. Do mesmo xeito, a reivindicación, o pasado 8 de marzo, do Día Internacional da Muller, contribuíu a dar maior visibilidade a un colectivo que, ao igual que noutras partes do mundo, en A Armenteira loita por defender os seus dereitos. Non se pode esquecer tampouco a labor que a asociación realiza como intermediaria entre os veciños e veciñas e as administracións públicas. Demandas como a concentración parcelaria, a reordenación do tráfico no entorno do mosteiro cisterciense, a regulación do uso do colexio para fins non educativos, os problemas relacionados co subministro de auga da traída veciñal na Casa de Cultura, no albergue de peregrinos e no colexio, a limpeza de maleza nas fincas, nas casas e nas demais propiedades en estado de abandono, as necesarias reformas no interior do local da Casa de Cultura, as deficiencias que presenta o campo de fútbol de O Leixo ou as xestións para a ampliación do cemiterio sumánse aos contidos da axenda anual da que se dará conta na asemblea deste sábado. Asimesmo, haberá lugar para mencionar logros como a instalación da rede wifi na Casa de Cultura, na que tanto se empeñou a sociedade veciñal, aínda que quizais o tema que máis atención acapare sexa probablemente o relacionado coa problemática da presenza de cabalos nas leiras de cultivo e na vía pública, que estes días aparece recollida nos diferentes medios de comunicación. En definitiva, será a recompilación dunha extensa actuación ao longo de doce meses nos que a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira estivo en permanente alerta, sempre a disposición das súas xentes, establecendo distintas canles de comunicación, como o buzón postal ou o buzón virtual, ou ben a través dos diversos medios que permitiron que todo ou case todo que ocorría na parroquia estivese supervisado dunha maneira ou outra pola súa principal entidade representativa.