A escasos días de que se produza o cambio de estación, a parroquia de A Armenteira consegui este ano adiantar as tarefas de adecentamento das marxes das rutas e viais públicos. Os máis de dous meses de parón provocado polo estado de alarma decretado polo goberno central a causa da pandemia global do coronavirus COVID-19 non impediron retomar axiña unhas actividades que resultan primordiais tanto para facilitar o tránsito dos veciños e veciñas como das numerosas persoas que visitan a parroquia na temporada estival. Xa en pleno estado de alarma, os catro operarios forman parte do plantel fixo do Concello para obras e actividades no exterior aproveitaron os ocos que lle deixaban as tarefas de desinfección, a asistencia a persoas en situación de vulnerabilidade ou outros traballos relacionados directamente coa pandemia, e que por aquel entón, como é lóxico, gozaban de prioridade, para comezar coa limpeza e o desbroce das zonas nas que a actuación era máis necesaria. Superados os momentos máis críticos da pandemia, o plantel municipal viuse reforzado con seis novos operarios, en virtude dunha axuda concedida pola Deputación Provincial de Pontevedra, que non puideron incorporarse ata finais do mes de maio, a pesar de que o proceso de selección se iniciaba no pasado mes de marzo. Con carácter temporal, estes operarios reforzarán as distintas áreas de traballo, dende desbroces e limpeza, ata albanelaría, canteiría e carpintería, e permitirán cubrir as numerosas necesidades que neste sentido presenta un Concello como Meis, o de maior extensión de toda a comarca de O Salnés. Nesta ocasión A Armenteira foi a primeira parroquia no que a alcaldía e as concellarías responsables destas áreas decidiron actuar. O desbroce a bordo do tractor e o repaso a pé coas máquina desbrozadoras, deixou limpos as marxes dos viais que percorren os distintos lugares que compoñen a parroquia. Ao tempo, co apoio dos operarios da Mancomunidade do O Salnés, levouse a cabo a limpeza do sendeiro que discorre a carón do río Armenteira, a popularmente coñecida como Ruta da Pedra e da Auga. A propia alcaldesa, Marta Giráldez desprazouse a pasada fin de semana ata esta ruta para realizar unha camiñata e comprobar o resultado destes traballos, tomando nota dalgúns detalles que é preciso mellorar, e que segundo sinalou, se acometerán en canto sexa posible. Estes traballos completáronse coa colocación de maceteiros no entorno do mosteiro cisterciense e coa reposición nas plantas nos que xa existían. Nun verán que se presenta atípico, e no que prevalecerán as medidas de seguridade, hixiene e distanciamento, a poboación de A Armenteira e as numerosas persoas que visitan un dos principais centros de atracción turística a nivel comarcal, poderán disfrutar dun entorno de gran beleza e xa preparado para unta temporada estival que se desenvolverá nunhas condicións tan especiais.
Buscar neste blog
venres, 12 de xuño de 2020
mércores, 20 de maio de 2020
A xestión da biomasa no monte veciñal será de novo motivo de reunión este venres en Couso
No ámbito rural é frecuente
atoparse con propiedades de tipo veciñal, especialmente cando se trata de
superficies forestais. A titularidade destes montes ten un carácter especial.
Considéranse montes de man común a aqueles que viñeron sendo aproveitados ao longo dos tempos e de forma tradicional polo grupo de veciños e veciñas dunha determinada demarcación territorial, que
ben pode ser pode ser unha parroquia ou un núcleo de poboación de menor
extensión, como podería ser unha aldea. Xeralmente, o inicio da explotación destes monte por parte da comunidade veciñal adoita remontarse a varios séculos atrás e se preguntamos á xente do lugar a
resposta é inequívoca; "o monte é veciñal, o monte é comunal, o monte é
dos veciños e veciñas". Efectivamente, a historia e o dominio útil destes terreos outorgan a titularidade destas propiedades á comunidade de veciños e veciñas desa demarmación territorial concreta, os cales, como indica a tradición deben "casa aberta e
con fume" no lugar. Na práctica isto supón que a comunidade veciñal titular do monte pode variar se se incrementa o número de fogares ou se
algunhas casas se pechan ou quedan abandonadas. Polo tanto, a titularidade
desas propiedades tal e como se sinala, é colectiva, non particular, e vai ligada á condición
de veciño ou veciña dese territorio concreto. Estes montes foron fundamentais
para a subsistencia das xentes das aldeas. Neles recollían leña, cortaban toxo
e estrume, pastoreaban o gando ou incluso sementaban centeo, trigo ou outros
produtos. En épocas nas que a miseria era a nota dominante, o monte, en especial o monte veciñal, impediu que as xentes das aldeas pasasen fame ou, en calquera caso, que esta fose menor. Segundo lles conviña e
segundo precisasen acudían ao monte veciñal a traballar e a recoller e buscar os recursos básicos para unhas economías familiares que tiñan como principal sustento unha agricultura e unha gandaría de subsistencia.
Obviamente, a sociedade e as necesidades da xente do mundo rural cambiaron
moito ao longo dos tempos e, na actualidade, a realidade é moi distinta.
Na parroquia de A Armenteira
existe unha importante superficie forestal de man común. Boa parte da mesma
está xestionada e explotada por entidades comunais, como ocorre no caso do
lugar de Silván, coa Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Chan do Fento,
ou no caso dos lugares de Vilar, Caroi, Valboa ou Busto, coa Comunidade de
Montes de Man Común Chan da Fonte. Con todo, noutras zonas da parroquia, como
as que ocupan a zona norte, é dicir, Couso, Cabeza de Boi, As Pereiras ou
Gondes, os montes veciñais son explotados en parcelas que no seu día foron
repartidas entre os veciños e veciñas con domicilio nesas aldeas. No caso do
lugar de Couso esta división en "sortes" ou "quiñóns"
remóntase aos anos vinte do pasado século, cando en boa parte grazas ás presións do movemento agrarista,
moi arraigado nestas terras, se logrou aprobar a Lei de Redención
Foral, que permitiu a liberación dunha gran cantidade de propiedades das que os veciños e veciñas viñan
exercendo o dominio útil durante varias centurias, pero nas que o dominio directo
correspondía a unha familia nobre ou a unha institución eclesiástica, como
podería ser un mosteiro. Nun documento que custodian en varios domicilios de
Couso e do que consta unha copia das oficinas do Concello de Meis figura unha
cesión a un grupo de persoas, cabezas de familia, por parte dunha veciña da parroquia de Bordóns, no Concello de Sanxenxo, a cambio
do pago dunha contraprestación económica. Polos apelidos e polas lembranzas das xentes de maior idade, as persoas que aparecen no documento son facilmente identificables. Ademais deste documento, os testemuños veciñais afirman que no Arquivo Histórico Provincial, situado na cidade de Pontevedra, consérvase documentación relativa a esta cesión e a estas propiedades. Contaban en Couso que, no momento da cesión
existira unha controversia entre a veciñanza respecto da forma de aproveitamento dos terreos incorporados. Había quen propoñía crear unha entidade
mancomunada para xestionar o uso e había quen defendía idea duna aproveitamento común á marxe da creación dunha sociedade. Ao parecer, un
veciño propuxo pechar esa pequena porción de terreo e criar gando nela, aínda
que finalmente a opción que se impuxo foi a de dividir a superficie en parcelas
ou "quiñóns". Curiosamente, o encargado de establecer a división foi
unha persoa que realizaba as funcións de périto e que a maior parte da xente
coñece hoxe en día pola historia que figura a carón dun muíño da denominada
Ruta da Pedra e da Auga, na que se refiren a el como "o reo de amor",
en referencia a un suposto suicidio por motivos sentimentais.
Transcorridos case cen anos
daquel reparto a situación do monte veciñal de Couso variou notablemente. A
construción da estrada que conduce dende Barrantes cara ao mosteiro
cisterciense de A Armenteira partiu en dous este terreo, pero as
transformacións neste período tan prolongado van moito máis aló. Os antigos aproveitamentos,
para estrume, para pasto, para piñas ou incluso para leña foron abandonándose
co paso dos anos, ao tempo que o eucalipto se apropiou de gran parte destas terras. A maleza e, en xeral, a biomasa, acadou un crecemento desmesurado en
determinadas zonas, polo que, en caso de incendio, constitúe un serio perigo. A
proximidade a algunhas vivendas levou a que algúns veciños e veciñas alertasen
ao Concello de Meis do risco que supón a presenza desta profusa biomasa a
escasos metros dos núcleos de poboación. En base á normativa que establece a
Lei de Montes de Galicia, en torno a estes núcleos de poboación debe existir
unha faixa de protección de 50 metros a contar dende o límite do chan urbano,
do núcleo rural ou ben dos paramentos exteriores das edificacións. Esa faixa debe estar libre de maleza nos primeiros 15 metros, e ata os 50 metros poderá
conter árbores caducifolias como carballos ou castiñeiros, pero non especies
como eucaliptos, piñeiros, acacias ou toxos, especies denominadas pirófitas,
pola facilidade que ofrecen para a propagación do lume. Asimesmo, a Lei de
Montes regula as distancias nas que non deben existir árbores xunto a
infraestruturas como estradas, vías do tren ou tendidos eléctricos, ao lado das
que non pode haber árbores frondosas a menos de cinco metros nin árbores de
combustión rápida a dez, unha distancia que tamén se establece para áreas de
pasto e cultivo.
O incumprimento desta lei obriga
aos Concellos e á Consellería de Medio Rural a remitir unha notificación aos
propietarios e propietarias cun requerimento no que se lle dá un prazo para
levar a cabo estas tarefas. Se o dono ou dono é descoñecido ou resulta
imposible enviarlle a notificación por correo, o anuncio será publicado no DOG
e no BOE coa identificación do polígono e da parcela. De non haber unha
resposta positiva por parte das persoas propietarias a administración
competente procederá a executar as tarefas de limpeza da parcela, imputándolle
os gastos ás persoa interesada. Con todo, hai lugares nos que a identificación
das parcelas non resulta nada doada. É o que sucede con este monte veciñal do
lugar de Couso, que a pesar dos documentos forais e das referencias aportadas
polos veciños e veciñas, na Dirección Xeral do Catastro esta área figura como
de propiedade descoñecida. Ante esta situación, a administración municipal
atópase con serias dificultades para enviar as notificacións ou para instar a
unha axeitada xestión da biomasa nas parcelas. En tales circunstancias as
autoridades do Concello de Meis comezaron a deseñar unha estratexia de
actuación dende o pasado verán. Tras varios contactos coas xentes do lugar, a comezos de novembro de outubro de 2019 celebrouse unha reunión á que
acudiron representantes de practicamente todos os domicilios que existen na aldea.
Na mesma acordouse que os particulares acometeran as labores de limpeza dos
quiñóns do monte comunal que lle corresponden a cada quen, e agardar uns meses
para volver reunirse coa intención de avaliar a situación e definir novas estratexias a
seguir. No entanto, o compromiso de limpeza das parcelas non se cumpriu en boa
parte dos casos e, pasados os meses, ante a proximidade do verán, a
administración municipal decidiu tomar cartas no asunto e convocou unha nova
xuntanza, que quedou fixada para o venres, 22 de maio, a partir das 20:30
horas, no lugar de O Souto, espazo que xa acolleu a celebrada no mes de
outubro. Nesta ocasión, a premura coa que se deben a cabo estas tarefas obriga
ao Concello ter unha postura menos flexible, polo que, segundo afirman, se nun breve prazo non se
acomete a limpeza das parcelas conforme indica a lei, será a propia institución
municipal a que se encargue desta función, sufragando os gastos destas
actividades coa venda da madeira que se corte nestas áreas do monte veciñal. Dada a inportancia do tema a tratar, na reunión estará presente a propia alcaldesa, Marta Giráldez, ademais doutros concelleiros e
concelleiras do grupo de goberno. Na xuntanza de O Souto volverase poñer de manifesto a necesidade dunha axeitada xestión da biomasa no
entorno dos núcleos de poboación que, en situacións nas que a titularidade ten un carácter tan peculiar como a destes terreos forestais de Couso, urxe explorar fórmulas que
conduzan á modificación duns documentos con case un século de vida para que
deste xeito tanto os veciños e veciñas que os explotan como a administración
municipal poidan actuar en base a unha maior responsabilidade e seguridade
xurídica.
domingo, 10 de maio de 2020
Os noventa anos de Don Ramón
Chegar a noventa anos é algo realmente meritorio, pero facelo cunha sáude envexable e nun estado de total lucidez mental é algo do que non todas as persoas poden presumir. Este domingo, 10 de maio, Don Ramón Fernández Ramos, cura párroco de A Armenteira, cumpre 90 anos. Natural dunha aldea do concello de Arzúa, na provincia de A Coruña, Don Ramón exerce como párroco de A Armenteira dende fai 40 anos. Curiosamente, sucedeu no cargo ao seu irmán Manuel, que se trasladou á parroquia de Palmeira, no concello de Ribeira, onde falecería fai xa case tres décadas. Dende entón, a figura de Don Ramón, sempre na compaña da súa irmá Estrella, converteuse nunha estampa habitual na paisaxe e nas vivencias das xentes da parroquia. Durante uns anos, tras a apertura do colexio, o actual CEIP de Armenteira, compartixou a súa faceta como párroco coa labor de profesor de Relixión nas aulas do centro educativo. A carencia de vocacións fixo que nos últimos anos tamén se tivese que facer cargo das parroquias de San Martiño de Meis, San Martiño de Padrenda e de Santa Cristina de Covas, ambas as dúas no concello de Meaño, conservando na actualidade unicamente esta última. Son moitas as lembranzas e as experiencias que os veciños e veciños viviron e seguen vivindo con Don Ramón. Nos oficios e cerimonias relixiosas, nas aulas, na cataquese, ou simplemente como un veciño máis co que coinciden na rúa, facendo a compra ou que os visita nos domicilios ou nos hospitais en caso de enfermidade, a súa presenza entre as xentes da parroquia vén sendo algo permanente. Independentemente das crenzas e das convicións relixiosas de cada quen, o que ninguén pode negar é a calidade humana e a talla intelectual dunha persoa sen a cal non se podería entender boa parte do acontecido en A Armenteira nas últimas catro décadas.
sábado, 9 de maio de 2020
A Armenteira prepara o paso á fase 1 do desconfinamento
Segundo anunciaron o
pasado venres, 9 de maio, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, e o director
do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, todo o
territorio de Galicia entrará a partir deste luns, 11 de maio, na fase 1 do
proceso de desconfinamento da crise sanitaria provocada polo coronavirus
COVID-19. O paso cara esta fase signifacará que a poboación recuperará parte da
súa mobilidade e que algúns establecementos comerciais e edificios públicos
poderán retomar a súa actividade, aínda que con restricións. No caso de A
Armenteira a poboación terá a posibilidade de desprazarse ao longo da provincia
de Pontevedra, mentres que os desprazamentos que se realicen fóra dos límites provinciais
terán que estar xustificados por motivos sanitarios, laborais, profesionais ou
empresariais. Por exemplo, se alguén precisa acudir a unha provincia distinta
por razóns de causa maior, como sería para coidar de persoas maiores,
dependentes ou con algún grao de discapacidade, ou se é para cuestións
relacionadas co seu traballo, estará autorizado a facelo. A partir deste luns
tamén quedarán permitidas as visitas a domicilios de familiares cos que non se
conviva, sempre e cando non se teñan patoloxías previas que supoñan un risco de
contaxio de coronavirus. Ademais, permitiranse as reunión en grupos de ata dez
persoas en espazos públicos respectando as medidas de seguridade e hixiene.
Outra das novidades é que se autoriza o desprazamento nun vehículo familiar de
todas as persoas que convivan no mesmo domicilio ata ocupar o número de prazas
das que dispón o medio de transporte. Os lugares de culto, no caso de A
Armenteira a igrexa do mosteiro cisterciense, que habitualmente permanecía
aberta ao longo de todo o ano, poderá abrir, aínda que cunha restrición de
aforo que non pode superar o terzo da súa capacidade e respectando as medidas
de distanciamento social. No referente aos velorios e aos enterros o límite
será de quince persoas en espazos abertos e de dez nos espazos pechados. En
todo caso, a comitiva fúnebre quedará restrinxida a quince persoas. En relación
cos locais comerciais, moi escasos na parroquia, estará permitida a apertura
daqueles que menos de 400 m² de superficie, quedando reducido o seu aforo ao
30% e podendo acudir sen cita previa, pero cun horario prioritario para as
persoas maiores de 65 anos. Os bares e os restaurantes, que en A Armenteira
constitúen un referente a nivel comarcal, poderán abrir de novo, pero cunhas
condicións que tamén aparecen detalladas no Boletín Oficial do Estado deste
sábado, 9 de maio. Segundo se recolle neste documento poderá procederse á
reapertura das terrazas ao aire libre dos establecementos de hostelería e
restauración limitándose ao 50% das mesas permitidas no ano inmediatamente
anterior en base á correspondente licenza municipal. Ordénase ademais que se
debe manter unha distancia física de polo menos dous metros entre as mesas e
que a ocupación máxima das mesas será de dez persoas en cada unha. Sempre que
os Concellos o autoricen, será posible ampliar o espazo das terrazas, pero respectando a proporción do 50% entre mesas e superficie dispoñible. En
relación cos hoteis, que teñen unha presenza notoria en A Armenteira, terán
permitida a apertura, aínda que non poderán empregar as zonas comúns. En canto
ás instalacións deportivas e aos centros de deporte terán permitido o seu uso
para realizar actividades individuais que non impliquen contacto físico.
Finalmente, tamén se indica no Boletín Oficial do Estado que será posible o
desenvolvemento de actos culturais que non excedan as 200 persoas en espazos
abertos e as 30 persoas en espazos pechados, respectamento tamén as medidas de
distanciamento social.
Para dar maior seguridade ao incremento do tránsito de persoas que se agarda a partir do próximo luns, o Concello de Meis decidiu reforzar as tarefas de desinfección do entorno do mosteiro de A Armenteira. A apertura das terrazas dos locais de hostalaría, as visitas ao cemiterio e a previsible reanudación dos oficios relixiosos, xunto coa afluencia de camiñantes a través da Ruta da Pedra e da Auga, xa numerosa na fin de semana anterior, levou ao equipo de goberno que lidera Marta Giráldez a ampliar a cobertura da fumigación nunha das zonas de maior interese en canto a visitantes das que existen no municipio. O avance nas fases de desconfinamento permitirá que se axilice a contratación de seis novos operarios, financiada grazas a unha axuda da Deputación Provincial de Pontevedra, os cales se unirán aos catro cos que conta actualmente o cadro de persoal para traballos de mantemento e obras no exterior do Concello, e que nestes días se ocupan principalmente de actividades relacionadas coas limpeza e desinfección dos espazos e das vías públicas. Así, en canto sexa posible, emprenderase un acondicionamento do entorno do mosteiro cisterciense e da Ruta da Pedra e da Auga, moi afectada polas adversidades climatolóxicas dun inverno tan chuvioso como o pasado e polo crecemento da maleza en determinadas zonas. De momento, e mentras persistan os efectos da pandemia global provocada polo coronavirus SARS-CoV-2, as funcións das administracións, como neste caso o Concello, estarán centradas na desinfección, na difusión de información e recomendacións e en proporcionar tanto aos veciños e veciñas como ás empresas e locais comerciais o apoio e a asistencia necesaria para afrontar coa maior seguridade posible o difícil reto que supón evitar a expansión e limitar os efectos do COVID-19.
venres, 1 de maio de 2020
Armenteira, no maio das xestas
Para a xente que habita no ámbito rural falar de xestas é falar dunha das prantas máis comúns e que máis abundan nos montes e nos matogais. Esta especie arbustiva, perenne, cunha altura que oscila entre un e catro metros, caracterízase por ter gran cantidade de ramas, e talos verdes e angulosos, dos que sobresaen unhas follas de pequeno tamaño. Fronte a tono verde escuro predominante ao longo do ano, aos chegar a primavera, as xestas transfórmanse e cúbrense dun manto de flores amarelas que, ao final do verán, darán lugar ao froito, unha forma de vaíña, que se torna negro e se endurece ata estoupar e espallar as sementes arredor da pranta nai. Aínda que comestible para o gando, para os animais a xesta non resulta un alimento especialmente apetecible, polo que se destinaba a usos como a fabricación de cordas, aproveitando a súa casca, de varas para arrear ao gando, aproveitando o seu talo e, sobre todo, para fabricar vasoiras, aproveitando a súa extensa ramificación. A abundancia destas prantas e o intenso contacto que os seres humanos tiñan coas xestas en territorios de forte peso da poboación e da economía rural como Galicia fixo que estivesen moi presentes na cultura popular. Por este motivo, especialmente coa chegada da primavera, a xesta aparece como parte integrante de moitas tradicións e rituais. É no mes de maio, o considerado como o mes das flores, no que a natureza se rexenera, no que a luz incrementa a súa presenza, no que chegan os primeiros froitos e no que labran as terras e se sementa a colleita, e é maio ademais o mes no que as xestas, coa súa enorme decoración florida, se incorporan a uns ritos cunhas orixes que remontan a épocas anteriores á implantación do cristianismo nestas terras. En boa parte de Galicia seguen celebrándose as festas dos Maios, nas que se elaboran unhas estruturas cunha armazón de paus e táboas, de forma cónica ou piramidal, e que se recobre de diversos elementos vexetais, cos que configuraban vistosos debuxos, para logo ser transportada polos camiños das aldeas ou polas rúas das vilas. En A Armenteira, máis aló do labor de recuperación da cultura tradicional que se leva a cabo a través das actividades educativas que se desenvolven no colexio, esta é unha costume que as xentes descoñecen e que, se se ten practicado, posiblemente se perdeu décadas atrás. No entanto, ao igual que en moitos outros lugares das Rías Baixas e do norte de Portugal, é moi común e está moi arraigada a tradición de colocar, na tarde do 30 de abril, xusto antes do anoitecer, pólas de xesta nas portas das casas e das cortes, nos vehículos agrícolas, nos coches, nas motos ou incluso na entrada das leiras. Con este ritual preténdese protexer do mal ás vivendas, ás persoas ou ás súas propiedades. As xestas, tamén chamadas maios, palabra que serve asimesmo para referirse ao mal ou meigallo que podería entrar nos fogares sen a súa protección, convértese nun amuleto a xeito de escudo defensivo que blinda os lares fronte á ameaza de perigos invisibles, pero que, a ollos das xentes, poden causar enormes prexuízos na economía ou na saúde das familias. Nun país de meigas, no que o mal de ollo constitúeu máis ca unha enfermidade, as xestas actúan como o mellor antídoto e no sistema de seguridade máis efectivo fronte aos espíritos maliciosos que roldan os fogares coa chegada do mes de maio, mes das flores e mes do amor.
mércores, 29 de abril de 2020
O segundo reparto do Banco Solidario de Alimentos alivia a situación das familias máis vulnerables de A Armenteira
Fai case un mes que o Concello de Meis puxo en marcha o Banco Solidario de Alimentos. A iniciativa, coa que se pretende reforzar a aposta polas políticas sociais do equipo de goberno que dirixe Marta Giráldez consiste no acopio de alimentos e produtos de primeira necesidade para destinalos ás familias máis vulnerables a nivel económico do municipio. Persoas anónimas a título individual e empresas e colectivos sociais foron realizando as súas achegas, o que permitiu facer xa dous repartos dende que este proxecto botou a andar. O primeiro tivo lugar o domingo, 19 de abril, e o segundo realizouse a principios desta semana. De novo foron os membros de Protección Civil de Meis e os propios concelleiros e concelleiras as encargadas de desprazarse aos domicilios destas familias a facer chegar as patacas, o leite ou os produtos de hixiene. En base aos criterios establecidos polo servizo de asistencia social do Concello son arredor de trinta as familias beneficiarias, un número que se incrementou da primeira á segunda entrega. No caso de A Armenteira, o reparto correu a cargo dos voluntarios de Protección Civil do concelleiro Martín Casais, natural da parroquia e responsable das áreas de Sanidade e Medio Ambiente. Como sinalou o propio edil "esta iniciativa resulta tremendamente necesaria, e máis en circunstancias como as que vivimos actulamente, nas que o traballo e os ingresos escasean, mentres que os gastos e as necesidades incluso se ven incrementadas". "As visitas aos fogares e o contacto con estas familias permítennos coñecer de primeira man as condicións nas que se atopan, e escoitar os seus problemas e as súas preocupacións", remarcou Casais. A proximidade á veciñanza e a atención dos servizos básicos son aspectos nos que quixo incidir especialmente o novo equipo de goberno do Concello de Meis dende que tomou posesión aló por xuño de 2019. Para elo, e para manter iniciativas como o Banco Solidario de Alimentos, é preciso que os veciños e veciñas e os colectivos sigan realizando as súas aportacións, tanto nas caixas instaladas nos supermercados do municipio como a través do departamento de Servizos Sociais.
sábado, 25 de abril de 2020
Finalizado o reparto das mascarillas que o Concello de Meis distribuíu entre os nenos e nenas das familias que o solicitaron
O Concello de Meis deu por rematado este sábado o reparto de mascarillas entre a poboación infantil do municipio. Se a pasada fin de semana a institución que preside Marta Giráldez conseguiu finalizar a distribución porta a porta dunha mascarilla a cada persoa empadroada no Concello, neste caso tocoulle á xente máis nova censada en Meis. Confeccionadas con telas coloridas e con motivos vistosos, proporcionadas polo Concello a un grupo de costureiras que as elaboraron de forma voluntaria, este material de protección comezou a ser repartido ao longo do venres entre aquelas familias que o solicitaron tanto a través do número de teléfono do Concello, o 986712010, como a través do número de Protección Civil de Meis, o 986712211. Foron os propios concelleiros e concelleiras, ademais da alcaldesa Marta Giráldez, as que se desprazaron polos domilicios dos nenos e nenas para entregar as mascarillas. No caso de A Armenteira, esta tarefa correspondeulle a Martín Casais, concelleiro de Sanidade e Medio Ambiente, e natural e residente na parroquia, que levou a cabo un intenso labor de reparto para que deste xeito a rapazada poida estar provista deste material de protección antes deste domingo, 27 de abril, cando, segundo consta na prórroga do estado de alarma aprobada polo Congreso dos Deputados, este sector da poboación terá a posibilidade de saír dos seus fogares tras máis de corenta días de confinamento. Como se indica na normativa, as persoas menores de 14 anos poderán realizar unha saída ao día, de ata unha hora de duración, na compaña dunha persoa adulta coa que convivan, e sempre que non se alonxen máis dun quilómetro do seu domicilio. Non deben abandonar temporalmente os seus fogares para realizar este tipo de paseos se presentan síntomas compatibles co coronavirus SARS-CoV-2, tales como tos, febre ou dificultades respiratorias, ou que se atopen en corentena. Así, entre as 9:00 e as 21:00 horas e respectando as medidas de distanciamento, terán a posibilidade de pasear e xogar nas zonas que rodean as súas casas, pero non nos parques ou noutras zonas de ocio infantil, as cales permanecerán cos seus accesos precintados para evitar aglomeracións e posibles contaxios. Segundo as recomendacións das autoridades sanitarias, o uso de mascarillas será recomendable, pero non obrigatorio. Aínda así, as precaucións que tomen as familias fai prever que as mascarillas formen parte da paisaxe habitual no escenario dos xogos dos nenos e nenas, xunto coas biclicletas, os balóns, os patíns, os monopatíns ou incluso os xoguetes electrónicos. Esta medida, que supón o primeiro paso no proceso de desescalada que se trata de organizar dende o goberno central, non constitúe un cambio significativo en áreas rurais como pode ser A Armenteira, pois a dispoñibilidade de xardíns, hortas ou outros espazos arredor das casas, permitían xa que tanto a mocidade como as persoas adultas vivisen esta época de confinamento nunhas condicións moi distintas e, dende logo claramente privilexiadas, respecto da poboación que habita en entornos urbanos.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)











