O paso da cicloxénese explosiva Gaetan deixou pegada no territorio de A Armenteira. O forte temporal de chuvia e vento que azotou Galicia na noite e na mañá do mércores, 20 de xaneiro, causou, entre outros efectos, unha avaría na rede de subministro eléctrico que surte a varios lugares da parroquia, e que procede da central eléctrica situada na parroquia sanxenxina de Vilalonga. Fofán, Castiñeira, Couso, Silván ou O Batán, lugares pertencentes a A Armenteira ou á veciña parroquia de San Salvador de Meis sufriron desde a madrugada do mércores un corte de luz que, segundo os responsables, da empresa Naturgy, tivo a súa orixe na caída dunha árbore sobre o tendido do cableado de media tensión. De feito, xa de madrugada, segundo testemuñas dalgúns veciños e veciñas, os operarios da compañía desprazáronse á zona afectada para tratar de poñer solución ao problema. En torno ás dez da mañá restableceuse o subministro pero, pouco despois das tres da tarde, outra árbore volveu danar o tendido eléctrico, e non sería ata as cinco e media cando o subministro se restableceu de forma definitiva. Segundo indicou Javier González Neira, responsable da empresa Naturgy na zona, estas caídas de árbores próximos á liña de media tensión débense a unha enfermidade que afecta ás especies de eucaliptos, que as debilita ante a forza do vento, provocando unha fractura sobre a metade do talo. Por este motivo, ao longo do día deste xoves, operarios da compañía procederán a unha nova corta dos eucaliptos que poidan supoñer un perigo para a liña de corrente, co cal se tratará de evitar interrupcións do subministro eléctrico a uns veciños e veciñas que, por outra parte, están acostumados a esta situación. Sen ir máis lonxe, en decembro de 2019, unha avaría similar mantivo durante quince horas sen luz ás xentes destes mesmos lugares. Nunha sociedade na que a electricidade constitúe un ben básico e imprescindible na vida cotiá e na actividade económica, incidencias deste tipo provocan graves prexuízos nas familias e nas empresas, unhas familias e unhas empresas que axiña viran os seus ollos cara ás autoridades e ás compañías subministradoras dun ben cun prezo cada vez máis á alza e cun servizo, especialmente en determinadas zonas de A Armenteira, aínda moi deficiente para as esixencias do século XXI.
Buscar neste blog
mércores, 20 de xaneiro de 2021
sábado, 16 de xaneiro de 2021
A Armenteira celebra un San Antonio Abad condicionado polas restricións provocadas pola COVID-19
A parroquia de A Armenteira vive o domingo, 17, e o luns, 18 de xaneiro, unha das celebracións máis tradicionais das que teñen lugar no seu territorio. Trátase do San Antón ou San Antonio Abad, unha festas de máis arraigo e polas que máis fervor se sente na parroquia. Na pequena capela situada no lugar de San Amedio, a pé de estrada que conduce desde Barrantes ao mosteiro cisterciense, do que dista aproximadamente un quilómetro, vén celebrándose ano tras ano, e desde fai décadas, unha celebración na que os veciños e veciñas, e xentes dos arredores, honran a un santo que, entre outras atribucións, ten a de ser patrón dos animais domésticos. No lugar de San Amedio, pero tamén en Castiñeira, Couso, Gondes, As Pereiras, As Congostras ou Cabeza de Boi, lugares todos eles nos que o San Antón é considerado o patrón, os días 17 e 18 de xaneiro sempre se viviron dunha forma especial. Pero este ano, as condicións cambiaron de forma substancial. As circusntancias derivadas da expansión da pandemia da COVID-19 obrigaron a cambiar algúns aspectos deste tradicional evento. O cambio máis significativo quizais sexa o espazo no que se desenvolverán os oficios relixiosos. En lugar da pequena capela ubicada en San Amedio, a misa terá por escenario a igrexa do mosteiro cisterciense, moito máis ampla e espaciosa, e máis adaptada ás medidas de prevención fronte ao coronavirus. Ademais, o feito de coincidir en domingo, no que se adoita concentrar un número importante de fregueses na misa das 12 do mediodía, fixo que se aproveitase para facer coincidir os actos relixiosos dominicais coa misa na honra de San Antonio Abad, evitando o desprazamento ata a capela para realizar unha segunda celebración. Tras a misa, que será oficiada polo cura párroco Don Ramón Fernández Ramos, non faltará a habitual procesión, así como as poxas de diversos produtos agrarios, que os devotos acostuman ofrecer ao santo, e que por enésima ocasión, correrán a cargo de Argimiro Torres. Agárdase tamén a presenza de músicas e foguetes, antes de que os festeiros e festeiras regresen aos seus fogares, onde continuarán cos festexos. Seguindo tamén a tradición, o día 17 volverá a ser un ano máis o "día do cocido", mentres que o 18 será o "día dos callos" por ser estes manxares tan típicos da gastronomía galega os protagonistas principais nas mesas dos veciños e veciñas de A Armenteira durante estas festas. A pesar das dificultades que impoñen estas circunstancias tan excepcionais, cun índice de contaxios á alza en toda a área circundante, e coa entrada en vigor desde o pasado venres dunhas limitacións máis restritivas, o San Antonio Abad poderá ser honrado, agardando que para 2022 os actos xa poidan desenvolverse nunhas condicións de relativa normalidade.
xoves, 7 de xaneiro de 2021
O Armenteira C.F. reparte case 8.000 euros en premios coa Lotería do Neno
O Sorteo Extraordinario de Neno de 2021 non pasou de longo por A Armenteira. No acto celebrado na mañá deste mércores, 6 de xaneiro, no Salón de Sorteos da Sociedad Estatal de Loterías y Apuestas del Estado (SELAE), en Madrid, e no que o primeiro premio correspondeu ao 19.570, o número que xogou o Armenteira C.F. levouse un pequeno petisco do reparto de premios. O 15.000 foi agasallado con 1.000 euros á serie, é dicir, 100 euros por cada décimo, ao que se unen os 20 euros do reintegro, por coincidir coa cifra na que rematou o premio gordo. Polo tanto, cada décimo deste número reportou ás persoas que o mercaron 120 euros, e que, sumando a cantidade total de décimos vendidos, o montante final de premios repartidos ascende a 7.920 euros, unha cifra nada desdeñable e que representa unha importante axuda para afrontar unha costa de xaneiro que este ano se presenta especialmente compricada, xa que aos gastos propios das datas de Nadal se engaden as consecuencias que a nivel económico e laboral está provocando a expansión da pandemia do COVID-19. Un ano máis, o clube verdinegro confiou a distribución dos boletos, tanto para a Sorteo de Extraordinario de Nadal como para o Sorteo Extraordinario do Neno, á Administración de Loterías nº 1 de Barrantes, O Conxuro de Meigha, que desde fai dous anos rexenta unha parella de A Illa de Arousa. Da venda ocupáronse os representantes do Armenteira C.F., aínda que, como ven sendo habitual nos últimos anos, foi o Café Bar O´Comercio o encargado de distribuír a maior parte dos números dos que posiblemente sexan os dous sorteos que con máis ilusión se viven por parte das persoas acostumadas a participar neste tipo de apostas e por parte da poboación en xeral.
xoves, 31 de decembro de 2020
Un ano marcado pola pandemia, tamén en A Armenteira
O ano 2020 foi un ano no que en practicamente todos os recunchos do planeta se deixaron sentir os efectos da expansión da pandemia do coronavirus COVID-19. A parroquia de A Armenteira non foi allea tampouco a tan detestable fenómeno e no resumo que realizamos ao longo das seguintes liñas observamos como este feito condiciona boa parte dos acontecementos que tiveron lugar neste territorio durante 2020.
O mes de xaneiro comezaba coa presenza, como soe ser habitual en períodos vacacionais, do ex-presidente do goberno de España e ex-secretario xeral do Partido Popular Mariano Rajoy pola Ruta da Pedra e da Auga e polas inmediacións do mosteiro cisterciense. Días máis tarde eran noticia os problemas co alumeado público no lugar de Valboa, que tardaron uns días en solventarse. Tamén se incorporoban ao traballo os equipos de fútbol de A Armenteira, o Armenteira C.F. e o Armenteira Veteranos, tras o parón das vacacións de Nadal, inconscientes nese momento de que ese retorno ao traballo e á competición se vería interrompido de forma abrupta no mes de marzo. Por esa época tamén era noticia o comezo da campaña de adopcións de cans por parte do centro de acollida CAAN, o refuxio que a Deputación Provincial de Pontevedra xestiona en terreos da nosa parroquia. O 17 e 18 de xaneiro celebrábanse as festas na honra de San Antonio Abad. Nelas actuou a Banda de Vilanova de Arousa, dirixida por Jesús Nogueira, un personaxe de longa traxectoria no eido musical, que aparecería morto días despois no peirao da vila arousana. Finalizaba o mes coa apertura dunha exposición sobre o artista Leopoldo Nóvoa no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. O autor, que acabou convertendo A Armenteira e o seu estudo situado no lugar de Vilar no seu núcleo de inspiración e creación, sería un dos grandes protagonistas do ano a nivel cultural, ao conmemorarse con diversos actos o ano do centenario do seu nacemento. A presentación duns plans de mellora e de novos proxectos por parte da Fundación Monte Castrove, a entidade que xestiona o campo de golf ubicado no lugar de Silván, daba por rematado o mes de xaneiro en canto a noticias de relevancia.
No mes de febreiro o avistamento de lobos nalgúns puntos de A Armenteira era recollido nas páxinas dos medios de comunicación. Pero o evento do mes na parroquia foi a xornada de competición da Liga Nacional de Billarda, que tiña previsto celebrarse no campo de O Leixo, pero que as condicións meteorolóxicas adversas obrigaron a trasladar ao Pavillón Municipal de Meis, na parroquia de Santo Tomé. Chamaba a atención por esa época, como por desgracia ocorre case ao longo de todo o ano, o abandono de cans nalgunhas zonas de A Armenteira.
O mes de marzo comezaba coa presentación dun torneo de golf feminino, organizado pola Fundación Monte Castrove. Unha charla sobre trampeo da vespa velutina, celebrada no Local Social de Vilar, a coñecida como Casa de Cultura, volvía a poñer de manifesto a necesidade de loitar contra un problema ecolóxico de primeira índole, como é o caso da expansión desta especie invasora. Convertíase tamén en noticia, unha das máis relevantes dos últimos anos, a decisión do grupo de goberno do Concello de Meis de rescindir o contrato de xestión do albergue de peregrinos que posuía a Fundación Amigos do Camiño Portugués. Mentres o Armenteira C.F. feminino disputaba a segunda fase da Liga Feminina de Fútbol-7, e Sara Rey nos agasallaba cun festival goleador fronte ao Colegio Apóstol, e o Armenteira Veteranos coñecía o calendario da segunda fase, os acontecementos precitábanse, e a extensión da pandemia da COVID-19 provocaba que a Real Federación Galega de Fútbol decidise suspender as actividades deportivas. A declaración do estado de emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia e do estado de alarma en toda o estado español obrigou a ir cancelando en cadea todos os eventos programados. As actividades do campo de golf ou os actos festivos que ían ter lugar durante a Semana Santa sumábanse aos eventos cancelados. O mes de marzo remataba cun suceso desgraciado, o incendio dunha nave avícola no lugar de As Pereiras, no que perdían a vida máis de 10.000 polos.
No mes de abril era noticia o desenvolvemento das actividades educativas nunha situación de confinamento. Os rapaces e rapazas que cursaban estudos no CEIP de Armenteira e os e as escolares da parroquia matriculados noutros centros educativos tiñan que adaptarse a unhas novas circunstancias protagonizadas pola teledocencia. O Concello de Meis puxo á súa disposición un servizo de reparto de fotocopias para axudar a quen tiña máis dificultades para desenvolverse nunhas circunstancias que eran novidosas para boa parte deles. Chegaba a Semana Santa, unha Semana Santa especial, no que as lembranzas en forma de publicacións e reportaxes televisivos nos levaban a anos anteriores ante a suspensión dos actos previstos para a edición de 2020. Unha nova situación, particularmente desfavorable para certos grupos de poboación, na que o Concello de Meis iniciaba a distribución a domicilio dun elemento que a partir de entón se facía imprescindible nas nosas vidas: as máscaras. As adversidades derivadas da pandemia tamén facían xurdir a solidariedade, coa creación do Banco Municipal de Alimentos, do que se vían beneficiadas algunhas familias de A Armenteira.
O mes de maio comezaba co regreso da actividade ao campo de golf. Ao tempo, o Concello anunciaba a suspensión de todas as festas que ían celebrarse ata o 30 de xuño, incluíndo a tradicional fogueira do San Xoán, que nos últimos tempos se convertera nun evento multitudinario en A Armenteira. A parroquia preparábase para entrar na primeira fase da etapa de desconfinamento, ao tempo que Don Ramón Fernández Ramos, o cura párroco, celebraba o 10 de maio o seu 90 aniversario. O mes remataba coa reanudación da exposición sobre a obra de Leopoldo Nóvoa no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ou cunha nova reunición cos veciños e veciñas de Couso para tratar de dar solución aos problemas relacionados coa biomasa próxima a algúns domicilios deste lugar.
No mes de xullo o campo de golf de Meis iniciaba os actos de conmemoración do 20 aniversario. Tamén remataban por eses días as tarefas de desbrozado das marxes das rutas e viais que transcorren pola parroquia. Estouraba por esa época unha agria polémica a causa dunhas declaracións de Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa e predecesor de Marta Giráldez na presidencia da Mancomunidade de O Salnés, nas que afirmaba que o albergue de peregrinos de A Armenteira ía permanecer pechado durante o verán. A reacción do grupo de goberno do Concello de Meis non se fixo agardar e axiña desmentiron as declaracións do rexedor vilanovés. Un anuncio de Turismo de Galicia, organismo dependente da Xunta de Galicia, no que aparecía unha imaxe do arco de entrada ao arco do mosteiro cisterciense, poñía de manifesto o valor patrimonial e turístico de A Armenteira. A finais de mes o Concello de Meis daba a coñecer o Programa Cultural de Verán, no que a nosa parroquia tiña reservado un lugar destacado.
O mes de xullo, normalmente un dos meses máis festivos do ano, transcurriu durante 2020 con relativa tranquilidade. Si tiveron lugar algúns eventos, como o Tapacallo, unha iniciativa do Concello, na que participaron catro establecementos de hostalaría de A Armenteira: o Bar Restaurante A´Fonte, o Café Bar O´Comercio, a Taberna Carballo de Prado 1900 e Chan do Fento, o bar, restaurante e cafetaría ubicado nas instalacións do campo de golf. O 17, 18 e 19 de xullo celebrábase unha nova edición do Armenteira Jazz, que de novo trouxo a A Armenteira os ritmos e as melodías deste xénero musical, aínda que adaptándose ás medidas de seguridade e hixiene para frear a pandemia da COVID-19. O Armenteira C.F. celebraba por esas datas unha reunión trascendental para planificar o seu futuro inmediato e a longo prazo. O mes remataba cun atentado contra un dos principais referentes patrimoniais da nosa parroquia: os petróglifos do Outeiro do Cribo. O conxunto rupestre aparecía cunhas pintadas que supostamente pretendían resaltar os debuxos que describen os seus surcos, un acto que pode preduxicar gravemente a súa conservación.
En agosto a actualidade estivo copada polos frecuentes accidentes de sendeiristas que percorrían a Ruta da Pedra e da Auga. Tamén foron noticia as bodas que se celebraban na igrexa do mosteiro cirtenciense, das que se facían eco algunhas revistas, dado o glamour e os círculos sociais elevados aos que adoitaban pertencer as persoas que contraían matrimonio. Por esa época presentábase o programa TIC Emprendes, un programa formativo deseñado pola Deputación de Pontevedra que pretendía fomentar a inserción laboral da mocidade e o desenvolvemento dos recursos propios da nosa terra. Nese mes dábase por finalizada a limpeza da parcela 219 do monte veciñal de Couso, a zona que o grupo de goberno do Concello e a veciñanza deste lugar acordaron limpar por considerala a de maior risco en caso de incendio pola proximidade desta aos núcleos de poboación. O aumento dos gromos da pandemia provocaban que a institución municipal tivese que cancelar os actos que quedaban por desenvolverse do Programa Cultural de Verán.
A segunda onda da pandemia fíxose máis evidente no mes de setembro. Nesas datas no Café Bar O´Comercio tiña lugar un concerto dos artistas Doro e Bruno Canario que viña a substituír as habituais festas de verán que neste ano non puideron celebrarse. Ao tempo iniciábase un novo curso escolar. As medidas fronte á pandemia, coa máscara, o xel hidroalcohólico ou o distanciamento, marcaban á volta ás aulas no CEIP de Armenteira e nos centros educativos nos que cursa estudos o alumnado de A Armenteira. Xa no mes de outubro os contaxios por coronavirus comezaban a producirse no colexio da parroquia, obrigando a confinar a algún neno e nena. No mes de novembro era noticia o aumento das adopcións de cans no centro de acollida CAAN, e xa no mes de decembro, o optimismo parecía renovarse co acendido das luces de Nadal, que este ano trataron de mimar especialmente a A Armenteira, destacando o colorido do arco de entrada ao adro do mosteiro cisterciense e o decorado luminoso deste enclave. Na prensa recollíanse noticias relacionadas con operacións contra o tráfico de drogas. As noticias publicacadas sobre a Operación Mito, un proceso xudicial contra a rede dirixida polo capo cambadés José Ramón Prado Bugallo "Sito Miñanco", facían referencia a A Armenteira, en concreto a unha nave ubicada no lugar de Couso, de propiedade atribuída a David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña, e que foi incendiada en abril de 2019. Remataba o ano coas celebracións propias de Nadal. O tren de Papá Noel co que a ANPA "O Loureiro" quixo extender a maxia e a ilusión entre a rapazada e que percorreu as aldeas da parroquia o 22 de decembro e o Buzón Real que os días 28 e 29 de decembro nos que a xente máis nova puido depositar as cartas ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente pecharon un ano non demasiado afortunado para as xentes de A Armenteira, de Galicia, de España e do mundo en xeral, que agardan que o 2021 poida devolverlles a esperanza e a alegría que o coronavirus COVID-19 lles arrebatou.
luns, 28 de decembro de 2020
O Buzón Real cumpre este martes o segundo e último día en A Armenteira
Son días de intenso traballo aló polas terras de Oriente. As Súas Maxestades os Reis Magos, xunto co seu estenso equipo de colaboradores e colaboradores soportan nestas datas longas xornadas laborais preparando o reparto que, como cada ano e desde fai séculos, realizan na noite do 5 ao 6 de xaneiro. Os labores de recompilación, catalogación e ordenación dos xoguetes e outros regalos, así como a preparación dos paquetes, mantéñenos ocupados durante horas e horas. Non menos tempo require a lectura da inxente cantidade de cartas que os e as carteiras reais fan chegar ás dependencias do palacio no que teñen establecida a súa sede. Por este motivo, a axuda da cidadanía e das administracións públicas resulta indispensable. No caso de A Armenteira e en xeral do concello de Meis a achega aos magos de Oriente levouse a cabo mediante a colocación dun Buzón Real que, de forma itinerante, irá percorrendo distintos lugares do municipio. O sábado, 26 de decembro, o buzón iniciou a súa singladura no porche exterior do multiusos do O Mosteiro, para trasladarse o domingo 27 ata A Armenteira. Nesta parroquia o lugar elixido para colocalo ía ser a denominada Praza de Vilar, a que se atopa á entrada do adro do mosteiro cisterciense, pero as malas condicións meteorolóxicas obrigaron a situalo no acceso ao Local Social de Vilar, a tamén coñecida como Casa de Cultura. Alí estará ata o martes 29, cando emprenda viaxe cara á parroquia de San Martiño, onde se situará xunto á porta de entrada á farmacia. Por este motivo, os nenos e nenas de A Armenteira e arredores que queiran depositar a carta aos Reis Magos deben darse présa para facelo, a non ser que queiran entregalo cando durante os próximos días cando o buzón se atope noutra das parroquias do termo municipal. Asimesmo, aqueles nenos e nenas que queiran establecer contacto con Melchor, Gaspar e Baltasar a través do servizo de videoconferencia que ofrece o concello teñen de prazo ata o martes, 29 de decembro, para facer a solicitude a través do número de teléfono 641585245. A maxia do Nadal que envolve un ano máis A Armenteira e que este ano se manifestou especialmente a través do alumeado navideño ou do tren de Papá Noel que percorreu a parroquia o día 22, continúa agora co Buzón Real e intensificarase co inicio do ano novo e cos regalos que nenos, nenas e, pero tamén as persoas adultas, agardar recibir nos seus fogares na mañá do 6 de xaneiro.
domingo, 27 de decembro de 2020
INOCENTADA 2020: A Armenteira contará con servizo regular de tren a partir de inicios do ano próximo
A iniciativa levada a cabo pola ANPA "O Loureiro" que permitiu traer a A Armenteira o pasado 22 de decembro o tren turístico que percorre a vila de Cambados, e que ese día trasladou polos distintos lugares da parroquia a Papá Noel, xunto con cortexo de paxes e nenos e nenas, serviu de inspiración para que as autoridades municipais decidisen pór en marcha unha idea que vén a responder a unha demanda histórica da veciñanza da zona: a de establecer un servizo de transporte local. Grupos políticos con representación na Corporación Municipal do Concello de Meis levaron a pleno en numerosas ocasións a proposta de instaurar un sistema de transporte que vertebrase os núcleos de poboación do Concello e que facilitase o desprazamento dos veciñas e veciñas que non dispoñen de vehículo propio para desta maneira puidesen desenvolver actividades tan cotiás como ir a consulta médica, facer as compras, realizar trámites nas oficinas municipais ou simplemente tomar un café nas terrazas dos bares e cafetarías. As xestións ante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia non deron os seus froitos e todo indicaba que habería que agardar ata a campaña das próximas eleccións municipais, previstas para 2023, para que as autoridades tomasen en serio a idea. Pero o éxito da iniciativa da ANPA "O Loureiro" deu un impulso inesperado ao proxecto. A comezos de 2021, nunha data aínda por determinar, un tren similar ao da vila de Cambados iniciará o seu percorrido polos distintos lugares de A Armenteira. Inicialmente durante as fins de semana, pero coa opción de incrementar a frecuencia das viaxes, o tren desprazarase polos viais da parroquia para levar ás xentes que o precisen a tomar o café, aos oficios relixiosos, aos partidos de fútbol ou a visitar a familiares e amigos e amigas. Incluso cabe a posibilidade, se acaba contando cos preceptivos permisos da Consellería de Educación, de o transporte escolar sexa realizado por este vehículo ao contar nun sistema de ventilación máis efectivo e ao adecuarse mellor aos protocolos de prevención de contaxios do coronavirus COVID-19. Deste xeito, os nenos e nenas de A Armenteira, que tanto disfrutaron na viaxe do día 22, poderán desprazarse diariamente ao colexio nun medio tan singular. Unha potente máquina, altamente contaminante, pero adaptada ás pendentes características dun territorio como A Armenteira, tirará do que sería un transporte que os e as escolares compartirán persoas adultas, veciños e veciñas ou turistas, e que, para maior comodidade dos e das pasaxeiras contará cun servizo de cafetería, asitencia médica en caso de mareo ou, cando se trate de tarifas VIP, de actuacións musicais ou de números de humor a bordo da que se encargarían renomeados artistas locais. A modo experimental, o vehículo fará un traxecto os días 28 e 29 de decembro, en horario de mañá e tarde, para que os nenos e nenas poidan desprazarse a depositar as cartas ás Súas Maxestades de Oriente no Buzón Real que se ubicará na entrada do Local Social de Vilar, a coñecida como Casa de Cultura, e que en caso de mellorar o tempo se trasladará á Praza de Vilar, a que sea atopa á entrada do adro ao mosteiro cisterciense, un punto que se convertirá nunha parada obrigatoria, pois alí estarán agardando o concelleiro Martín Casais e outros representantes da política local, ataviados con vestimentas acordes coa época de Nadal, para repartir caramelos e chuches entre a rapazada.








