Buscar neste blog

sábado, 30 de setembro de 2017

O Armenteira Veteranos cede tres puntos nos últimos vinte minutos

O Armenteira Veteranos caiu derrotado por un gol a dous no partido disputado na tarde deste sábado ante o Albariño Veteranos no campo de O Leixo. Foi unha derrota cruel, pois o cadro verdinegro viu como o conxunto cambadés lle remontaba nos últimos vinte minutos ata facerse coa vitoria. O equipo que dirixe José Luis Galiñanes presentou un once inicial con Joserra baixo paus, Jorge Dávila, Óscar  Muniz, Óscar Barreiro e Moncho en defensa, Portas como medio de contención, Manolo, Carlos, Jorge Castro e Richi na liña medular, e o propio Galiñanes como xogador máis adiantado. O primeiro período caracterizouse polo equilibrio. Ámbolos dous conxunto amosábanse ben plantados sobre a superficie de terra de O Leixo. A orde táctica e a presión dos locais contrarrestaba a maior posesión do balón do Albariño Veteranos. Tras o descanso, unha acción xurdida dun saque de banda remataría nos pés de Jorge Castro, que enganchou un disparo dentro da área que impacto nun defensa rival para despistar ao meta José González e adiantar ao de A Armenteira. Cando parecía que os tres puntos se ían quedar na casa, a sinalización dunha falta ao borde da área local, moi discutida polos verdinegros, cambiaría o rumbo do encontro. O maxistral lanzamento de Sergio Estonllo colocaba a igualada no marcador e supoñía un duro revés para o ánimo dos futbolistas do Armenteira Veteranos que, con todo, trataron de reaccionar e buscaban a meta contraria, con Jorge Castro case sempre como referencia. Pero un problema de entendemento entre o porteiro e a defensa despois dun balón colgado ao segundo pau polo Albariño Veteranos era cabeceado de novo por Sergio Estonllo ao fondo da rede. Xa non houbo tempo para que unha escadra verdinegra fisicamente esgotada puidese recuperar polo menos un punto. Con esta derrota por un tanto a dous os de O Leixo sitúanse na undécima posición, con unicamente dous puntos. As esperanzas de lograr o primeiro triunfo da temporada deposítanas no encontro do próximo sábado, no que se medirán a S.C.D. Terras de Curro no campo Municipal de Zacande.


Ningún comentario:

Publicar un comentario