FICHA TÉCNICA
C. MAMIS ARNELAS-RIBADUMIA - ARMENTEIRA C.F. - 3 - 1
ARMENTEIRA C.F.:Anabel; Rocío, Lara; Fátima, Sara Rey, Bea; e Nerea.
GOLES: 1-0. Minuto 20. Antía Moreira. 2-0. Minuto 33. Antía Moreira. 2-1. Minuto 57. Lara, de penalti. 3-1. Minuto 51. Silvia Piñeiro.
ÁRBITRO: Pastoriza Ogando. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo quinta xornada da Liga Femina de fútbol-7. Grupo único, que se disputou no campo de A Senra-2, en Ribadumia, ante uns trinta espectadores, nunha mañá soleada, pero fresca, nunhas instalacións amplas e cómodas e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. non puido co C. Mamis Arnelas-Ribadumia no partido que disputou na mañá deste domingo no campo de A Senra-2. Era un duelo especial para as mozas que dirixe Marcial Prado, pois trátase do único encontro de rivalidade que afrontará esta temporada, á espera da segunda fase, que comezará en menos dun mes, e no que con toda seguridade se volverán ver as caras estes dous conxuntos. Non se presentaba a escadra verdinegra nas mellores condicións. Ás ausencias por problemas físicos de Sara Torres, Vanessa e Banesa, uníanse as de Patricia e Paula, neste caso a última hora. Con só sete xogadoras, as xustas para xogar o partido, e sen ningún recambio no banquillo, o Armenteira C.F. saltou ao terreo de xogo esperanzado con traer algo positivo de Ribadumia. Asumiu o dominio do esférico dende os primeiros minutos o cadro local, que trataba de combinar, aínda que non era quen de chegar con perigo ás proximidades da meta defendida por Anabel. Non sería ata o minuto 20 cando Antía Moreira conectaba un potente disparo dende o borde da área que acabou que acabou colándose no fondo da rede das de A Armenteira. Intentaron reaccionar as visitantes, a base de garra e loita, aínda que abusando das conducións de balón. No segundo período, de novo outro disparo dende a frontal sorprendía a Fátima, que relevaba a Anabel como gardamallas verdinegra. Axiña respondeu o Armenteira C.F. e Lara abandonou o centro da defensa para internarse na área local, onde era derrubada por unha defensora. A propia Lara asumiría a responsabilidade de efectuar o lanzamento da pena máxima. Coa perna esquerda a futbolista de Nantes non fallaría dende o punto fatídico. A partir de entón o partido viviu uns minutos de emoción, nos que o equipo verde e negro se viu con opcións de acadar como mínimo un punto en Ribadumia. Pero o soño das de O Leixo rematou cando Silvia Piñeiro batía a Fátima para poñer practicamente a sentenza no marcador. As mellores ocasións do Armenteira C.F. neste minutos finais estiveron en lanzamentos de falta, pero nin Sara Rey nin Anabel estiveron demasiado afortunadas. Con este resultado o conxunto verdinegro continúa na décimo sétima posición. A próxima fin de semana será de descanso para as rapazas que adestra Marcial Prado, que volverán á competición o sábado, 16 de febreiro, ou o domingo, día 17, cando reciban no campo de O Leixo ao San Roque Casablanca, no último encontro desta primeira fase da liga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario