Buscar neste blog

domingo, 10 de febreiro de 2019

Cuarta vitoria consecutiva do Armenteira C.F. infantil tras superar ao C.D. Moaña "B" en O Leixo

ARMENTEIRA C.F. -  C.D. MOAÑA "B"- 4 - 1
ARMENTEIRA C.F. Sergio; Víctor, Álex, Fran, Carlos; Javi, Íñigo; Mateo, Irene Varela, Ramón; e Manu Meixús. Tamén xogaron Andrés, Júnior e Irene Pesqueira.
GOLES:1-0. Minuto 47. Manu Meixús. 1-1. Minuto 51. Adrián Curra. 2-1. Minuto 62. Íñigo. 3-1. Minuto 69. Manu Meixús. 4-1. Minuto 69. Mateo.
ÁRBITRO: Otero Somoza. Non mostrou cartóns a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da terceira xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 62, disputado no campo de O Leixo, en Armenteira, ante uns setenta espectadores, nunha tarde fresca e chuviosa por momentos, e sobre un terreo de xogo cunha superficie irregular e con surcos na area das zonas laterais.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. segue intratable nas últimas xornadas. Catro vitorias consecutivas son as que acumula o conxunto que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez: dúas nos dous últimos partidos da primeira fase, ante o Unión Dena C.F. e ante a A.D. Arousa "B", e outras dúas nos dous encontros da segunda fase que leva disputado, de novo ante A.D. Arousa "B" e ante o C.D. Moaña "B". A deste sábado era unha cita que infundía bastante respecto ao cadro local, dado o nome e as cifras do rival na parte inicial da competición. Só a chegada do autobús dos de O Morrazo ás instalacións de Leixo poñian en evidencia o potencial do clube moañés. En liñas xerais o encontro foi de lixeira superioridade para o equipo verde e negro, ao que non acompañou o acerto que habitualmente exhibe nos metros finais. Na primeira metade o equilibrio foi a nota dominante, con escasas ocasións por ambos os dous bandos, aínda que o Armenteira C.F., co vento en contra, dispuxo das de maior claridade. Nin Manu Meixús, protagonista da maioría delas, nin tampouco Íñigo tiveron fortuna á hora de definir ante o meta Pablo Illán. Nada máis comezar o segundo período a xustiza recompensou aos de A Armenteira C.F. e Manu Meixús, tras desembarazarse de varios defensores e deixar no chan ao gardamallas, adiantaba aos locais ante o xúbilo da súa afección. Pouco durou a alegría na parroquia verdinegra e unha perda de balón no inicio dunha xogada dende a liña defensiva permitiu que o C.D. Moaña "B" rematase anotando coa portería baldeira. Casou un notable desconcerto este tanto entre os locais, que por uns minutos perderon o control do xogo e chegaron a temer que os tres puntos se puidesen escapar de O Leixo. Pero tras desbaratar algunha acción de perigo visitante, fóronse ao ataque e froito disto Íñigo enviaba unha cabezada ao fondo da rede ante a oposición do meta moañés. A tranquilidade viría cando Manu Meixús volvía sorprender á defensa adversaria para colocar o tres a un, e sobre todo cando Mateo empalmaba unha semivolea para acadar o cuarto e definitivo tanto para o Armenteira C.F. Con este resultado o equipo que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez sitúase na terceira posición, con seis puntos, á espera da visita que realizará a próxima fin de semana ata Pontevedra para medirse nas instalacións de A Xunqueira á A.J. Lérez "C", que ocupa o sétimo posto, tamén con seis puntos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario