A xornada da pasada fin de semana resultou practicamente redonda para os equipos de fútbol de A Armenteira. Aínda que ben é certo que esta temporada a parroquia conta con menos equipos en competición, fai tempo que non se daban uns resultados tan favorables. As dificultades ás que tradicionalmente teñen que facer fronte estes conxuntos, como a precariedade das instalacións, o descenso demográfico, a falta de apoios institucionais ou a competencia desleal doutros clubes, provocan que a súa política deportiva acabe primando a participación e a formación e a aprendizaxe a través do deporte cá competitividade. Por elo, e dadas as circunstancias, os resultados que acadaron tanto os equipos do Armenteira C.F. como o Armenteira Veteranos son dignos de mención.
O primeiro en entrar en competición foi o equipo sénior feminino, que afrontaba a primeira xornada da segunda fase da Liga Feminina de fútbol-7, e que non puido comezar con mellor pé. As rapazas que adestra Marcial Prado venceron por dous goles a un ao C.D. Arcade F.F., nun encontro equilibrado nos primeiros trinta minutos, pero no que as mozas do cadro verdinegro remataron por impoñer a súa superioridade nas dúas áreas na segunda metade. Dúas transicións rápidas, culminadas por Paula e por Sara Torres serviron para dar a vitoria ao clube de O Leixo. De nada valeu o tanto anotado polas de Arcade a través dun balón bombeado dende longa distancia xa case sobre a bocina final. A clasificación, por anecdótica que pareza, ao tratarse da primeira xornada, deixa ás de A Armenteira nunha estimable segunda posición.
Ese mesmo día, o sábado, 23 de febreiro, e nese mesmo escenario, o campo de O Leixo, pero en horario de tarde, o Armenteira Veteranos conseguía un meritorio empate ante o C.D. Portas Veteranos. Tratouse dun partido relativamente igualado, sen excesivas ocasións claras de gol, no que o xogo se desenvolveu principalmente na zona de medio campo. O fútbol de elaboración dos de Portas, sabiamente dirixido por Suso Conles, adestrador no seu día do equipo sénior masculino do Armenteira C.F. e do que se garda unha grata lembranza na entidade verdinegra, non foi suficiente para superar aos locais, que disfrutaron das mellores ocasións, nas que Javi, improvisado dianteiro centro nas últimas xornadas, e sobre todo Marcial, foron os grandes protagonistas.
Xa no domingo, 24 de febreiro, a cita correspondeulle ao equipo infantil. O conxunto que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez é o que maiores expectativas está levantando esta temporada. Tras un inicio compricado os rapaces e rapazas do equipo verdinegro souberon repoñerse e lograron manter unha continua progresión que fai que, segundo algunhas quinielas, figuren entre os máximos favoritos a alzarse co título de campión do grupo 62 da Segunda autonómica infantil. En virtude do acordo subscrito para esta campaña co C.D. Mosteiro, nesta ocasión o partido tivo lugar no campo Municipal de Meis, e alí o Armenteira C.F. non volveu defraudar. Despois dun inicio titubeante, no que o rival, a S.D. Monteporreiro, igualou o tanto inicial de Manu Meixús, o equipo verdinegro foi marcando distancias, e sen pasar excesivos apuros, acabaría vencendo por sete tantos a dous, tras un plácido segundo período no que ademais deixaron destellos de bo fútbol en forma de triangulacións, desmarques ou internadas polos costados. Dos sete goles catro foron anotados por Manu Meixús, dous por Íñigo e un por Irene Pesqueira, que estreaba o seu casilleiro anotador por esta campaña. Os catro triunfos acadados nas catro xornadas disputadas manteñen á escadra verdinegra no segundo posto, en dura pugna co Barro C.F. que, cun partido máis de competición, supera aos de O Leixo por un só punto.
A próxima fin de semana será de descanso para os equipos de fútbol de A Armenteira. A Real Federación Galega de Fútbol decidiu reservar estas datas para a celebración das festas do Entroido e non haberá liga nestas categorías. A competición voltará na fin de semana do 9 e 10 de marzo, na que tanto o equipo sénior feminino como o equipo infantil terán que realizar longos desprazamentos, a Caldelas de Tui e a Cangas do Morrazo, respectivamente, mentres que o Armenteira Veteranos vivirá en O Mosteiro o derbi municipal ante o C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto.
Aúpa ARMENTEIRIÑA ..!!
ResponderEliminar