Para moitos veciños e veciñas da parroquia de A Armenteira, do Concello de Meis ou da comarca de O Salnés existe, sen dúbida, unha gran referencia paisaxística. A posibilidade de ver o mar só dende algúns puntos e o carácter accidentado do relevo, cunha morfoloxía tan diversa e variada, converten ao Monte Castrove no faro que guía a visual de todas as miradas da contorna. A súa silueta resulta inconfundible sexa cal sexa o punto dende o que se divise. Cunha elevación máxima de 613 metros sobre o nivel do mar e cunhas formas redondeadas, desgastadas a causa de séculos e séculos de erosión, este monte serve de divisoria entre as vertentes que se dirixen cara a ría de Pontevedra e as que se toman destino cara a ría de Arousa. Repartido entre catro concellos, Poio, Pontevedra, Barro e Meis, este conxunto paisaxístico conta cunha enorme riqueza natural, histórica, artística e cultural. Nas súas proximidades atópase a aldea de A Escusa, que conta cunha capela adicada a San Ramón e cun curro de cabalos e que en agosto celebra a súa tradicional rapa das bestas, e máis cara abaixo, en dirección ao mosteiro de San Xoán de Poio, Riomouro, unha pequena aldea entre regatos e montañas, na que na actualidade apenas reside unha ducia de habitantes. Outros pequenos núcleos distribúense pola contorna, aínda que sen desprazarnos demasiado, en pouco máis dun quilómetro atopamos as instalacións dun campo de golf que a Comunidade de Montes Chan do Fento puxo en funcionamento fai dúas décadas e o conxunto arqueolóxico do Outeiro do Cribo, co seu famoso petróglifo en forma de labirinto. Tamén, nese entorno, xunto a un antaño concurrido merendeiro, existe un bosque de secuoias, doadas no ano 1992 pola entidade municipal de San Francisco, nos Estados Unidos, co motivo da celebración do quinto centenario da chegada a América de Cristovo Colón, ao cal diversas teorías atribúen Portocelo, no Concello de Poio, como lugar de nacemento.
Pero sobre este fantástico e fermoso entorno destaca sobremaneira o cumio do Monte Castrove. Cuns accesos relativamente cómodos, aínda que mellorables, o seu formidable valor patrimonial atrae a cada vez máis visitantes. En coche, en moto, en quad, a cabalo, en bicicleta ou a pé, son moitos os visitantes que acuden este enclave ao longo do ano. Coroan a cima catro antenas repetidoras do sinal de telefonía, internet e televisión, polas que levan anos mantendo un litixio os Concellos de Poio e de Pontevedra, e que o Instituto Xeográfico Nacional resolveu de forma diplomática, entregando unha parte a cada un dos municipios, e unha zona de mirador cunhas vistas privilexiadas do territorio situado arredor da Ría de Pontevedra, da ría de Arousa ou incluso da Ría de Vigo. O val de O Salnés, a península de O Grove, a illa da Toxa, a illa de Arousa, a illa de Sálvora, o Barbanza, a illa de Tambo, as illas Ons, o Morrazo e ata Cabo Silleiro están ao alcance das retinas das xentes que se achegan a este punto elevado para disfrutar desta marabillosa visual. Non é de extranar que séculos atrás os poboadores elixiran este lugar para establecer a súa residencia, como constatan os distintos restos arqueolóxicos, ou que se decidise instalar, en pleno cumio da montaña unha antiga capela de orixe románica, que se supón que estaba adicada a Santa Mariña, da que son visibles algúns vestixios. Foi precisamente a presenza desta ermida, a que as xentes deron tamén en denominar como O Castelo, como soían facer cando se trataba de calquera estrutura pétrea en zonas elevadas, a que paralizou a construción dun parque eólico sobre a cima do Monte Castrove. Xa en 1745, Frai Martín Sarmiento, un dos mellores e máis profusos cronistas que tiveron e terán estas terras, nun dos escritos nos que relataba as súas andainas, describía a tremenda riqueza deste idílico enclave: "En todo canto andei de mariña, desde Ferrol até A Guarda e Tui, non achei
punto de visión máis primoroso que este lugar. Nesa localización contempla un
horizonte marítimo-terrestre amplísimo, onde o seu agudo e experto ollar
identifica non poucos lugares, así como tamén a torre de Lobeira, os montes
da torre de Meadelo e o castelo de Cedofeita. Mirando desde o Poio ó poñente
érguense dous altos montes, un máis perto do mar que o outro; e ámbolos fan
como un val estreito e precipitado, por onde baixa o río Mouro con dúas
derivacións [...] [Dende O Castrove]… O monte do
Acibal, que divide Lérez de Xebe. O castelo de Cedofeita, Tenorio,etc. Monte
Porreiro e o castro de Mourente. Pedrafita, ou o Lauredo de Marcón. San Cibrán
e todo o val. A bolsa ou ría do Ulló. As dúas rías xunqueiras de Lérez e de
Alva . O convento de Lérez. Non se chega a ver a ponte nin a vila de
Pontevedra, por estorbo do Montecelo, nin o Poio pola primeira derivación do
Castrove. E finalmente vese todo o mellor de Galicia, e sería moi útil que un
enxeñeiro subira ó lugar do Castrove, no que eu estiven, así na devandita
ermida coma no cerro que está inmediato; que levara unha agulla de marcar ,un
bo anteollo de longa vista, e un instrumento matemático ben grande e que fixera
unha xeral demarcación de todo o que se alcanza a ver segundo os rumbos [...]"
Máis aló das sabias narracións de Frei Martín Sarmiento, o monte Castrove é, para amantes do sendeirismo, do ciclismo ou de calquera outra actividade en contacto coa natureza, induscutiblemente un enorme tesouro con aínda moito por descubrir, pero non tesouro oculto, senón un tesouro visible practicamente dende todos os puntos da contorna, que se ergue esplendoso para mostrar unha colosal figura que parece emerxer de entre os mares que bañan as rías de Arousa e e de Pontevedra, e que, dende as alturas divisa unha extensa área cunha beleza tan extraordinaria que só é posible contemplar a ollos do pai Castrove.
Máis aló das sabias narracións de Frei Martín Sarmiento, o monte Castrove é, para amantes do sendeirismo, do ciclismo ou de calquera outra actividade en contacto coa natureza, induscutiblemente un enorme tesouro con aínda moito por descubrir, pero non tesouro oculto, senón un tesouro visible practicamente dende todos os puntos da contorna, que se ergue esplendoso para mostrar unha colosal figura que parece emerxer de entre os mares que bañan as rías de Arousa e e de Pontevedra, e que, dende as alturas divisa unha extensa área cunha beleza tan extraordinaria que só é posible contemplar a ollos do pai Castrove.
Ningún comentario:
Publicar un comentario