FICHA TÉCNICA
O Armenteira Veteranos logrou superar a primeira reválida desde que ocupa postos de promoción de ascenso na presente liga. O cadro verde e negro, que accedera ás prazas de privilexio tras vencer na pasada fin de semana ao Salud S.D. Veteranos, soubo facer fronte á presión que supón ocupar estar entre os catro primeiros clasificados, e logrou unha sufrida vitoria por un tanto a cero sobre o Castrelo C.F. Veteranos no partido disputado na tarde deste sábado, 26 de marzo, no campo de O Leixo. De novo lastrado polas numerosas baixas, con tan só trece efectivos, algúns dos cales vén arrastrando molestias físicas ao longo das últimas semanas, o Armenteira Veteranos está demostrando unha capacidade de esforzo e sacrificio e unha solidez como bloque que están fóra de toda dúbida. O partido deste sábado foi reñido, igualado durante a maior parte dos minutos, pero, como sucedeu nas últimas xornadas, o cadro verde e negro agardou á recta final do encontro para impoñer a súa superioridade nos metros finais. Desde o inicio quedaba claro cal ía ser a intención de cada un dos conxunto. O Castrelo C.F. Veteranos apostaba por un fútbol máis combinativo, que buscaba principalmente atopar con envíos en profundidade a Dioni, o seu atacante máis incisivo e perigoso. Pola súa contra, o Armenteira Veteranos, con Javi González novamente como gardamallas de circunstancias, e con Martín ocupando unha das prazas no centro da defensa, agardaba no seu campo as acometidas rivais e, en canto podía, buscaba a Jorge Castro a través de balóns en longo. Con orde e seriedade, os locais apenas sufriron nesta primeira metade, aínda que tampouco gozaron de ocasións de demasiado perigo. A única oportunidade clara de gol clara nos primeiros corenta e cinco minutos estivo nos pés de Galiñanes, que tras recibir na área e recurtar a un adversario, empalmou un disparo de chapou o meta Carlos Ínsua nunha atinada intervención. Tras a reanudación, a tónica continuou sendo a mesma. Un Armenteira Veteranos ordenado e solidamente plantado no campo apenas sufría en defensa, ao tempo que ía gañando terreo e facéndose co control do xogo. A maior posesión neste segundo período permitiu que as ocasións fosen chegando con maior frecuencia, principalmente con Jorge Castro como protagonista. O atacante de Vilar, volveu demostrar as cualidades do que posiblemente sexa o mellor atacante do grupo e un dos dos futbolistas máis completos e valiosos da categoría. Xunto a el José Pérez foi de novo o dono da parcela central, combinando as súas enormes condicións físicas cunhas dotes técnicas á altura de poucos futbolistas da liga de veteranos. Eles dous, na compaña dun gran esforzo coral permitiron que o Armenteira Veteranos fose pouco a pouco gañando méritos para levarse o partido a medida que transcurrían os minutos. E como non, sería Jorge Castro, o que lograría o primeiro e único tanto do encontro, despois de culminar unha brillante acción individual, na que se desfixo de varios defensores, en base á súa potencia e dominio do balón. Puido incluso o combinado local acadar algún tanto máis neste segundo período, ante un Castrelo C.F. Veteranos, que tivo a Dioni bastantes minutos no banco de suplentes, e que, agás nos últimos suspiros do partido, apenas puxo en apuros a un Javi González que volveu firmar unha máis que aceptable actuación entre os tres paus. Os problemas físicos de Martín, que tivo que abandonar o encontro xa no tempo engadido a causa da enésima lesión que sufriu o centrocampista de Vilar no que vai de temporada, que se unía ás molestias que arrastraron ao longo de todo o partido Javi González ou Rubén, non impediron que os de A Armenteira se levasen outros tres puntos que serven para reforzar as súas aspiracións na liga. A próxima fin de semana, previsiblemente tamén con moitas ausencias, o Armenteira Veteranos deberá rendir visita ao campo de O Terrón, en Vilanova de Arousa, para medirse á E.F.B. Vilanova-Caleiro, un equipo con futbolista de gran nivel e que lidera con autoridade o grupo desde o comezo da liga. Con corenta e cinco puntos, nove máis que o seu inmediato perseguidor, o Zacande-Terras de Curro, o cadro vilanovés podería proclamarse matematicamente campión de liga se logra a vitoria no partido do próximo sábado.