A parroquia de Armenteira terá un importante protagonismo na II Gala de Meisinas e Meisinos do ano que terá lugar este sábado, 26 de marzo, a partir das 20:30 horas, no Auditorio do Centro Multiusos de O Mosteiro. Na cerimonia recoñecerase o labor dalgunhas persoas naturais ou vencelladas ao municipio de Meis, con especial atención aos méritos acadados durante o ano 2021. Presentada polo coñecido xornalista ponteareán Terio Carrera, que xa conducira a primeira edición, a gala contará coas actuacións da Banda da Vertula, das Cantareiras Madialeva, do Dúo As Lembranzas, do grupo Os Druídas e de Chassé Centro Artístico, todas elas agrupacións musicais pertencentes ao territorio meisino. Serán galardonadas persoas como Dolores Calvo, presidenta da cooperativa Condes de Albarei, Marisol Bueno, cofundadora da Adega Pazo de Señoráns, Antonio Cores, Eva López, as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e os escritores e escritoras J.J.M. Veiga, Alberto Louzán e Seyla María Domínguez. O protagonismo de A Armenteira virá por parte de Antonio Cores, Eva López e Seyla María Domínguez, tres persoas naturais da parroquia, coa cal manteñen un estreito vínculo. Antonio Cores, veciño do lugar de San Amedio, será recoñecido por ceder ao Concello o terreo no que se atopa o centro rupestre de Outeiro do Cribo, do cal é propietario, para que se desenvolva nese lugar un proxecto de recuperación patrimonial. Antonio é unha persoa implicada desde fai anos en colectivos sociais e políticos a nivel parroquial e municipal, implicación que culminou con esta relevante cesión do terreo que alberga un dos principais valores arqueolóxicos da comarca. Xunto a el será tamén premiada Eva López, unha moza natural do lugar de O Busto, actualmente futbolista do Umia C.F. de Barrantes, co que está colleitando notables éxitos nas últimas temporadas. Formada na canteira do Armenteira C.F., Eva continuou a súa carreira no Atlético Arousana de Vilagarcía de Arousa, para recalar no ano 2016 no Umia C.F., clube no que experimentou unha gran progresión ata converterse na pasada temporada nunha das máximas goleadores da categoría na que milita, a Primeira Nacional, feito que contribuíu a que conseguise o premio á mellor xogadora semiprofesional galega que outorga a revista Galicia Sport. Na presente temporada Eva lidera a ránking de goleadoras do grupo. Finalmente, na II Gala de Meisinas e Meisinos de Meis recoñecerase asimesmo a Seyla María Domínguez, unha moza natural do lugar de O Busto, afeccionada á escritura e que escolleu as dependencias do Concello de Meis para presentar a súa obra "Bloody Reborn". Trátase de tres persoas de distintas xeración e con méritos ben diferenciados, pero todos eles loables para ser dignos merecedores e merecedoras dun galardón que non só valora o seu labor senón que pon de manifesto o relevante papel que ten a poboación de A Armenteira en eidos como o deporte, a cultura, o turismo ou a vida social da municipio e da comarca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario