Buscar neste blog

sábado, 12 de marzo de 2022

O Armenteira Veteranos remonta e vence ao Zacande-Terras de Curro no derbi municipal da liga de veteranos

 FICHA TÉCNICA

ARMENTEIRA VETERANOS-ZACANDE-TERRAS DE CURRO - 2 - 1
ARMENTEIRA VETERANOS: Javi González; Jorge Dávila, Carlos Castro, Marcos, Richi; Rubén, José Pérez, Martín, Júnior; Jorge Castro e Galiñanes. Tamén xogaron Marcial, Rafa e Suso.

GOLES: 0-1. Minuto 46. Adrián Sabarís. 1-1. Minuto 70. José Pérez. 2-1. Minuto 87. Jorge Castro. 

ÁRBITRO: Arís Arribas. Mostrou cartón amarelo a Adrián Sabarís e cartón amarelo por partida dobre a David Palacios, ambos os dous por parte do Zacande-Terras de Curro.

INCIDENCIAS: Partido da décimo sexta xornada de liga do grupo A da Terceira Galicia de Veteranos, da zona de Pontevedra, disputado no campo de O Leixo, en A Armenteira, ante uns dez espectadores, nunha tarde fresca e nublada, e sobre un terreo de xogo enlameado por zonas, a causa das intensas choivas caídas ao longo da mañá e durante os días anteriores.

  CRÓNICA

O Armenteira Veteranos conseguiu levarse o partido da segunda volta do derbi municipal da liga de veteranos. Tras caer de forma clara e contundente no enfrontamento da primeira volta, o cadro verde e negro tomouse a revancha e foi quen de superar a un dos rivais de maior potencial do grupo, o Zacande-Terras de Curro, un dos máximos favoritos a optar ao ascenso de categoría. Tremendamente mermado polas ausencias de Óscar Muñiz, Carlos Muñiz, Bebeto, Cacabelos, Manolo, Moncho, Óscar Barreiro e, sobre todo, Sirra, o Armenteira Veteranos soubo facer fronte ás adversidades e remontar un encontro que se lle puxo especialmente complicado ao comezar a segunda metade. Se a pasada fin de semana o conxunto de O Leixo acusou duramente a ausencia de Sirra, un xogador diferencial, e sen lugar a dúbidas un dos mellores gardamallas da categoría, e sucumbiu por catro tantos a cero fronte ao Os Raposos no campo de A Lanzada, neste caso, con Javi González de carcerbeiro de circunstancias, o Armenteira Veteranos demostrou, en base a un exemplo de entrega e sacrificio colectivo, que, incluso nas situacións máis difíciles, é quen de plantar cara ou de vencer a calquera rival cos que comparte liga. Foi nun partido intenso, pero escasamente vistoso, nos que predominou o fútbol directo sobre o fútbol combinativo, e que foi medrando en tensión a medida que se achegaban os minutos finais. O Zacande-Terras de Curro presentábase en O Leixo con notables ausencias, entre elas a de Ricardo Fernández, o que é quizais o seu futbolista referencia, pero con Javier García, máximo artilleiro do grupo con vinteoito dianas. Nos primeiros minutos mantívose o equilibrio. O Armenteira Veteranos, moito máis acostumado á superficie de terra de O Leixo, sentíase cómodo no campo, e trataba de asumir o control do xogo e de pechar ao rival no seu campo. Pola súa contra, o Zacande-Terras de Curro tiña a súa principal de perigo coa velocidade de Marcial Cespón polo costado esquerdo. De feito, o veloz extremo dos de Zacande dispuxo da primeira gran oportunidade do partido ao presentarse, libre de marca, e tras aproveitar un erro no despexe do centro da defensa local, ante Javi González, aínda que, por fortuna para os verdinegros, o atacante visitante non logrou definiu coa precisión desexada. Co paso dos minutos, o Armenteira Veteranos foi cedendo o dominio e, na parte final da primeira metade, o Zacande-Terras de Curro deixouse notar con máis insistencia sobre a meta defendida por Javi González que, nos estertores do primeiro período, tivo que empregarse a fondo e lanzarse ao chan para reprimir un potente lanzamento desde o lado dereito do ataque visitante. O balón quedou morto na área, logrando despexalo a defensa verdinegra ante a sempre inquedante ameaza do ariete Javier Crespo. Tras a reanudación unha internada polo centro da zaga local de Adrián Sabarís, na que puxo a proba a súa velocidade e a súa capacidade para desbordar, e na que definiu con calidade ante Javi González, colocaba por diante ao Zacande-Terras de Curro. Apenas se levaba un minuto de xogo da segunda metade e parecía que a balanza se ía declinar do lado visitante. Ante un rival aparentemente superior, e sen Martín e Rafa, que tiveran que abandonar o campo mancados na primeira metade, sen Galiñanes, que tamén tivou que deixar o partido, e con Júnior con problemas físicos, todo indicaba que a misión de remontar, ou de canto menos empatar, resultaba pouco crible. Pero non se rendiu o Armenteira Veteranos e, apoiado na xerarquía de José Pérez na zona de creación, na forza e no desborde de Jorge Castro na punta de ataque e na calidade no golpeo de balón de Rubén, comezou a ver como as súas opcións no encontro non estaban perdidas. As tímidas aproximacións do primeiro treito da segunda metade non permitiron lograr o tanto do empate, que acabaría chegando no minuto 70, cando José Pérez rematou de cabeza, no centro da área, un envío de Rubén desde o saque de curruncho. Dispuxo a partir de entón o Armenteira Veteranos de máis ocasións para desnivelar o encontro, especialmente unha na que Jorge Castro non puido golpear correctamente o coiro cando estaba só ante o meta visitante, índose o disparo a escasos centímetros do pau dereito dos de Zacande. No minuto 87, cando parecía que o partido ía finalizar cun reparto de puntos, de novo a balón parado, e de novo unha magnífica asistencia de Rubén nun saque de falta desde o costado dereito do ataque verdinegro, era rematada no segundo pau por Jorge Castro, ante a euforia dos locais. Como no primeiro gol, o balón parado e un testarazo, con Rubén como asistente, volveron desarbolar á defensa do Zacande-Veteranos. Apurou os últimos intres o cadro visitante, que forzou unha serie de córners e faltas preto da área dos de A Armenteira, pero, o gran esforzo defensivo dos futbolistas verdinegros e a seguridade de Javi González baixo paus, permitiron que os tres puntos quedasen finalmente en O Leixo. A expulsión  nos últimos minutos de David Palacios por dobre cartón amarelo e unha pequena trifulca verbal ao finalizar o encontro, na que estiveron implicados algúns futbolistas do Zacande-Veteranos e un siareiro local, empañaron levemente un partido entre dous clubes veciños, no que en liñas xerais reinou a deportividade e o xogo limpo. Con esta vitoria, o Armenteira Veteranos colócase na quinta posición, con vintetrés puntos. Na próxima fin de semana, a formación verde e negra deberá rendir visita ao campo Municipal de Campaña, en Valga, para medirse ao Salud S.D. Veteranos, oitavo clasificado, con dezaoito puntos.







Ningún comentario:

Publicar un comentario