FICHA TÉCNICA
O Armenteira Veteranos logrou unha importante vitoria na súa visita ao campo Municipal de Campaña, en Valga. O conxunto verde e negro presentábase moi mermado nun dos escenarios máis complicados da categoria. Ás numerosas baixas por lesión acumuladas ao longo das últimas xornadas uníanse outras por diversos motivos, polo cal o cadro de O Leixo acabou comparendo este sábado con tan só once futbolistas, entre eles algún que leva arrastrando molestias físicas. Foi un encontro equilibrado, principalmente no primeiro período, e no que o equipo visitante acabou impoñendo a súa maior pegada no segundo tempo. Desde os primeiros minutos parecía non ía ser fácil para o Armenteira Veteranos. Con todo, o conxunto verde e negro saiu coa intención de dominar e foi o que dispuxo das primeiras ocasións de certa claridade. Curiosamente ambas as dúas estiveron en pés de Suso, que ben puido poñer en franca vantaxe ao seu equipo se fose quen de materializalas. Nunha delas o balón, que ía en dirección á escadra, acabou impactando co pau esquerdo da meta defendida por Jeremy Blessin. Co paso dos minutos o Salud S.D. Veteranos foise sacudindo do dominio visitante e comezou a deixarse ver polas inmediacións da meta que circunstancialmente volvía defender Javi González. A ausencia de Sirra, de continúa aqueixado dunha lesión no xeonllo, foi suplida con éxito por Javi, ao igual que fixera no partido da xornada anterior ante o Zacande-Terras de Curro. A principal vía de perigo dos de Valga viña polo costado esquerdo, por onde o veloz Juan Agrasar trataba de poñer en apuros á liña defensiva dos de A Armenteira. Pero a falta de acerto no remate dos locais e a seguridade baixo paus de Javi González, impediron que o Salud S.D. Veteranos se adiantase no marcador. Foi posiblemente os momentos máis críticos para un Armenteira Veteranos, nun partido no que non sufriu excesivamente en defensa. Tras a reanudación a situación comezou a variar. Con José Pérez asumindo o mando na zona de creación, con Rubén tratando de percutir polo costado dereito e, sobre todo, coa presenza sempre intimidante de Jorge Castro en ataque, o Armenteira Veteranos tomou o control do encontro. Unha acción individual de Jorge Castro, que el mesmo culminou, significou o cero a un. Coa vantaxe no marcador, a confianza dos visitantes foi en aumento. Ao tempo, o Salud S.D. Veteranos adiantou liña e deixaba máis espazos en defensa, permitindo que os de A Armenteira puidesen montar con maior facilidade as súas sempre perigosas accións de contragolpe. Ante as acometidas dos valgueses o Armenteira Veteranos respondía cun gran traballo e esforzo colectivo. Con gran contundencia, Carlos Castro e Marcos repelían sen remordimentos cada envite local. E foi precisamente noutra acción de contragolpe na que de novo Jorge Castro anotaba para os verdinegros, que nos minutos seguintes puideron incluso aumentar a vantaxe se o propio Jorge Castro ou José Pérez lograsen converter as ocasións das que dispuxeron O cero a dous no marcador semellaba sentenciar o encontro pero, nun despiste do centro da zaga do Armenteira Veteranos, Juan Agrasar rematou de cabeza, obrigando a Javi González a realizar unha gran intervención, pero o coiro quedou morto na área pequena, para Pablo Carbajal acadase o primeiro e único tanto dos de Valga, que empurraron e buscaron con certa insistencia o empate nos últimos minutos, pero non foron quen de lograr o seu obxectivo, ao atoparse coa entrega e o sacrificio defensivo dos futbolistas verdinegros. Con este triunfo, o Armenteira Veteranos colócase na cuarta posición, con vinteséis puntos. De finalizar a liga neste posto, o cadro de O Leixo tería a opción de disputar a fase de ascenso a Segunda Galicia de Veteranos. A próxima fin de semana o equipo de A Armenteira poderá reafirmar estas aspiracións ante o Castrelo C.F. Veteranos, sexto clasificado, con vintetrés puntos, na que será unha nova final para un conxunto verdinegro que non quere perder a oportunidade de acabar a liga nos postos máis altos da táboa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario