Buscar neste blog

martes, 27 de outubro de 2015

A ANPA do CEIP de Armenteira denuncia o estado de abandono ao que está sometido o colexio

A ANPA do CEIP de Armenteira leva denunciando nas últimas semanas o estado de abandono no que se atopa o colexio desta parroquia. Entre as numerosas deficiencias ás que fan mención están que unha parte do aleiro do tellado está rota e son frecuentes as caídas de pedazos de tellas, o que obriga a ter valada unha zona que percorre a parte posterior do centro e evitar así que os nenos e nenas poidan resultar danados; que o falso teito do interior presunta numerosas roturas; que algúns baños están atascados e non poden ser utilizados; que non dispoñen de gasóleo para calefacción ou que precisan material informático, debido a que o roubo de varios aparatos deixounos con graves carencias deste tipo de medios. Asimesmo, denuncian que non poden utilizar con normalidade a local social de A Armenteira, xa que esta instalación pública está a ser utilizada como albergue de peregrinos, co que se restrinxe o seu uso para as reunións dos veciños da parroquia, feito que consideran de enorme gravidade. Por iso apelan a que as administracións competentes tomen cartas no asunto e se poñan mans á obra para solucionar estes problemas. A reunión que os representantes da ANPA tiveron esta semana co alcalde de Meis pareceu resultar infructuosa, polo que aseguran que seguirán coas medidas de presión, e para elo din contar co apoio dos veciños e doutras organizacións representativas da parroquia, que tamén se sinten agraviadas polo trato que se lles está a dar dende o Concello, como son o caso da Comisión de Festas "O Noso" ou o Armenteira Club de Fútbol, que ameazan con levar a cabo mobilizacións conxuntas se non se atenden as súas demandas.



domingo, 25 de outubro de 2015

Cara e cruz para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na quinta xornada de liga

A quintta xornada de liga da temporada 2015/2016 trouxo unha fortuna desigual para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. A cara foi para os equipos alevín e cadete, mentres que a cruz foi para os equipos benxamín e infantil.

O equipo alevín disputaba na xornada do sábado o agardado derbi municipal, fronte ao C.D. Mosteiro. Foi un encontro plácido para os discípulos de Jonathan Crespo, que axiña xe puxeron cunha cómoda vantaxe no marcador, feito que foi aproveitado polo técnico valgués para facer probaturas e dar minutos aos xogador@s que menos participaron no que levamos de temporada. O resultado final foi dez goles a cero, con tantos de Manu Meixús e Zubo, ambos por partida triple, e de Xoán, Junior, Íñigo e Hugo. Para Junior e Hugo era un partido especial, xa que nas anteriores temporadas vestiron a elástica do outro conxunto con equipos de categorías base do concello de Meis. Con este triunfo o cadro verdinegro sitúase no sexto posto da clasificación, posto que esperan mellorar na visita que na vindeira fin de semana realizarán ao campo dun duro rival, o Xuventú Sanxenxo, que se atopa tamén na pugna por ocupar os postos altos da táboa.

Pola súa parte, o cadro benxamín recibía ao Vilalonga F.C. Os rapaces e rapazas que comanda Valentín Estévez seguen mostrando unha lixeira progresión en aspectos tácticos e técnicos, que o verdadeiro obxectivo co que partiu este grupo, aínda que a nivel de resultados a fortuna non está a acompañalos e o encontro acabou cunha abultada derrota por cero goles a vinte. Na xornada da próxima fin de semana os nen@s da formación verdinegra visitarán a localidade veciña de Dena para medirse ao Unión Dena.

O conxunto cadete desprazouse nesta xornada ao campo de As Cachizas, onde o recibía o Unión Dena. Os xogadores que dirixe Marcial Prado parece que comezan a cumprir coas expectativas e venceron con comodidade ao seu contricante por un gol a seis. Alberto e Villa, ambos en dúas ocasións, e Mathias e o meañés Roberto foron os autores dos tantos. Na vindeira semana terán unha dura proba, xa que reciben a visita do C.D. Ribadumia, un equipo que ocupa o terceiro posto na táboa e que, a priori, parece ser un dos favoritos a loitar polo ascenso.

Finalmente, o equipo infantil visitaba nesta xornada o campo de As Lampáns, en San Vicente de O Grove, para medirse á S.D. Amanecer. O cadro que dirixe Martín Casais segue a dar mostras da súa progresión a progresión táctica. Nesta ocasión caíron derrotados por catro goles a un, nun encontro no que o adestrador visitante volveu a dispoñer unha defensa de cinco xogadores, con Santi baixo os paus, e no que os rapaces do conxunto verdinegro chegaron con perigo á área rival en varias ocasións. O gol foi obra de Diego, despois dunha xogada na que foi obxecto de penalti por parte dun xogador rival. Na xornada da próxima fin de semana o equipo infantil recibirá a visita da S.D. Noalla no seu feudo do campo de O Pombal, e agardan poder ter a oportunidade de estrear o seu casilleiro de puntos.




sábado, 24 de outubro de 2015

Derrota pola mínima do Armenteira Veteranos ante o Cobres-Carpintería Boubeta

O Armenteira C.F. sufriu na tarde deste sábado, no campo de O Cabalo, en Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), unha derrota por un gol a cero. Foi unha derrota que resultou especialmente dolorosa para a formación que capitanea José Luis Galiñanes, xa que o conxunto verdinegro realizou un bo partido, e o gol local produciuse a dez minutos para o final, despois dunha controvertida decisión arbitral. O Armenteira Veteranos, que contaba con algunha baixa significativa, deu unha boa imaxe neste encontro, ante un rival que demostrou ter un bo dominio do balón, pero no que os visitantes se mostraron ben plantados no campo e dispuxeron de ocasións para poder traer algún resultado positivo da súa visita a terras de O Morrazo. Na próxima xornada agardan recuperar o terreo perdido coas derrotas das dúas últimas xornadas cun triunfo ante o cadro marinense do Santomé.


Os equipos alevín e benxamín do Armenteira C.F. rinden homenaxe a Xaquín Charlín "Chon"


Os equipos alevín e benxamín do Armenteira C.F. tamén quixeron sumarse, antes dos seus partidos da mañá do sábado, á onda de homenaxes que está recibindo Xaquín Charlín "Chon". "Chon", que faleceu esta semana despois dunha grave enfermidade, foi unhas das figuras públicas máis coñecidas na vila de Cambados e na comarca de O Salnés. Funcionario xudicial, moi implicado nas actividades culturais da vila do albariño, especialmente grazas á súa labor á fronte da comparsa Unha Grande Chea, desenvolveu ademais unha importante labor como sindicalista na CIGA e tamén viviu un breve período como concelleiro do BNG no concello de Cambados, posto do que tivo que dimitir tras unha publicación relacionada coa vicepresidenta do Goberno Soraya Saénz de Santamaría. Foi un home que estivo moi vinculado ao deporte, participando nas tarefas directivas de clubes como o C. Xuventude Cambados, o Xuven de Baloncesto ou o Clube Atletismo Cambados. Pero a súa relación co Armenteira C.F. viña da estreita amizade que mantiña con Valentín Estévez, técnico do conxunto benxamín da entidade verdinegra, e do apoio que sempre prestou ás demandas de mellora das instalacións deportivas para o Armenteira C.F., ás que axudou a dar repercusión coas publicacións do seu blog A ti meu Cambados. A esta homenaxe uniuse o equipo benxamín do Vilalonga F.C., co seu adestrador á fronte, o tamén cambadés e veciño de Triana, coma "Chon", Johan González.


venres, 23 de outubro de 2015

O Cobres-Carpintería Boubeta, próxima proba para o Armenteira Veteranos

O Armenteira Veteranos visita nesta fin de semana as terras do concello de Vilaboa, onde a partires das 18 horas se medirá, no campo de O Cabalo, en Santa Cristina de Cobres, ao Cobres-Carpintería Boubeta. Ambas escadras contan con dez puntos no casilleiro, aínda que a diferenza de goles fai que os de O Morrazo ocupen a décima posición, fronte á undécima dos meisinos. Os xogadores verdinegros acuden a este encontro con gañas de sacarse o mal sabor de boca da derrota da fin de semana pasada ante o Castrelo C.F.


Partidos de rivalidade para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Esta fin de semana vai deparar partidos intensos e de gran rivalidade, en algún dos casos, para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Por enriba de todos, o encontro que se presume máis intenso, é o que enfronta ao conxunto alevín co C.D. Mosteiro o sábado a partires das 11 horas. A formación que dirixe Jonathan Crespo, que conta coa sensible baixa de Migui, ocupa o séptimo posto na clasificación, con seis puntos, e recibe a un equipo veciño que se atopa na undécima posición cun único punto. O derby do municipio de Meis será un partido especial para algún dos membros do plantel verdinegro, que nos últimos anos vestiron a elástica do que mañá será o seu rival. Unha das principais preocupacións do corpo técnico do Armenteira C.F. é o estado do terreo de xogo do campo de fútbol de O Leixo, xa que a previsión de chuvias fai prever que as condicións para a práctica do fútbol non sexan nada favorables.

A continuación, no mesmo escenario, e tamén coa arbitraxe de Martínez Castro, enfrontarase o equipo benxamín e o Vilalonga F.C a partires das 12 horas. O bo traballo que está realizando con este grupo de rapaces o corpo técnico que dirixe Valentín Estévez parece que comeza a verse no terreo de xogo, aínda que para esta ocasión o míster cambadés tampouco poderá contar con todos os seus efectivos, posto que á segura baixa de Andrés na zaga parece que vai sumárselle algunha outra. A pesares do claro favoritismo do conxunto vilalongués,que ocupa o duodécimo posto na táboa, os rapaces e rapazas do equipo verdinegro están dispostos a pelexar pola vitoria.

Tamén na xornada matinal do sábado será a quenda do equipo cadete. O bloque ao mando de Marcial Prado disputará no campo de As Cachizas, na localidade veciña de Dena, o seu encontro ante o Unión Dena C,F. a partires das 12 horas.  Dase a curiosidade de que ambos conxuntos comparten a undécima posición empatados a puntos e coa golaveraxe igualada. O equipo verdinegro está realizando un inicio de temporada decepcionante tendo en conta o potencial co que conta, pero agardan poder remontar a situación e respostar ás expectativas que a Xunta Directiva e a afección ten postas neles.

Na xornada do domingo, o conxunto infantil, desprazarase a San Vicente de O Grove, onde, a partires das 11:30 horas vai medirse á S.D. Amanecer. A escadra que dirixe Martín Casais, que a medida que avanza a temporada vai mostrando mellores sensacións, agarda seguir coa súa progresión e intentará sacar un resultado positivo da súa visita a terras mecas.

Nesta xornada, os distintos equipos do Armenteira C.F. rendirán unha sentida homenaxe a Xaquín "Chon" Charlín, o sindicalista e activista social e cultural cambadés falecido esta semana, amigo persoal do técnico Valentín Estévez, sempre mostrou o seu apoio ás demandas de mellora das instalacións deportivas do clube verdinegro. Dende o seu blog A ti meu Cambados fixo chegar estas reivindicacións aos seus numerosos seguidores, polo que dende a familia do Armenteira C.F. queren agradecerlle todo o seu esforzo,


domingo, 18 de outubro de 2015

Dúas derrotas, balance da xornada da fin de semana para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

A xornada desta fin de semana non trouxo demasiada fortuna en canto a resultados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. A pesares de que só dous dos seus equipos disputaban os seus encontros, ningún deles conseguiu sumar puntos no seu casilleiro.

O primeiro en disputar o seu encontro foi conxunto alevín, que se desprazou ata Vilanova de Arousa para xogar contra o E.F.B. Vilanova. Tras un mal comezo, no que os vilanoveses se situaron cunha vantaxe de dous goles, o equipo de Jonathan Crespo conseguiu reaccionar na segunda metade e logrou igualar o marcador a tres goles, cos tantos acadados por Zubo, en dúas ocasións, e Adri, e incluso dispuxeron de oportunidades para sentenciar o partido. Pero, un gol nun golpe franco a falta dun minuto para o final, decantou a balanza do lado do cadro local e supuxo unha cruel derrota para os rapaces do conxunto verdinegro. Na vindeira xornada o equipo alevín do Armenteira C.F. agarda resarcirse das derrotas das dúas últimas xornada no derbi do municipio de Meis fronte ao C.D. Mosteiro.

O equipo infantil tiña unha dura proba ante o Atlético Cuntis, unha das escadras máis potentes do grupo e que aspira a lograr o ascenso. O adestrador local, Martín Casais, plantexou un partido cun cambio de esquema, no que primaba a seguridade defensiva, dispoñendo unha liña de cinco defensas que, xunto co debut de Santi na portaría e de Mori como xogador de campo, se sumaban á lista de novidades que o Armenteira C.F. infantil presentaba no campo do O Pombal. Estes cambios fixeron que o equipo verdinegro dese unha imaxe de maior aplomo no campo e seguridade defensiva, pero, a falta de contundencia no corte e a descoordinación nas tarefas de contención, condenadon aos rapaces do conxunto local a unha clara derrota por cero goles a quince. Na vindeira xornada, os pupilos de Martín Casais teñen que visitar o campo de As Lampáns, para enfrontarse á S.D. Amanecer, e teñen a esperanza de que as boas sensacións deste último encontro se consoliden, aínda que dende o corpo técnico e o grupo de xogadores son conscientes de que os seus avances non deben ser medidos principalmente en resultados.