Buscar neste blog

venres, 23 de outubro de 2015

Partidos de rivalidade para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Esta fin de semana vai deparar partidos intensos e de gran rivalidade, en algún dos casos, para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Por enriba de todos, o encontro que se presume máis intenso, é o que enfronta ao conxunto alevín co C.D. Mosteiro o sábado a partires das 11 horas. A formación que dirixe Jonathan Crespo, que conta coa sensible baixa de Migui, ocupa o séptimo posto na clasificación, con seis puntos, e recibe a un equipo veciño que se atopa na undécima posición cun único punto. O derby do municipio de Meis será un partido especial para algún dos membros do plantel verdinegro, que nos últimos anos vestiron a elástica do que mañá será o seu rival. Unha das principais preocupacións do corpo técnico do Armenteira C.F. é o estado do terreo de xogo do campo de fútbol de O Leixo, xa que a previsión de chuvias fai prever que as condicións para a práctica do fútbol non sexan nada favorables.

A continuación, no mesmo escenario, e tamén coa arbitraxe de Martínez Castro, enfrontarase o equipo benxamín e o Vilalonga F.C a partires das 12 horas. O bo traballo que está realizando con este grupo de rapaces o corpo técnico que dirixe Valentín Estévez parece que comeza a verse no terreo de xogo, aínda que para esta ocasión o míster cambadés tampouco poderá contar con todos os seus efectivos, posto que á segura baixa de Andrés na zaga parece que vai sumárselle algunha outra. A pesares do claro favoritismo do conxunto vilalongués,que ocupa o duodécimo posto na táboa, os rapaces e rapazas do equipo verdinegro están dispostos a pelexar pola vitoria.

Tamén na xornada matinal do sábado será a quenda do equipo cadete. O bloque ao mando de Marcial Prado disputará no campo de As Cachizas, na localidade veciña de Dena, o seu encontro ante o Unión Dena C,F. a partires das 12 horas.  Dase a curiosidade de que ambos conxuntos comparten a undécima posición empatados a puntos e coa golaveraxe igualada. O equipo verdinegro está realizando un inicio de temporada decepcionante tendo en conta o potencial co que conta, pero agardan poder remontar a situación e respostar ás expectativas que a Xunta Directiva e a afección ten postas neles.

Na xornada do domingo, o conxunto infantil, desprazarase a San Vicente de O Grove, onde, a partires das 11:30 horas vai medirse á S.D. Amanecer. A escadra que dirixe Martín Casais, que a medida que avanza a temporada vai mostrando mellores sensacións, agarda seguir coa súa progresión e intentará sacar un resultado positivo da súa visita a terras mecas.

Nesta xornada, os distintos equipos do Armenteira C.F. rendirán unha sentida homenaxe a Xaquín "Chon" Charlín, o sindicalista e activista social e cultural cambadés falecido esta semana, amigo persoal do técnico Valentín Estévez, sempre mostrou o seu apoio ás demandas de mellora das instalacións deportivas do clube verdinegro. Dende o seu blog A ti meu Cambados fixo chegar estas reivindicacións aos seus numerosos seguidores, polo que dende a familia do Armenteira C.F. queren agradecerlle todo o seu esforzo,


Ningún comentario:

Publicar un comentario