Buscar neste blog

venres, 27 de novembro de 2015

Dous partidos como locais e dous como visitantes agardan aos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan nesta fin de semana partidos nos que xogarán coma locais, caso do equipo cadete e do equipo infantil, ou coma visitantes, coma no caso do equipo benxamín e do equipo alevín.

O equipo benxamín visita o campo de O Terrón, en Vilanova de Arousa, para medirse o sábado a partires das 10:30 horas á E.F.B. Vilanova. A formación que dirixe Valentín Estévez acude moi mermada a terras arousanas, aínda que irán coa ilusión de competir ante un rival que ocupa a décimosegunda plaza na clasificación con doce puntos.

O equipo cadete recibe o sábado a partires das 11:30 horas ao E.D. Arousa S.D. B. O cadro vilagarciano ocupa a sexta posición, con doce puntos, cinco máis que os pupilos de Marcial Prado que, nesta ocasión non poderá sentarse no banquillo local por motivos profesionais. Os problemas físicos dalgún dos xogadores verdinegros son a principal preocupación do equipo cadete, que agarda sumar unha nova vitoria despois do triunfo da pasada fin de semana no amigable ante o A.D. Arousa F-7.

O equipo alevín visita o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, onde debe enfrontarse o sábado a partires das 12 horas ao A.D. Arousa F-7, un conxunto que se atopa no derradeiro lugar da clasificación,con cero puntos, pero que nas últimas xornadas está dando síntomas de recuperación, polo que seguramente vai plantexar dificultades ao cadro que dirixe Jonathan Crespo, que nesta ocasión tampouco poderá contar con todos os seus efectivos. A derrota do C. Xuventú Sanxenxo ante o C. Xuventude Cambados no partido adiantado á xornada do venres ofrece a posibilidade aos verdinegros de igualar aos de Baltar de Arriba no caso de acadar a vitoria en terras vilagarcianas.

Finalmente, o equipo infantil recibe o domingo a partires das 11:30 horas ao Portonovo S.D. B. Será, como ven sendo habitual esta temporada neste equipo no campo de O Pombal, en Cambados, un escenario que decidiu acoller ao Armenteira C.F. infantil e no que cada vez se está a sentir máis a gusto. A esixencia do rival, que se atopa na novena posición da táboa con doce puntos, non aplaca os ánimos dos rapaces que adestra Martín Casais, que comezan a dar notables mostras de mellora, como se demostrou a semana pasada en A Illa de Arousa ante o Céltiga F.C., ao que chegaron a plantar cara e ante o que conseguiron chegar ao descanso co resultado igualado a cero goles.

domingo, 22 de novembro de 2015

O equipo cadete, único conxunto do fútbol base do Armenteira C.F. que saiu vitorioso nesta fin de semana

O equipo cadete foi o único dos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. que logrou a vitoria  nos encontros disputados nesta fin de semana, nunha xornada intensa en canto a encontros se refire.

O equipo alevín tiña un duro compromiso ante o Atlético Cuntis, un conxunto que tamén se atopa na parte alta da táboa, ante o que finalmente caiu superado por un gol a dous. Os xogador@s que dirixe Jonathan Crespo volveron a saíron faltos de intensidade, e, aos catro minutos de partido, os visitantes xa se impoñían por cero goles a dous. A superioridade física do rival foi un duro obstáculo que os verdinegros non puideron esquivar, e a reacción que tiveron na segunda metade, na que Manu Meixús conseguiu colocar dentro das mallas un balón que recibiu na área, non foi suficiente para sacar un resultado positivo. Na vindeira xornada o conxunto alevín visitará o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, onde se medirá ao A.D. Arousa Fútbol-7, último clasificado do grupo con cero puntos.

O equipo benxamín tampouco acadou un resultado positivo nesta ocasión, na que foi derrotado polo C.D. Portas por cero goles a dezaséis. Os rapaces que adestra Valentín Estévez volveron a mostrar o seu carácter batallador, pero as limitacións tácticas e a falta de experiencia do plantel, provocaron unha nova derrota. A próxima xornada deberán desprazarse ao campo de O Terrón para medirse á E,F,B, Vilanova, un equipo que ocupa duodécima posición con doce puntos.

Outro conxunto que tampouco conseguiu puntuar foi o equipo infantil. O cadro que dirixe Martín Casais fixo un encontro aceptable, posiblemente o mellor no que levamos de temporada, no partido que disputo no campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, ante o Céltiga F.C. A orde táctica e a seriedade defensiva que amosou o equipo fixeron que chegasen ao descanso co resultado de cero a cero. Pero, na segunda metade, os fallos de concentración, a relaxación da orde táctica e os problemas físicos de varios xogadores provocaron que o rival acabase impoñendo a súa maior pegada. Na próxima xornada o conxunto verdinegro debe recibir no campo de O Pombal ao Portonovo S.D. B, un cadro que se atopa na novena plaza con doce puntos.

Finalmente, o equipo cadete, ao que a retirada da competición do conxunto cadete do C.D. Mosteiro obrigou a descansar nesta fin de semana, aproveitou para disputar un encontro amigable para seguir afinando a forma. Foi ante o cadro vilagarciano do A.D. Arousa Fútbol-7, co cal comparte grupo, e o técnico verdinegro, Marcial Prado, puido facer as probas que un partido destas características permite. O resultado final foi de dous goles a un favor do Armenteira C.F., con tantos de Alberto e Mathias. O próximo fin de semana recibirán no campo de O Leixo ao E.D. Arousa S,D. B, un equipo que se atopa no sexto posto con doce puntos, cinco maís que os xogadores verdinegros.












sábado, 21 de novembro de 2015

Triunfo contundente do Armenteira Veteranos ante o Samieira

O Armenteira Veteranos logrou unha clara vitoria no partido disputado na tarde deste sábado no campo de O Leixo. O conxunto verdinegro, que nesta ocasión vestiu de celeste, debido á súa condición de visitante nesta xornada, logrou impoñerse por catro goles a cero ao Samieira C.F. Veteranos. Pero non se tratou dun partido fácil para o grupo que capitanea José Luís Galiñanes, xa que non estiveron atinados no dominio do balón e permitiron que o rival tivese o control do centro do campo durante bastantes fases do primeiro período. O gol de chilena de Manueliño nos últimos intres do primeiro tempo, e os de Rafa, Alfonso e Jorge Castro no segundo período significaron a segunda vitoria consecutiva para o conxunto meisino, que se afianza na zona cómoda da táboa, á espera de recibir na próxima xornada ao ata este momento líder, o Terras do Umia.

venres, 20 de novembro de 2015

Novo partido de rivalidade para o Armenteira Veteranos na xornada desta fin de semana

O Armenteira Veteranos ten na xornada desta fin de semana, a duodécima no que vai de liga, a un novo conxunto veciño, o Samieira C.F. Veteranos. Para evitar a coincidiencia co gran clásico do fútbol español, o Real Madrid - F.C. Barcelona, ambos conxuntos víronse obrigados a trasladar o horario do encontro ata as 16 horas e o escenario, que será no campo de O Leixo, e non en A Reiboa, onde disputa habitualmente os seus partidos o cadro do concello de Poio. Este feito pode supoñer unha vantaxe para o equipo verdinegro, máis adaptado ás irregularidades do terreo de xogo do campo, pero os xogadores que capitanea José Luís Galiñanes queren fuxir de favoritismos ante un rival que ocupa a penúltima plaza na clasificación con dous puntos, pero que non porá as cousas fáciles aos locais.


Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan unha intensa xornada de fin de semana

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen nesta fin de semana unha xornada intensa, na que os equipos alevín, benxamín e infantil disputarán os seus correspondentes partidos de liga, mentres que o equipo cadete terá un partido amigable para seguir completando a súa rodaxe.

O equipo alevín recibirá a partires das 11 horas do sábado ao Atlético Cuntis no campo de O Leixo. O conxunto que dirixe Jonathan Crespo, que contará de novo con baixas significativas, recibe a un rival que se atopa na terceira posición da táboa con só un punto máis ca os verdinegros, polo que, de superalos, aseguraranse finalizar a xornada como mínimo no cuarto posto.

O equipo benxamín recibe a continuación, tamén no campo de O Leixo, a partires das 12 horas ao C.D. Portas. O conxunto das terras do Umia ocupa o décimo posto na clasificación, con doce puntos, polo que se supón que será un difícil obstáculo a superar para a escadra dirixida por Valentín Estévez, a cal comeza a dar pequenos pasos no proyecto de formación co que partiu esta temporada.

O equipo infantil visita na mañá do domingo o campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, onde a partires das 11 horas debe medirse ao Céltiga F.C. Os rapaces do cadro verdinegro, con Martín Casais á fronte, parten coma vítimas ante un rival que ocupa a décima posición na táboa con nove puntos. pero, os síntomas de mellora que están a mostrar nas últimas xornadas parecen dar esperanzas de deixar unha boa imaxe nas terras da Arousa.

Finalmente, o equipo cadete, que esta fin de semana debe descansar de novo a causa da retirada do rival ao que debía enfrontarse nesta xornada, o C.D. Mosteiro, disputará na mañá do domingo, a partires das 11:30 horas, un partido amigable ante o cadro vilagarciano do A.D. Arousa F-7, un conxunto que forma parte do seu mesmo grupo de liga e que tampouco ten competición nesta fin de semana. Os rapaces que adestra Marcial Prado, queren seguir coa rodaxe que lle impediu levar a cabo a accidentada pretemporada que sufriron e tratarán de sacar un resultado positivo despois da dolorosa derrota sufrida ante a S.D. Chispa na última xornada que disputaron, nun partido no que o técnico local aproveitará para realizar as probas propias dun partido amigable.


domingo, 15 de novembro de 2015

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. conclúen a oitava xornada con tres derrotas

A oitava xornada de liga non deparou uns resultados demasiado afortunados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. Infantís, alevíns e benxamín saíron derrotados dos seus respectivos encontros.

O equipo benxamín sufriu unha nova derrota na súa visita ao campo de As Lombas, onde caiu derrotado por oito goles a un polo Catoira S.D. O conxunto que comandan Valentín Estévez e José Ramón Dacosta segue dando pequenos pasos no seu proxecto de formación, que pouco a pouco se van plasmando nos terreos de xogo. Como nota positiva destaca o primeiro gol que anotaron esta temporada, que foi obra de Brais Santamaría. Na vindeira xornada recibirán a visita do C.D, Portas, un rival que se atopa na décima posición da táboa con doce puntos.

O equipo alevín tiña unha dura proba no campo Manuel Jiménez, en Vilagarcía de Arousa, Alí medíase ao Arousa S.C. O cadro que dirixe Jonathan Crespo saiu a competir sen a intensidade suficiente ante un rival que moveu o balón con máis criterio e mostrou maior fluidez no xogo. O gol de Fran nos minutos finais da primeira parte e o de Mosteiro na segunda metade engadiron emoción a un encontro no que, a ocasión desperdiciada por Zubo cando o resultado reflectía un tres a dous para os locais, fixo  que os verdinegros perdesen a oportunidade de sacar un resultado positivo da súa visita a terras vilagarcianas e acabasen sendo vencidos por catro goles a dous. Na próxima xornada reciben ao Atlético Cuntis, un equipo que ocupa o terceiro posto na clasificación con só un punto máis que o Armenteira C.F.

O cadro infantil recibía na mañá do domingo ao C. Xuventú Sanxenxo. Os rapaces que dirixe Martín Casais fixeron un partido aceptable, pero de novo os falta de contundencia en defensa e a relaxación nas marcaxes fixeron que o rival impuxese a súa maior pegada en ataque e acabase derrotando aos locais por cero goles a dez. O debut de Diego Núñez na portería, realizando algunha parada de mérito, supuxo unha das notas significativas do encontro. Para a vindeira fin de semana o conxunto infantil debe desprazarse ata A Illa de Arousa para enfrontarse ao Céltiga F.C., un equipo que ocupa a décima posición con nove puntos.


sábado, 14 de novembro de 2015

Merecida vitoria do Armenteira Veteranos ante o Dorrón C.F.

O Armenteira Veteranos logrou na tarde deste sábado unha vitoria merecida ante o equipo veciño do Dorrón Veteranos. Nun campo de O Leixo cun ambiente favorable para a práctica do fútbol debido á agradable climatoloxía e a boa entrada que presentaba, o conxunto local saiu moi motivado dende o inicio do encontro, mostrando gran intensidade en cada unha das accións e levando as rendas durante a maior parte do tempo. Os goles de Galiñanes na primeira metade e de Alfonso dende unha distancia superior a vinte metros na segunda, supuxeron unha bagaxe suficiente para afrontar con relativa tranquilidade a parte final do partido. A expulsión de Javi por dobre amarela a cinco minutos da finalización non inquietou aos verdinegros que, con este triunfo, se consolidan na zona media da táboa. A vindeira fin de semana visitan o campo de A Reiboa, en Poio, para medirse a outro equipo veciño, o Samieira C.F. Veteranos.