Buscar neste blog

venres, 20 de novembro de 2015

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan unha intensa xornada de fin de semana

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen nesta fin de semana unha xornada intensa, na que os equipos alevín, benxamín e infantil disputarán os seus correspondentes partidos de liga, mentres que o equipo cadete terá un partido amigable para seguir completando a súa rodaxe.

O equipo alevín recibirá a partires das 11 horas do sábado ao Atlético Cuntis no campo de O Leixo. O conxunto que dirixe Jonathan Crespo, que contará de novo con baixas significativas, recibe a un rival que se atopa na terceira posición da táboa con só un punto máis ca os verdinegros, polo que, de superalos, aseguraranse finalizar a xornada como mínimo no cuarto posto.

O equipo benxamín recibe a continuación, tamén no campo de O Leixo, a partires das 12 horas ao C.D. Portas. O conxunto das terras do Umia ocupa o décimo posto na clasificación, con doce puntos, polo que se supón que será un difícil obstáculo a superar para a escadra dirixida por Valentín Estévez, a cal comeza a dar pequenos pasos no proyecto de formación co que partiu esta temporada.

O equipo infantil visita na mañá do domingo o campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, onde a partires das 11 horas debe medirse ao Céltiga F.C. Os rapaces do cadro verdinegro, con Martín Casais á fronte, parten coma vítimas ante un rival que ocupa a décima posición na táboa con nove puntos. pero, os síntomas de mellora que están a mostrar nas últimas xornadas parecen dar esperanzas de deixar unha boa imaxe nas terras da Arousa.

Finalmente, o equipo cadete, que esta fin de semana debe descansar de novo a causa da retirada do rival ao que debía enfrontarse nesta xornada, o C.D. Mosteiro, disputará na mañá do domingo, a partires das 11:30 horas, un partido amigable ante o cadro vilagarciano do A.D. Arousa F-7, un conxunto que forma parte do seu mesmo grupo de liga e que tampouco ten competición nesta fin de semana. Os rapaces que adestra Marcial Prado, queren seguir coa rodaxe que lle impediu levar a cabo a accidentada pretemporada que sufriron e tratarán de sacar un resultado positivo despois da dolorosa derrota sufrida ante a S.D. Chispa na última xornada que disputaron, nun partido no que o técnico local aproveitará para realizar as probas propias dun partido amigable.


Ningún comentario:

Publicar un comentario