Buscar neste blog

domingo, 15 de novembro de 2015

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. conclúen a oitava xornada con tres derrotas

A oitava xornada de liga non deparou uns resultados demasiado afortunados para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. Infantís, alevíns e benxamín saíron derrotados dos seus respectivos encontros.

O equipo benxamín sufriu unha nova derrota na súa visita ao campo de As Lombas, onde caiu derrotado por oito goles a un polo Catoira S.D. O conxunto que comandan Valentín Estévez e José Ramón Dacosta segue dando pequenos pasos no seu proxecto de formación, que pouco a pouco se van plasmando nos terreos de xogo. Como nota positiva destaca o primeiro gol que anotaron esta temporada, que foi obra de Brais Santamaría. Na vindeira xornada recibirán a visita do C.D, Portas, un rival que se atopa na décima posición da táboa con doce puntos.

O equipo alevín tiña unha dura proba no campo Manuel Jiménez, en Vilagarcía de Arousa, Alí medíase ao Arousa S.C. O cadro que dirixe Jonathan Crespo saiu a competir sen a intensidade suficiente ante un rival que moveu o balón con máis criterio e mostrou maior fluidez no xogo. O gol de Fran nos minutos finais da primeira parte e o de Mosteiro na segunda metade engadiron emoción a un encontro no que, a ocasión desperdiciada por Zubo cando o resultado reflectía un tres a dous para os locais, fixo  que os verdinegros perdesen a oportunidade de sacar un resultado positivo da súa visita a terras vilagarcianas e acabasen sendo vencidos por catro goles a dous. Na próxima xornada reciben ao Atlético Cuntis, un equipo que ocupa o terceiro posto na clasificación con só un punto máis que o Armenteira C.F.

O cadro infantil recibía na mañá do domingo ao C. Xuventú Sanxenxo. Os rapaces que dirixe Martín Casais fixeron un partido aceptable, pero de novo os falta de contundencia en defensa e a relaxación nas marcaxes fixeron que o rival impuxese a súa maior pegada en ataque e acabase derrotando aos locais por cero goles a dez. O debut de Diego Núñez na portería, realizando algunha parada de mérito, supuxo unha das notas significativas do encontro. Para a vindeira fin de semana o conxunto infantil debe desprazarse ata A Illa de Arousa para enfrontarse ao Céltiga F.C., un equipo que ocupa a décima posición con nove puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario