Buscar neste blog

venres, 27 de novembro de 2015

Dous partidos como locais e dous como visitantes agardan aos equipos de fútbol base do Armenteira C.F. nesta fin de semana

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. afrontan nesta fin de semana partidos nos que xogarán coma locais, caso do equipo cadete e do equipo infantil, ou coma visitantes, coma no caso do equipo benxamín e do equipo alevín.

O equipo benxamín visita o campo de O Terrón, en Vilanova de Arousa, para medirse o sábado a partires das 10:30 horas á E.F.B. Vilanova. A formación que dirixe Valentín Estévez acude moi mermada a terras arousanas, aínda que irán coa ilusión de competir ante un rival que ocupa a décimosegunda plaza na clasificación con doce puntos.

O equipo cadete recibe o sábado a partires das 11:30 horas ao E.D. Arousa S.D. B. O cadro vilagarciano ocupa a sexta posición, con doce puntos, cinco máis que os pupilos de Marcial Prado que, nesta ocasión non poderá sentarse no banquillo local por motivos profesionais. Os problemas físicos dalgún dos xogadores verdinegros son a principal preocupación do equipo cadete, que agarda sumar unha nova vitoria despois do triunfo da pasada fin de semana no amigable ante o A.D. Arousa F-7.

O equipo alevín visita o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, onde debe enfrontarse o sábado a partires das 12 horas ao A.D. Arousa F-7, un conxunto que se atopa no derradeiro lugar da clasificación,con cero puntos, pero que nas últimas xornadas está dando síntomas de recuperación, polo que seguramente vai plantexar dificultades ao cadro que dirixe Jonathan Crespo, que nesta ocasión tampouco poderá contar con todos os seus efectivos. A derrota do C. Xuventú Sanxenxo ante o C. Xuventude Cambados no partido adiantado á xornada do venres ofrece a posibilidade aos verdinegros de igualar aos de Baltar de Arriba no caso de acadar a vitoria en terras vilagarcianas.

Finalmente, o equipo infantil recibe o domingo a partires das 11:30 horas ao Portonovo S.D. B. Será, como ven sendo habitual esta temporada neste equipo no campo de O Pombal, en Cambados, un escenario que decidiu acoller ao Armenteira C.F. infantil e no que cada vez se está a sentir máis a gusto. A esixencia do rival, que se atopa na novena posición da táboa con doce puntos, non aplaca os ánimos dos rapaces que adestra Martín Casais, que comezan a dar notables mostras de mellora, como se demostrou a semana pasada en A Illa de Arousa ante o Céltiga F.C., ao que chegaron a plantar cara e ante o que conseguiron chegar ao descanso co resultado igualado a cero goles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario