Fai hoxe un ano un suceso conmocionaba á parroquia de A Armenteira. Aquel 28 de novembro de 2016, na estrada que conduce á Valboa un tráxico accidente de tráfico levábase por diante a vida de Javier Martínez Ucha, ao moitos coñecían como "Chicho". De nada serviu a mobilización das asistencias sanitarias. Incluso un helicóptero se desprazou ata o lugar do accidente. "Chicho" deixaba de vivir a escasos metros do súa casa. A consternación axiña se estendeu pola parroquia e polos arredores. Tratábase dunha persoa moi coñecida, de carácter aberto e afable, con gran capacidade para facer amigos e moi querido e aprezado por todas aquelas persoas que tiveron a sorte de compartir momentos con el. Ademais sempre tivo unha gran implicación na vida social de A Armenteira. O Armenteira Club de Fútbol, a Comisión de Festas "O Noso", a Comunidade de Montes Chan da Fonte ou o Armenteira Veteranos foron algúns dos colectivos polos que pasou e nos que deixou unha pegada que sen dúbida será imborrable. Na memoria de todos os que estiveron estará o día do seu enterro, un dos máis multitudinarios que se lembran na parroquia. Un silenzo sepulcral e unha inmensa pena invadiron o ambiente nun dos días máis tristes que se lembran en A Armenteira. Era a mostra do profundo respecto que a xente tiña por "Chicho". Un ano despois, a súa imaxe, a súa lembranza permanece na memoria dos veciños e veciñas e todos aqueles que o coñecían. Diversos actos de homenaxe se teñen realizado dende entón. O Armenteira Veteranos foi quizais a entidade máis activa neste sentido, dando sempre un papel protagonista á familia, á que aínda custa asimilar tan terrible perda. Pero a mellor homenaxe, a máis importante que lle pode rendir, é lembranza que, día tras día, e especialmente nunha data tan sinalada, teñen aquelas persoas, amigas ou coñecidas, para as que este ano non foi realmente un ano sen "Chicho", como tampouco o será ningún dos que virán, porque para esas persoas, para todos nós, "Chicho" xamais deixará de existir.
Buscar neste blog
martes, 28 de novembro de 2017
domingo, 26 de novembro de 2017
Importante vitoria do Armenteira C.F. feminino en Berdón
O equipo feminino do Armenteira C.F. venceu por un gol a dous no partido disputado na tarde deste domingo ante a A.D. Arousa F-7 no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante o Atlético Arousana "B". Foi nun encontro no que as rapazas que nesta ocasión dirixiu Junior Tirado souberon facer fronte a un tanto inicial das vilagarcianas ata dar a volta ao marcador, facendo xustiza ao demostrado sobre as instalacións deportivas de Trabanca Badiña. O conxunto verdinegro presentou un once inicial con Ángeles en portería, Laura, Alessandra, Naomi e Lara en defensa, Ana Abal, Diana e Sofía na liña medular, Banesa e Paula polas bandas e Ana Martínez como futbolista máis adiantada. As principais novidades estaban na volta ao equipo de Alessandra e Diana tras unhas semanas alonxadas do equipo a causa de sendas lesións. Con tan só oito minutos de xogo Xiomara García sorprendía á defensa verdinegra e adiantaba ás locais. Sen un dominador claro o Armenteira C.F. comezou a sentirse cada vez máis cómodo sobre o terreo de xogo. As entradas por banda de Paula, que fixo do carril esquerdo do ataque visitante unha autoestrada, eran o principal argumento das de A Armenteira. Faltaba combinación e movemento no mediocampo, pero de novo o talento individual de Sofía convertíase en referencia para o seu equipo. Sería precisamente a centrocampista de Zacande a que, tras recoller un balón magnificamente servido por Alessandra, superaba á meta Adriana Álvarez para poñer a igualada no marcador. Con este resultado chegaríase ao descanso. No segundo período o Armenteira C.F. xa dominou con máis claridade. Mentres o frío desta tarde de novembro se apoderaba dunha Ángeles á que apenas lle chegaban balóns, as súas compañeiras trataban de poñer cerco á meta contraria. A encargada de facer xustiza sería Paula. A extremo pontevedresa, moi activa e inspirada neste partido, recibiría un balón ao oco de Sofía para introducirse na área e superar á gardamallas do Atlético Arousana "B". Paula foi sen dúbida unha das grandes protagonistas dun encontro no que as discípulas de Marcial Prado mostraron unha das mellores caras da temporada. A elo contribuiu a volta ao equipo dalgunhas xogadoras clave no esquema do técnico de O Marco e o traballo e a solidariedade colectiva, que fixeron que se levasen os tres puntos nunha cita que estas rapazas tiñan especialmente resaltada no calendario. Este triunfo ante un rival directo o Armenteira C.F. feminino ascende á décimo sétima praza, con seis puntos. O próxima domingo terán a posibilidade de seguir subindo chanzos na clasificación no duelo que as medirá no campo de O Leixo ante o Cultural Areas, pechacancelas do grupo con catro puntos.
Apretado encontro para o equipo alevín do Armenteira C.F. en Soutomaior
O equipo alevín do Armenteira C.F. disputou na mañá deste domingo un axustado partido no campo Graciano Padín ante o conxunto local do C.D. Soutomaior "B". Foi un encontro apretado no que o cadro local se mostrou superior nos primeiros minutos, pero no que o acerto de Sergio Matilde na portería e a mellora progresiva do xogo dos de A Armenteira lle permitiron competir e manterse con opcións ata o final. O corpo técnico que forman Alba e Luis Barral presentaron un equipo inicial con Sergio Matilde baixo paus, Sara Otero, Andrés e Álex Grigorio en defensa, Brais Santamaría, Ainoha e Mateo na zona de medios e Aldara en ataque. O dominio inicial dos locais axiña se materializou co tanto de Pedro Lorenzo, que cruza o balón ante a saída do meta verdinegro. Apoiados nunha mellor disposición sobre o campo e nunha maior fluidez na circulación do esférico os de Soutomaior entraban unha e outra vez polos costados e creaban ocasións que provocaban o lucimento dun Sergio Matilde ao que ata a afección local se rendía e recoñecía as súas paradas con aplausos. Sacudíndose do dominio dos das terras do Verdugo o Armenteira C.F. comezou a aproximarse á área rival. Nunha excelente asistencia ao saque dun córner de Andrés Brais Santamaría cabeceaba ao fondo das mallas para acurtar distancias. No inicio do segundo período Pedro Lorenzo batía outra vez a Sergio Matilde para ampliar vantaxe para os locais, pero, os rapaces e rapazas que dirixe Alba Barral non se amilaron e, sólidos e contundentes en defensa, agora liderados dende a zona central da zaga por Álex Grigorio, e intensos na disputa dos balóns divididos, asumiron o papel de dominadores. A pesares de que o C.D. Soutomaior "B" dispuxo dalgunha ocasión, eran os de A Armenteira os que gozaban da maior parte das mesmas. Nunha delas Aldara recibe un balón en profundidade e bate a Antón Lorenzo. Só a falta de fortuna e acerto impediron que un Armenteira C.F., inferior quizais en fútbol, pero superior en loita e entrega, puidese arrincar un punto do Graciano Padín. Con este resultado os nenos e nenas do equipo alevín do Armenteira C.F. colócanse na oitava praza con oito puntos. A próxima fin de semana deberán recibir a visita do A.D. Arousa F-7, que ocupa a décimo terceira posición con tres puntos.
domingo, 19 de novembro de 2017
O Umia C.F.-Boa Vila imponse ao Armenteira Veteranos nun intenso duelo de rivalidade
O Umia C.F. impúxose por dous goles a cero no partido disputado ante o Armenteira Veteranos no campo de A Bouza, en Barrantes, no medio dun animado ambiente, dada a proximidade, a rivalidade e os vínculos de unión que existen entre os membros de ámbolos dous conxuntos. Foi un encontro caracterizado polo equilibrio, sobre todo no primeiro período, pero no que o conxunto local soubo sacar partido da súa maior pegada, especialmente nos momentos clave, e da súa maior capacidade para facer circular o balón. O Armenteira Veteranos presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Óscar Muñiz, Óscar Barreiro e Richi en defensa, Rafa, Portas, Martín e Joseíño na liña do mediocampo e Jorge Castro e Galiñanes en ataque. O primeiro período foi de relativa igualdade. O equipo local era dono da posesión, dirixido por Nando e Maqui na zona de creación e buscando a presenza do experimentado e sempre corrosivo Luis Barral na dianteira. Pero as ocasións alternábanse en ámbalas dúas porterías. Clarísimas foron as que tivo nos seus pés Galiñanes, pero o acerto non acompañou ao atacante de Valboa ante o meta Juanjo. Ao fío do descanso, unha magnífica asistencia Nando ás costas dos centrais non sería desaproveitada por Luis Barral para bater a Joserra. No segundo período o Umia C.F.- Boa Vila xa viviu con maior comodidade. As aproximacións dos de A Armenteira reducíronse ao tempo que as dúbidas e a inseguridade en defensa se incrementaban. Un potente lanzamento de falta de David Núñez sorprendía a Jose Outón e poría o segundo e definitivo tanto para os da vila do tinto. Non houbo moita máis historia nun duelo de rivalidade que na pasada temporada caiu do lado do Armenteira Veteranos nas dúas ocasións que se produciu, pero que no que este ano se cumpriron os pronósticos e a vitoria foi para a escadra teoricamente superior. Foi un duelo intenso, no que, como en anteriores edicións houbo expulsados, neste caso Maqui e Severo polos locais, a causa das súas reiteiradas protestas ao colexiado Montoto Taboada, aínda que non deixaron ao seu equipo en inferioridade, ao estaren no banquillo no momento no que recibiron a segunda amonestación. E de novo volveu a destacar a figura de Luis Barral, adestrador do equipo infantil do Armenteira C.F. e peza clave no esquema do equipo veterano de Barrantes, que cada vez que se enfronta ao Armenteira Veteranos resulta implacable. Tamén cabe reseñar o debut coa camisola verdinegra de Jose Pérez, un futbolista cunha dilatada traxectoria no Armenteira C.F. xa dende a súa fundación nas categorías de fútbol base nos tempos de Julio Serén, e tamén militou en importantes clubes da comarca como o Unión Dena C.F. ou o propio Umia C.F. Con esta derrota o Armenteira Veteranos continúa na undécima posición con once puntos. O próximo sábado o cadro que preside José Luis Galiñanes recibe ao Chispa Reale, sétimo clasificado con quince puntos.
sábado, 18 de novembro de 2017
Merecido triunfo do equipo alevín do Armenteira C.F. en As Corticeiras
O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu vencer por cero goles a dous no partido disputado na mañá deste sábado no campo de As Corticeiras ante o cadro local do Caldas C.F. "B". Foi nun partido no que o conxunto que dirixen Luis e Alba Barral aproveitou o dominio dos primeiros minutos para marcar distancias e logo soubo administrar a vantaxe, podendo acadar un triunfo aínda máis contundende de aproveitar as oportunidades das que dispuxeron os seus atacantes. Cun once inicial formado por Sergio Matilde en portería, Álex Grigorio, Andrés e Sara Otero en defensa, Brais Santamaría, Ainoha e Mateo no mediocampo e Aldara en ataque a escadra verdinegra tomou vantaxe cando Brais Santamaría acaba levándose un balón na disputa coa defensa rival ata introducila no fondo das mallas rivais case sobre a liña de gol. No minuto 14 Mateo, tras unha xogada individual, viríase favorecido ao impactar no seu pé o rexeite do defensor local e finalizar no fondo da rede defendida por Asier Bello. Coa comodidade do resultado o Armenteira C.F. entrou nun relativo estado de relaxación, que continuou durante o segundo período, aínda que as escasas aproximacións do Caldas C.F. "B" eran solventadas por una sólida defensa, na que destacou unha vez máis a figura de Andrés, ou pola seguridade baixo paus de Sergio Matilde, que partido a partido demostra as excelentes condicións que de seguro o convertirán nun gran porteiro. Nos últimos minutos, as perdas de balón do cadro local, que xa era incapaz de atopar a área verdinegro, permitiron que os de O Leixo dispuxeran de varias ocasións, pero nin Brais Santamaría, nin Mateo, nin Aldara estiveron acertados. Outra das notas significativas do encontro foi a notable actuación dos futbolistas de categoría benxamín Lucas e Óscar, que volveron mostrar que son dúas das máis firmes promesas coas que conta o clube de A Armenteira. A próxima fin de semana o equipo alevín do Armenteira C.F. deberá desprazarse ata o campo Graciano Padín para medirse a un dos conxuntos máis potentes do grupo, o C.D. Soutomaior "B".
xoves, 16 de novembro de 2017
Unha demanda histórica
Hai reivindicacións que as xentes de A Armenteira levan facendo dende fai anos. A necesidade da concentración parcelaria, a ampliación do cemiterio, unhas instalacións deportivas dignas e á altura dos tempos que corren... Entre elas está unha que veciños e veciñas e persoas que nun ou noutro momento transitan pola parroquia viñan reclamando sen que ata o momento as súas demandas foran atendidas. Trátase da reforma da curva situada no lugar de A Lomba, na zona coñecida como O Carballal. É un entorno que recibe unha elevada densidade de tráfico, xa que forma parte dun dos principais nós de comunicación a nivel comarcal, que da acceso á densa rede de estradas que vertebran as Rías Baixas, entre as que se inclúe a AG-41, a coñecida como Autovía do Salnés. A escasa visibilidade nunha curva tan pronunciada e o firme esvaradizo provocaron varios sinistros durante os últimos anos. Por sorte, non houbo que lamentar vítimas, pero colectivos como a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, alarmados ante o risco que constituía este particular punto negro iniciaron fai uns meses as xestións ante o Concello de Meis e a Deputación de Pontevedra, que é a que ten competencias sobre esta estrada, e fixeron chegar á prensa esta demanda veciñal. Tras meses agardando, a pasada semana, a institución que preside Carmela Silva púxose mans á obra e decidiu actuar na zona. As máquinas e os operarios da Deputación comezaron a cambiar o asfalto. Queda por saber cal será o resultado final desta actuación, pero, dende logo, resulta unha noticia máis ca agradable que despois de tanto tempo de reclamacións as administracións públicas interveñan para resolver unha preocupación cidadán que, á vista dos acontecementos, parecían ignorar. A esperanza dos veciños e veciñas é que detrás veñan outras actuacións tan necesarias como o caso da curva de O Carballal.
domingo, 12 de novembro de 2017
O equipo feminino do Armenteira C.F. perde en Noalla outra oportunidade de puntuar
O equipo feminino do Armenteira C.F. perdeu este domingo unha clara oportunidade de puntuar no partido que disputou no campo de A Lanzada ante a S.D. Noalla. Tratábase dun rival directo e unha data sinalada no calendario do conxunto que dirixe Marcial Prado para sumar máis puntos a un casilleiro que de momento viña acumulando un escaso botín. Foi nun encontro no que ámbolos dous equipo ofreceron un discreto espectáculo futbolístico, no que o Armenteira C.F. volveu a pagar caros os erros tanto nunha como na outra área e no que a nota máis chamativa foi o debut coa camisola verdinegra de Lara, Banesa e Celaya, incorporadas durante no transcurso da semana procendentes do C. Juventud Cambados. O conxunto de O Leixo presentou un once inicial con Belén en portería, Fátima, Patri, Naomi e Laura en defensa, Sofía, Andrea e Ana Abal na liña de creación, Xeila e Paula polos extremos e Ana Martínez en ataque. Non comezou ben o encontro para as xogadoras verdinegras. Con só catro minutos disputados Marta Arís recibía un balón na área e cruzábao ata colocalo no fondo das mallas defendidas por Belén. Co gol en contra o Armenteira C.F. non conseguía facerse con dominio do xogo. Eran as de Noalla as que mantiñan a posesión, lideradas por María Otero na zona de creación e con Marta Arís como referencia en ataque. Houbo que agardar ao minuto 29 para que Paula aproveitase a súa punta de velocidade para, tras unha magnífica asistencia de Sofía, prantarse soa ante a meta Julia Miniño e poñer a igualada. Eran os mellores minutos das de A Armenteira. Un excelente lanzamento de falta de Sofía bateu na escadra local e Ana Martínez dispuxo dunha ocasión inmellorable fronte a fronte á gardamallas rival, pero, envio o coiro contra os pés da meta de Noalla. A fortuna que faltaba na área adversaria tívoa a S.D. Noalla cando, tras unha volea que aparentaba non presentar ningún tipo de perigo, o balón quedou botando ante unha Belén que se quedou estática, permitindo a Silvia Santamaría rematar sen oposición e acadar o segundo tanto para as súas. No segundo período non cambiou moito a situación. Ao contrario, as chegadas á área contraria por parte dun e doutro conxunto reducíronse. Fallaban as forzas e as amplas dimensións do terreo de xogo de A Lanzada pasaban factura. Marcial Prado moveu o banquillo e deu a oportunidade de debutar ás novas fichaxes, pero as perspectivas de remontar o partido non melloraron. As locais non inquedaban a meta defendida por Belén e tampouco o facían as visitantes na defendida por Julia Miniño. A ocasión máis clara estivo nos pés de Celaya, que, soa ante a gardamallas rival, enviou o balón fóra. Non tivo moita máis historia o encontro e o dous a un co que finalizaran os primeiros corenta y cinco minutos acabou sendo o marcador final. Con este resultado o Armenteira C.F. continúa na décimo novena posición, con tres puntos. O próximo domingo terá unha nova cita para puntuar ante un rival que a priori parece resultar máis esixente que o desta fin de semana. Será ante a Rácing de Vilariño, que ocupa a terceira posición con vinteoito puntos. Marcial Prado e o seu corpo técnico terán que seguir traballando para conxuntar un plantel que esta temporada conta con maiores recursos que a pasada, un feito que non se está traducindo en resultados. Queda moita temporada por diante para responder ás expectativas que tanto a afección como a Xunta Directiva teñen postas neste grupo de rapazas.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)







