Buscar neste blog

domingo, 26 de novembro de 2017

Importante vitoria do Armenteira C.F. feminino en Berdón

O equipo feminino do Armenteira C.F. venceu por un gol a dous no partido disputado na tarde deste domingo ante a A.D. Arousa F-7 no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante o Atlético Arousana "B". Foi nun encontro no que as rapazas que nesta ocasión dirixiu Junior Tirado souberon facer fronte a un tanto inicial das vilagarcianas ata dar a volta ao marcador, facendo xustiza ao demostrado sobre as instalacións deportivas de Trabanca Badiña. O conxunto verdinegro presentou un once inicial con Ángeles en portería, Laura, Alessandra, Naomi e Lara en defensa, Ana Abal, Diana e Sofía na liña medular, Banesa e Paula polas bandas e Ana Martínez como futbolista máis adiantada. As principais novidades estaban na volta ao equipo de Alessandra e Diana tras unhas semanas alonxadas do equipo a causa de sendas lesións. Con tan só oito minutos de xogo Xiomara García sorprendía á defensa verdinegra e adiantaba ás locais. Sen un dominador claro o Armenteira C.F. comezou a sentirse cada vez máis cómodo sobre o terreo de xogo. As entradas por banda de Paula, que fixo do carril esquerdo do ataque visitante unha autoestrada, eran o principal argumento das de A Armenteira. Faltaba combinación e movemento no mediocampo, pero de novo o talento individual de Sofía convertíase en referencia para o seu equipo. Sería precisamente a centrocampista de Zacande a que, tras recoller un balón magnificamente servido por Alessandra, superaba á meta Adriana Álvarez para poñer a igualada no marcador. Con este resultado chegaríase ao descanso. No segundo período o Armenteira C.F. xa dominou con máis claridade. Mentres o frío desta tarde de novembro se apoderaba dunha Ángeles á que apenas lle chegaban balóns, as súas compañeiras trataban de poñer cerco á meta contraria. A encargada de facer xustiza sería Paula. A extremo pontevedresa, moi activa e inspirada neste partido, recibiría un balón ao oco de Sofía para introducirse na área e superar á gardamallas do Atlético Arousana "B". Paula foi sen dúbida unha das grandes protagonistas dun encontro no que as discípulas de Marcial Prado mostraron unha das mellores caras da temporada. A elo contribuiu a volta ao equipo dalgunhas xogadoras clave no esquema do técnico de O Marco e o traballo e a solidariedade colectiva, que fixeron que se levasen os tres puntos nunha cita que estas rapazas tiñan especialmente resaltada no calendario. Este triunfo ante un rival directo o Armenteira C.F. feminino ascende á décimo sétima praza, con seis puntos. O próxima domingo terán a posibilidade de seguir subindo chanzos na clasificación no duelo que as medirá no campo de O Leixo ante o Cultural Areas, pechacancelas do grupo con catro puntos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario