O Umia C.F. impúxose por dous goles a cero no partido disputado ante o Armenteira Veteranos no campo de A Bouza, en Barrantes, no medio dun animado ambiente, dada a proximidade, a rivalidade e os vínculos de unión que existen entre os membros de ámbolos dous conxuntos. Foi un encontro caracterizado polo equilibrio, sobre todo no primeiro período, pero no que o conxunto local soubo sacar partido da súa maior pegada, especialmente nos momentos clave, e da súa maior capacidade para facer circular o balón. O Armenteira Veteranos presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Óscar Muñiz, Óscar Barreiro e Richi en defensa, Rafa, Portas, Martín e Joseíño na liña do mediocampo e Jorge Castro e Galiñanes en ataque. O primeiro período foi de relativa igualdade. O equipo local era dono da posesión, dirixido por Nando e Maqui na zona de creación e buscando a presenza do experimentado e sempre corrosivo Luis Barral na dianteira. Pero as ocasións alternábanse en ámbalas dúas porterías. Clarísimas foron as que tivo nos seus pés Galiñanes, pero o acerto non acompañou ao atacante de Valboa ante o meta Juanjo. Ao fío do descanso, unha magnífica asistencia Nando ás costas dos centrais non sería desaproveitada por Luis Barral para bater a Joserra. No segundo período o Umia C.F.- Boa Vila xa viviu con maior comodidade. As aproximacións dos de A Armenteira reducíronse ao tempo que as dúbidas e a inseguridade en defensa se incrementaban. Un potente lanzamento de falta de David Núñez sorprendía a Jose Outón e poría o segundo e definitivo tanto para os da vila do tinto. Non houbo moita máis historia nun duelo de rivalidade que na pasada temporada caiu do lado do Armenteira Veteranos nas dúas ocasións que se produciu, pero que no que este ano se cumpriron os pronósticos e a vitoria foi para a escadra teoricamente superior. Foi un duelo intenso, no que, como en anteriores edicións houbo expulsados, neste caso Maqui e Severo polos locais, a causa das súas reiteiradas protestas ao colexiado Montoto Taboada, aínda que non deixaron ao seu equipo en inferioridade, ao estaren no banquillo no momento no que recibiron a segunda amonestación. E de novo volveu a destacar a figura de Luis Barral, adestrador do equipo infantil do Armenteira C.F. e peza clave no esquema do equipo veterano de Barrantes, que cada vez que se enfronta ao Armenteira Veteranos resulta implacable. Tamén cabe reseñar o debut coa camisola verdinegra de Jose Pérez, un futbolista cunha dilatada traxectoria no Armenteira C.F. xa dende a súa fundación nas categorías de fútbol base nos tempos de Julio Serén, e tamén militou en importantes clubes da comarca como o Unión Dena C.F. ou o propio Umia C.F. Con esta derrota o Armenteira Veteranos continúa na undécima posición con once puntos. O próximo sábado o cadro que preside José Luis Galiñanes recibe ao Chispa Reale, sétimo clasificado con quince puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario