Buscar neste blog

xoves, 16 de novembro de 2017

Unha demanda histórica

Hai reivindicacións que as xentes de A Armenteira levan facendo dende fai anos. A necesidade da concentración parcelaria, a ampliación do cemiterio, unhas instalacións deportivas dignas e á altura dos tempos que corren... Entre elas está unha que veciños e veciñas e persoas que nun ou noutro momento transitan pola parroquia viñan reclamando sen que ata o momento as súas demandas foran atendidas. Trátase da reforma da curva situada no lugar de A Lomba, na zona coñecida como O Carballal. É un entorno que recibe unha elevada densidade de tráfico, xa que forma parte dun dos principais nós de comunicación a nivel comarcal, que da acceso á densa rede de estradas que vertebran as Rías Baixas, entre as que se inclúe a AG-41, a coñecida como Autovía do Salnés. A escasa visibilidade nunha curva tan pronunciada e o firme esvaradizo provocaron varios sinistros durante os últimos anos. Por sorte, non houbo que lamentar vítimas, pero colectivos como a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, alarmados ante o risco que constituía este particular punto negro iniciaron fai uns meses as xestións ante o Concello de Meis e a Deputación de Pontevedra, que é a que ten competencias sobre esta estrada, e fixeron chegar á prensa esta demanda veciñal. Tras meses agardando, a pasada semana, a institución que preside Carmela Silva púxose mans á obra e decidiu actuar na zona. As máquinas e os operarios da Deputación comezaron a cambiar o asfalto. Queda por saber cal será o resultado final desta actuación, pero, dende logo, resulta unha noticia máis ca agradable que despois de tanto tempo de reclamacións as administracións públicas interveñan para resolver unha preocupación cidadán que, á vista dos acontecementos, parecían ignorar. A esperanza dos veciños e veciñas é que detrás veñan outras actuacións tan necesarias como o caso da curva de O Carballal.



Ningún comentario:

Publicar un comentario