Se ben é certo que a pasada temporada o equipo sénior feminino do Armenteira ten disputado algún partido a última hora da tarde, aínda que xa era a finais de primavera, desta volta as rapazas que dirixen Marcial Prado e Júnior Tirado fan a súa estrea no horario que tradicionalmente tiñan asignado os partidos da Champions League. Os intereseses televisivos e a procura de maiores ingresos publicitarios levou a que este ano a máxima competición continental vise modificadas as horas de inicio dos encontros. Ata dous horarios por día para incrementar as audiencias e as finanzas dos grandes trasatlánticos do fútbol europeo. Nunha escala moito máis baixa, nas categorías máis modestas do fútbol local, en ocasións as circunstancias persoais e laborais dos deportistas obrigan a fixar os partidos para horas que en condicións normais serían pouco habituais. O día no que se celebra a festividade de Todos os Santos e as xentes percorren os cemiterios para colocar flores e velas a aquelas persoas que xa non están connosco, o fútbol non se detén. Na Preferente Galicia e en diversas categorías sénior haberá xornada este 1 de novembro, como tamén a haberá no campo de O Leixo. Ao alto do lugar de O Busto acudirá nin máis nin menos que un equipo da raia, da fronteira co veciño país de Portugal. Dende Caldelas de Tui ata A Armenteira, máis de oitenta quilómetros de distancia e máis dunha hora de viaxe, é o traxecto que teñen que realizar as mozas do Caldelas C.D. que este xoves, 1 de outubro, a partires das 20:45 horas, se medirán ao Armenteira C.F. feminino. O antigo horario Champions retómase nun día festivo, nunha noite que se agarda fresca e no medio da escuridade que rodea ao campo de O Leixo. Un momento oportuno e unha ambientación axeitada para un día no que o terror, o misterio e o mundo dos mortos se mesturarán coa práctica dun deporte no que o medo, o susto e o suspense aparecen con relativa frecuencia. É posible que este xoves non sexa unha excepción.
Buscar neste blog
mércores, 31 de outubro de 2018
martes, 30 de outubro de 2018
O Halloween, o Samaín... tamén en A Armenteira
Convertida nunha cita inexcusable do calendario festivo, a celebración de Halloween vai gañando adeptos ano tras ano. A forza e a enorme capacidade de difusión da cultura que ten como epicentro aos Estados Unidos fixo que en practicamente calquera recuncho do mundo na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro os disfraces de todo tipo de personaxes de terror, as telarañas, os cadaleitos, os esqueletes ou as cabazas decoradas poidan ser consideradas xa como un elemento característico destas datas. Pero hai quen sitúa orixe desta celebración na antigüidade, na época anterior á chegada do cristianismo, cando no mundo céltico, do que formaban parte territorios como Galicia, se conmemoraba a fin da temporada de colleitas e abríase paso a estación escura. Era un período de transición co que comezaba o ano novo celta, no que se realizaban un conxunto de rituais que constituían o que se deu en chamar Samhain ou Samaín, do cal, unha vez trasladado a Norteamérica e transformado pola potente industria cultural do país das barras e as estrelas, acabaría derivando o Halloween. Nas áreas comerciais, nos locais de ocio, nos centros de ensino e en moitos outros espazos públicos ou privados o Halloween ou Samaín, dependendo de cal sexa a versión que se lle queira dar a unha celebración que non varía en exceso duns lugares a outros, non pasa desapercibido. En A Armenteira, dentro do carácter tranquilo e sosesado que envolve o ambiente rural das súas estradas, corredoiras ou puntos de encontro veciñal, este festexo pouco a pouco vai facéndose un oco. Son as xeracións máis novas as que abandeiran unha tradición que, aínda que de recente implantación, está plenamente arraigada. No 2018 son principalmente dous os actos que conmemoran esta festividade céltica. Por un lado no C.E.I.P. de Armenteira este mércores, 31 de outubro, os nenos e nenas da comunidade educativa do centro disfrutarán dunha serie de actividades que os manterán ocupados durante toda a mañá e, xa pola tarde, nas dependencias do colexio, a A.N.P.A. do colexio organiza unha festa a partires das 18:00 horas e que, segundo indican na nota informativa que veñen de emitir, "prolongarase ata que o corpo aguante". O único requisito para participar é acudir disfrazados, coa apariencia máis terrorífica posible. Coa animación musical a cargo do DJ Javi Solla, as persoas que asistan poderán degustar ademais uns doces típicos, mentras agardan con intriga ás sorpresas e á entrega de agasallos que se producirá ao final do evento. De maneira totalmente gratuíta para as persoas que sexan socios ou socias da A.N.P.A. e por tan só 5 euros para aquelas que non o sexan, o Halloween ou Samaín chegará un ano máis a unha parroquia que se aferra e trata de conservar as tradicións ao tempo que non deixa de situarse á vangarda dos gustos, das modas e das novas formas de ocio e diversión que prevalecen na actualidade.
domingo, 28 de outubro de 2018
Cando o que toca é xogar
sábado, 27 de outubro de 2018
Un punto que se lle escapa nos últimos minutos ao Armenteira C.F. infantil en Berdón
FICHA TÉCNICA
A.D. AROUSA F-7 - ARMENTEIRA C.F. - 2 - 1
ARMENTEIRA C.F. Sergio; Víctor, Álex, Íñigo, Irene Pesqueira; Manu Meixús, Andrés, Javi, Júnior; Irene Varela e Ramón. Tamén xogaron Carlos, Villar, Mateo e David.
GOLES: 1-0. Minuto 35. David Bóveda, de penalti. 1-1. Minuto 36. Javi. 2-1. Minuto 66. Mario Rodríguez.
ÁRBITRO: Vázquez Castro. Mostrou cartón amarelo a Íñigo por parte do Armenteira C.F. e a Pablo Nine por parte da A.D. Arousa F-7.
INCIDENCIAS: Partido da sexta xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 11, disputado no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, ante uns setenta espectadores, nunha mañá fresca, soleada, pero tamén chuviosa por momentos, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. veu como nos últimos momentos do partido se lle escapaba a posibilibidade de regresar cun punto do campo de Berdón. O encontro presentábase con dous principais alicientes: un deles era o enfrontamento entre dous conxuntos da zona baixa, que se presumía equilibrado, e outro a arbitraxe de Vázquez Castro, un colexiado pertencente a unha familia estreitamente vencellada ao clube de O Leixo, e que vestiu a camisola verdinegra durante varias temporadas ata que, xa na etapa en categoría xuvenil, decidiu abandonar a disciplina da entidade na que comezou a súa carreira como futbolista e incorporarse ao plantel do Vilalonga F.C. O partido foi en liñas xerais equilibrado, con alternativas por parte de ámbolos dous bandos e que ben puido rematar coa vitoria de calquera dos dous equipos. Dende o asubío inicial, a A.D. Arousa F-7, o cadro local, tratou de facerse co dominio do xogo. Apoiado no seu maior potencial físico, con futbolistas dunha envergadura considerable, e cunha capacidade de toque superior, o conxunto vilagarcián fíxose dono da posesión, aínda que non daba creado ocasións excesivamente perigosas. Pola súa contra, o Armenteira C.F. utilizaba o seu recurso máis efectivo, as xogadas de contragolpe. Manu Meixús dispuxo nestes primeiros intres dunha clara ocasión ante Iván Lucio, que non puido resolver, como tampouco puido facelo Júnior noutra aproximación deste tipo. O dominio local acabaría atopando o seu premio. Sería a consecuencia dun inocente penalti cometido por Víctor ao derrubar dentro da área a un adversario que David Bóveda non desperdiciaría. Rapidamente reaccionaría a escadra visitante e Javi culminaba de forma maxistral un man a man ante o meta da A.D. Arousa F-7. A partires de entón mantívose a tónica coa que se iniciou o encontro. Ningún dos dous conxuntos era quen de romper o empate, nin a posesión do equipo amarelo nin as frenéticas transicións defensa-ataque dos verdinegros. Júnior, Carlos e sobre todo Manu Meixús tiveron nos seus pés a posibilidade de desnivelar un marcador que non se movería ata que Mario Rodríguez, aproveitando a pasividade defensiva dos de A Armenteira e tamén con relativa fortuna, sorprendía a Sergio cun lanzamento bombeado. O salto do gardamallas de Vilariño permitiulle atallar o balón nun primeiro momento, pero este foi dar contra o pau dereito, quedando pegado a el, escasos centímetros no interior da portería. Houbo tempo incluso para que o Armenteira C.F. puidese arrincar polo menos un punto, chegando a estrelar Javi o coiro contra o pau despois dun saque de córner. A lesión de Manu Meixús e as retencións do xogo para atender a futbolistas do A.D. Arousa F-7 fixeron que o encontro esmorecese nos últimos suspiros e que o dous a un se mantivese inalterable. Con este resultado o equipo que dirixen Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez sitúase na duodécima posición, con tres puntos, posición que agarda mellorar a próxima fin de semana, cando recibirá á S.D. Catoira, unha escadra que ocupa a zona media da clasificación e que xa ten logrado dous triunfos no que vai de temporada.
venres, 26 de outubro de 2018
C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto e Armenteira Veteranos acordan o aprazamento do partido desta fin de semana
Os máximos responsables do C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto e do Armenteira Veteranos veñen de confirmar que nas últimas horas chegaron a un acordo para o aprazamento do partido correspondente á oitava xornada da Segunda Galicia de Veteranos, no seu grupo 1. A proposta partiu do equipo visitante, por mor das numerosas baixas coas que contaba para o encontro. Tras uns días de reflexións e de intensas negociacións a Xunta Directiva do Armenteira Veteranos decidiu aceptar a petición dos de O Mosteiro, e finalmente o partido foi adiado para o sábado, 8 de decembro. As dificultades polas que está pasando no inicio desta temporada o cadro verdinegro, moi escaso de efectivos nas xornadas que se levan disputado, aconsellaron tomar unha decisión que, sen dúbida, resultará beneficiosa para ámbolos dous clubes. Haberá entón que agardar máis dun mes para que os futbolistas e a afección poida disfrutar do único derbi municipal que se poderá contemplar en A Armenteira esta campaña nunha competición de liga dependente da Real Federación Galega de Fútbol.
martes, 23 de outubro de 2018
Armenteira prepárase para o seu magosto de 2018
O magosto, unha das festas máis populares e arraigadas en toda Galicia, tamén se está convertendo nunha celebración tradicional en A Armenteira. A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, sociedade encargada da organización do evento durante os últimos anos, está en plena planificación dun evento que este ano terá lugar o sábado, 10 de novembro, e que para esta edición presenta algunhas novidades. Ao tradicional asado de castañas, chourizos, arenques, acompañados de refrescos, viño do país e postres caseiros, pretende engadírselle este ano unha serie de actividades que reforcen o carácter campestre, ecolóxico e sempre respectuoso co medio ambiente do acto. De forma totalmente gratuíta as persoas asistentes poderán disfrutar deste menú básico, pero suculento e completo, e do bo ambiente que soe ser habitual cada vez que a veciñanza da parroquia se reúne co motivo de calquera festexo. As festas de Semana Santa, coa romaría das Cabezas como gran referente, as festas de verán, coas celebracións na honra de San Ero e a Divina Pastora como citas destacadas, xunto co San Xoán, o magosto e o Nadal, estas últimas co selo exclusivo da asociación veciñal, forman parte xa do calendario festivo dunha parroquia que volve estar convocada para o sábado, 10 de novembro. De novo a colaboración dos veciños e veciñas será fundamental, tanto na aportación dalgúns dos subministros necesarios como prestando axuda no desenvolvemento das distintas tarefas, polo que convidan ás persoas interesadas en participar ou asistir a que se poñan en contacto cos representantes da entidade para facilitar a preparación e organización do evento.
domingo, 21 de outubro de 2018
Meritorio primeiro triunfo da temporada para o equipo infantil do Armenteira C.F.
FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - C.D. PORTAS - 4 - 2
ARMENTEIRA C.F. Sergio; David, Íñigo, Álex, Irene Pesqueira; Víctor, Javi, Carlos; Manu Meixús, Júnior e Ramón. Tamén xogaron Villar, Mateo e Irene Varela.
GOLES: 1-0. Minuto 24. Manu Meixús. 1-1. Minuto 39. Adrián Ferreirós. 2-1. Minuto 41. Íñigo. 3-1- Minuto 49. Íñigo, de penalti. 3-2. Minuto 56. Iago Mosteiro. 4-2. Minuto 60. Manu Meixús.
ÁRBITRO: Padierna Quinteiro. Mostrou cartón amarelo a Íñigo por parte do Armenteira C.F.
INCIDENCIAS: Partido da quinta xornada da Segunda autonómica infantil. Grupo 11, disputado no campo de O Leixo ante uns oitenta espectadores, nunha mañá nublada e chuviosa por momentos, e sobre un terreo de xogo nunhas condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou por fin a primeira vitoria no campionato de liga na presente temporada. Foi nun partido intenso e emocionante, equilibrado en liñas xerais, no que a maior pegada e capacidade para definir dalgúns futbolistas do cadro local foron determinantes. Nos primeiros minutos o dominio correspondeu ao Armenteira C.F. Baséandose nun xogo excesivamente acelerado, con posesións curtas e buscando de forma apresurada a meta contraria os rapaces e rapazas que este domingo dirixiu Fran Filgueira "Pacheco" ían pouco a pouco collendo confianza a medida que vían con maior proximidade ao gardamallas rival. Manu Meixús, tras unha excepcional acción individual, na que percorreu medio campo, ben puido adiantar ao conxunto local. Júnior tamén gozou dunha clara ocasión. Pero sería o propio Manu Meixús o encargado de colocar o un a cero tras superar a saída de David Angueira. Cando parecía xestionar con comodidade o resultado, con opcións incluso de aumentar a vantaxe, e a primeira metade chegaba á súa fin, un lanzamento dende longa distancia de Adrián Ferreirós impactaba no peito do meta Sergio e colábase de forma desafortunada no interior da súa portería. Rapidamente reaccionaron os de O Leixo e, nada máis saír do descanso, Íñigo, que adiantou a súa posición dende a defensa á zona de mediocampo para este segundo período, trazaba unha perfecta vaselina sobre o gardameta visitante e acababa enviando o coiro ao fondo da rede coa parte traseira do seu corpo. A partires de entón o partido convertiuse nun encontro de ida e volta, con oportunidades en ámbalas dúas áreas. Nunha desas ocasións Júnior foise por velocidade dos zagueiros da C.D. Portas ata ser derrubado dentro da área polo meta David Angueira. A responsabilidade de efectuar o lanzamento da pena máxima sería asumida por Íñigo, que poría o tres a un no casilleiro. Non se rendiu a escadra das terras do Umia e guiada por Enma Vidal, unha futbolista de enorme talento e auténtica lideresa do seu equipo sobre o terreo de xogo, logrou recurtar distancias ao culminar Iago Mosteiro unha xogada colectiva que os defensores verdinegros, tras varios intentos, non foron quen de neutralizar. A tranquilidade definitiva para o cadro que adestran Fran Filgueira "Pacheco" e Jorge Gómez non chegaría ata que Manu Meixús finalizou de novo unha acción de contraataque e remachou o balón sobre a liña de gol. Pouco máis houbo que contar no que restou de encontro, agás unha entrada de Íñigo a un adversario na zona do lateral esquerdo dos de A Armenteira, o que significaría o terceiro cartón amarelo no que vai de campaña para o futbolista de Couso. Este meritorio triunfo permite que o equipo infantil do Armenteira C.F. ascenda ata a duodécima posición e reforce deste xeito a moral dun plantel de xogadores moi mermado esta temporada polas diversas dificultades que sufriu o clube durante o pasado verán, das cales as principais vítimas non foron outras que os propios rapaces e rapazas, tanto os que puideron e decidiron continuar, como aqueles outros que non tiveron máis remedio que abandonar a entidade ao non poder configurar finalmente equipo para a súa categoría. A próxima fin de semana a escadra verde e negra visitará o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, para medirse á A.D. Arousa F-7, que ocupa o décimo cuarto posto e que aínda non tivo a posibilidade de sumar ningún punto.
.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)










