Fran Filgueira "
Pacheco" e Jorge Gómez forman parte do cadro técnico do equipo infantil do Armenteira C.F. Pero a súa relación non se limita aos momentos que comparten no banco, nos vestuarios e na planificación de adestramentos e partidos. A súa é unha amizade forxada despois de anos e anos de fútbol, ben compartindo equipo ou incluso competindo entre os seus equipos ou ben tratando de transmitir ás xeracións máis novas eses coñecementos que foron adquirindo. No Unión Dena C.F., no Beiramar C.F. ou no Dorrón C.F., antes que no Armenteira C.F., foi onde estes dous mozos foron fortalecendo unha complicidade que levaron do terreo de xogo ao banco. Este sábado, 27 de outubro, tiñan unha cita especial. No campo de Baltar de Arriba, na parroquia de Adina, en Sanxenxo, o clube no que militan como xogadores, o Dorrón C.F., recibía a visita do C. Atlético Peñaflor, un conxunto que tamén ten unha íntima relación con A Armenteira e coa súa principal entidade deportiva. Un dos compoñentes do clube de Barro,
Roni, é veciño do lugar de Silván, e tamén alí iniciou a pasada temporada a súa carreira como adestrador na categoría sénior Jonathan Crespo, un dos técnicos máis veteranos e máis comprometidos coa causa do Armenteira C.F. O partido, fixado para a última tarde, disputouse ao tempo que a noite caía sobre unha das localidades turísticas máis importantes de Galicia e o inverno anunciaba a súa chegada cunhas baixas temperaturas ás que aínda non estamos acostumados. A expectación foi tal que un grupo de afeccionados verdinegros se desprazou ata Baltar de Arriba para non perderse o evento. Entre eles estaban Manu Meixús e Íñigo, dous rapaces do plantel do equipo infantil do Armenteira C.F., que por primeira vez contemplaban vestidos de curto aos seus adestradores. Foi un encontro relativamente equilibrado, pero no que o Dorrón C.F. demostrou posuír un potencial superior ao do seu rival. Vencerían os de Sanxenxo por dous tantos a un, aínda que anécdota estaría sobre o terreo de xogo. Na meta dos de Dorrón formaba Jorge Gómez, mentres que, liderando a defensa dende o posto de central estaba
Pacheco, unha liña que compartía co seu primo Manu Viñas, outro histórico da entidade de O Leixo, que tras pasar polas mans de Julio Serén na época máis gloriosa do pasado verdinegro, chegaría a xogar na Terceira División co Portonovo S.D. Dos tres tantos que se lograron ao longo dos noventa minutos habería un cunha especial significación. Un centro dende a banda dereita do C. Atlético Peñaflor, que
Pacheco tratou de interceptar lanzándose ao chan, acababa sorprendendo a Jorge Gómez e colocaba a igualada no marcador. A desesperación que lles provocou esta acción tan desafortunada compensaríase co tanto que o seu compañeiro Marcos Vilar lograría minutos despois a través dun excelente testarazo e que serviría para que o equipo granate conseguise finalmente a vitoria. Unha xogada desgraciada, das moitas que se producen no fútbol, na que o curioso foi a falta de entendemento entre dous futbolistas e dúas persoas entre as que precisamente o que non falta é iso: comprensión e entendemento. Episodios como os que viviu este verán o Armenteira C.F., no que algúns membros do corpo técnico se uniron de maneira decidida e participaron activamente nunha trama que, con mentalidade destrutiva, só buscou beneficiarse sen importarlle poñer ao modesto clube de O Leixo ao borde da desaparición, fan máis admirable a labor de Jorge e
Pacheco, dous xogadores, dous adestradores, en definitiva dous homes que, en casos como o deste sábado, cando o que toca é xogar, por grandes que sexan as adversidades, nunca esquecen o papel que desempeñan nin o rumbo que teñen que seguir, e comprendendo sempre que a amizade, a seriedade e o compromiso cun proxecto deben estar por enriba de calquera outro interese.
Ningún comentario:
Publicar un comentario