O equipo xuvenil do Armenteira C.F. caiu derrotado por cinco goles a tres no partido disputado na tarde deste sábado no campo de As Chans, ante o cadro local da S.D. Puentearnelas. Foi nun mal encontro dos xogadores que adestra Valentín Estévez "Tilín", pero no que mostraron unha gran efectividade cando se asomaron á meta contraria e no que mantiveron as esperanzas de puntuar ata os intres finais. O conxunto verdinegro presentou un once inicial con Roberto Torres en portería, Rafa, Diego Berreco, Fari e André en defensa, Cris Cores, Jona, Mathias e Hilias na zona de medios, Dimitri na mediapunta e Alberto como futbolista máis avanzado. A situación rapidamente se puxo favorable para o Armenteira C.F. Un balón longo ao centro da defensa rival recibiuno en velocidade Dimitri, e elevou o balón ante o gardamallas rival para adiantar ao seu equipo. Co resultado en contra, a S.D. Puentearnelas tomou o mando do xogo. Fíxose coa posesión do esférico e, en base a unha mellor colocación e unha relativa fluidez nas combinacións, foi pechando aos visitantes no seu campo. Nun cambio de xogo en diagonal, buscando a espalda dos laterais, unha estratexia á que recurrían con frecuencia os de Pontearnelas, acabouse xerando unha acción que rematou nos pés de Miguel González que, dende a frontal, colocaba a igualada no marcador. Sete minutos despois, o colexiado, claramente influenciado polas reclamacións dos futbolistas locais, decretou un discutido penalti por mans dun defensor verdinegro que, nun acto instintivo, trataba de protexer o peito dun balonazo. Miguel Castro non fallaría dende os once metros, obrigando ao Armenteira C.F. a loitar contracorrente por segunda semana consecutiva. Pero os de Tilín non eran quen de trenzar xogadas. O mediocampo estaba ausente e, cando aparecía, abusaba en exceso da condución e de accións individuais que acababan morrendo entre os adversarios. Só os balóns aéreos ao centro da defensa rival causaban algo de perigo. No minuto 40, un disparo dende o borde da área de Breixo Oubiña colaríase entre as mans do meta Roberto Torres e mandaba ao descanso á S.D. Puentearnelas nunha situación inmellorable. No segundo período o Armenteira C.F. tratou de recompoñerse e lograr un gol rápido que permitise soñar coa remontada. Pero non conseguían facerse coa posesión e apenas se deixaban ver polas proximidades da meta rival. Houbo que agardar ao minuto 58 para que Alberto empalmase dende uns corenta metros un chut que sorprendeu a Álvaro Mouta que mantiña con vida unha ilusión que se volvía perder cando Álex Blanco colocaba no fondo das mallas dos de A Armenteira unha cabezada tras un libre indirecto magnificamente colgado. Non quería darse por rendido o cadro verde e negro e Dimitri anotaba o terceiro para os seus cun lanzamento a media altura que sorprendía a un gardamallas local moi inseguro na tarde deste sábado. O reforzo moral que supuxo este tanto fixo que o Armenteira C.F. adiantase liñas e imprimise un maior ritmo ao seu fútbol. A esperanza de arrincar polo menos un punto diluise nunha contra que finalizou Constante Vázquez co quinto e definitivo gol para a escadra de As Chans. Con esta derrota o equipo verdinegro pasa á sexta posición, con trece puntos. A próxima fin de semana terán a posibilidade de enderezar o rumbo na visita ao campo de A Rapeira para medirse á C.D. Portas, undécima clasificada con seis puntos. Será a priori unha ocasión propicia para acadar unha vitoria que reforce un ánimo bastante decaído tras as dúas últimas derrotas. Este proxecto, que iniciou a liga de forma exitosa, comeza agora a sufrir os lóxicos problemas de acoplamento nun conxunto creado esta temporada, con xogadores procedentes nuns casos do Umia C.F., noutros do Armenteira C.F., e nalgúns outros de procedencia diversa, e no que, como é entendible, a cohesión e a compenetración, tanto a nivel futbolístico como a nivel humano, non son unha tarefa fácil, que só poderá ser alcanzada co tempo e con constancia e implicación no traballo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario